Bieito Fernández Álvarez, nado en Silvares (Grou, Lobios) en 1909 e finado en Lugo en xaneiro de 1999, foi un xornalista e político galego.

Traxectoria Estudou nos Escolapios de Celanova e despois na Academia Villar de Ourense, onde tivo a Alexandre Bóveda como profesor. Foi empregado de varias ferreterías. Emigrou a Buenos Aires en 1926 onde foi membro fundador da Sociedade Nazonalista Pondal da que formou parte de varias directivas e foi presidente entre abril de 1934 e 1935. Colaborou no voceiro da sociedade A Fouce co nome da casa Bieito Fernández do Palleiro ou co pseudónimo Heraldo, con artigos sobre o problema agrario, a lingua galega, a necesidade dunha arte galega e a independencia de Galicia. Retornou a Grou en 1935 e formou parte da Federación de Mocedades Galeguistas.

O golpe de Estado do 18 de xullo de 1936 sorprendeuno en Grou. Foi o autor do panfleto "Ao povo de Grou", editado na Imprenta Ferreiro de Celanova para conmemorar o Día de Galiza de 1936. Nesta folla de exaltación patriótica recomendaba aos mozos estudar as nosas cantigas e bailes populares, consumir produtos galegos e "pensar e escribir, sempre, en idioma galego". Estivo agochado e finalmente procurou refuxio nas terras de Castro Laboreiro o 31 de marzo de 1937 para evitar ser executado. Retornou a Galiza o 8 de abril e foi mobilizado. Estivo vinte meses na fronte de combate, maiormente en Teruel. Volveu a Ourense rematada a guerra e aprobou unhas oposicións a garda bosques,BOE, 2-11-1940, p, 7550-7553. trasladouse a Viveiro. En xullo de 1943 participou na Asemblea do Partido Galeguista de Coruxo, onde se sentaron as bases para a reorganización do Partido Galeguista no interior. Con Xosé Velo, Remixio González Gándara e outros artellou o Comité Arredista Revolucionario Galego, de vida efémera polas dificultades que impoñía a clandestinidade que se deu a coñecer a través dun manifesto publicado en Patria Galega en abril de 1947, asinado por Bieito Fernández co pseudónimo de B. Silvar.

A finais dos anos sesenta foi un dos fundadores da Agrupación Cultural Auriense de Ourense. Finou en Lugo en xaneiro de 1999. Necrolóxica en La Voz de Galicia, 27-1-1999, p. 80.

Recoñecementos O Clube Alexandre Bóveda homenaxeouno o 14 de abril de 1996, sendo nomeado Socio de Honra do Clube. Homenaxe en Grou o 20 de xuño de 1999, na que se descubriu un monólito e placa.

Notas

Véxase tamén Bibliografía

Ligazóns externas Bieito Fernández

Categoría:Políticos de Galicia Categoría:Xornalistas de Galicia Categoría:Galegos da Arxentina Categoría:Nados en Lobios Categoría:Nados en 1909 Categoría:Finados en 1999