300px|miniatura|Reconstrución paleoxeográfica de Gondwana e Laurentia hai uns 70 millóns de anos antes da oroxenia famatiniana. A oroxenia famatiniana tivo lugar preto do límite da área marcada como "Río Plata". Os terreos e microcontinentes como Cuyania, Pampia e Chilenia fooron omitidos. A oroxenia famatiniana ou oroxenia de Famatina (pola localidade arxentina de Famatina) foi un episodio de formación de montañas anterior ao erguemento dos Andes que tivo lugar no que hoxe é o oeste de Suramérica durante o Paleozoico, que orixinou a formación do oróxeno famatiniano, tamén chamado cinto famatiniano. A oroxenia famatiniana durou desde o Cámbrico tardío a polo menos o Devoniano tardío e posiblemente incluso o Carbonífero temperán, e a súa máxima actividade oroxénica tivo lugar hai de 490 a 460 millóns de anos. A oroxenia implicou o metamorfismo e a deformación da codia terrestre e a erupción e intrusión de magma ao longo do arco magmático famatiniano que formou unha cadea de volcáns. As rochas ígneas do arco magmático famatiniano son de carácter calcoalcalino e comprenden gabros, tonalitas e granodioritas. As rochas ígneas máis novas do arco son granitos.

A relación da oroxenia cos batólitos de Achala e Cerro Áspero do centro da Arxentina non se comprende totalmente. Estes batólitos do Devoniano son posiblemente postoroxénicos.

Afloramentos e sedimentos

Os principais afloramentos do oróxeno famatiniano encóntranse nas Serras Pampeanas do noroeste da Arxentina. Só a parte occidental das Serras Pampeanas conserva probas da oroxenia famatiniana; as partes orientais parece que non foron apenas afectadas. No norte de Chile o complexo metamórfico de Belén crese que forma parte do oróxeno, xa que estivo sometido a metamofismo no Paleozoico temperán. Ao sur, na provincia de La Pampa, os afloramentos asociados coa oroxenia son escasos porque a maioría da rexión quedou cuberta por sedimentos moito máis recentes do Cuaternario.

Na Cordilleira Oriental do Perú hai restos dunha oroxenia "famatiniana" que son da mesma época que a oroxenia famatiniana clásica observada no sur. No período de tempo que vai desde hai 480 a 435 millóns de anos (Cámbrico tardío a Silúrico) as rochas da Cordilleira Oriental foron deformadas e desenvolveuse un arco magmático.

Cara ao que agora é o leste do arco magmático famatiniano durante o Ordovícico unha cunca sedimentaria precámbrico converteuse nunha cunca tras arco. Esta cunca ía desde Perú, a través de Bolivia ao noroeste da Arxentina. A cunca recolleu os sedimentos do oróxeno e arco famatiniano e, aínda que non contiña codia oceánica, era unha cunca mariña.

Tectónica

O magmatismo do arco famatiniano foi causado pola subdución da litosfera do océano de Xápeto por debaixo de Gondwana. A medida que avanzou a subdución, o punto culminante da oroxenia chegou como resultado do choque do terreo de Cuyania (nomeado pola rexión arxentina de Cuyo) con Pampia no Ordovícico.}

Suxeriuse que a oroxenia tacónica apalache contemporánea é a continuación cara ao norte da oroxenia famatiniana. Isto foi explicado engadindo que o continente de Laurentia podería ter colidido con Gondwana (no que agora é o oeste de Suramérica) no Paleozoico temperán debido ao peche do océano de Xápeto. Para apoiar esta hipótese suxeriuse que o oróxeno ten "extremos truncados" que poden encaixar e que ambos comparten o feito de ter sedimentos de plataforma carbonatados no que hoxe son as súas partes occidentais. Ademais, nos mencionados sedimentos ambos os oróxenos conteñen unha fauna similar de trilobites olenélidos, que é algo que non se espera a non ser que ambos os oróxenos tivesen algún tipo de contacto. Isto é así porque os trilobites non teñen a capacidade de cruzar cuncas oceánicas profundas. De acordo con este escenario o terreo de Cuyania sería un bloque alóctono de orixe laurentina que quedou en Gondwana despois de que os continentes se separasen. Pero esta idea é tamén cuestionada porque se suxeriu alternativamente que Cuyania se moveu á deriva polo océano de Xápeto como un microcontinente empezando en Laurentia e acrecionándose despois con Gondwana. Ademais, un terceiro modelo sostén que Cuyania é un paraautóctono e chegou á súa localización actual por movementos de fallas transcorrentes ou de desgarre que non empezaban en Laurentia senón noutra rexión de Gondwana. O feito que o terreo da Precordilleira teña moitos xéneros de trilobites en común con Laurentia pero que moitas especies sexan endémicas levou a interpretacións diverxentes sobre que condicións de historia tectónica e paleoxeografía serían explicacións plausibles para esta bioxeografía.

Notas e referencias Notas

Referencias

Véxase tamén Ligazóns externas Animación da tectónica de placas mundial; repárese na traxectoria de Cuyania (en vermello) desde 0:20 en adiante.

Categoría:Oroxénese