A igrexa de Lye (sueco: Lye kyrka) é unha igrexa medieval luterana en Lye, na illa sueca de Gotland, pertencente á diocese de Visby.
Historia A parte máis antiga da igrexa de Lye é a nave románica, que data de finais do século XII ou de principios do XIII. Un sarcófago de pedra decorado, que orixinalmente puido deseñarse como unha tumba ou relicario, está incorporado á parede da igrexa. É do século XII e foi tallado polo escultor coñecido como Master Sigraf.
A torre engadíuse durante a primeira metade da década de 1220, e máis dun século despois, na década de 1330, construíuse o coro gótico, substituíndo a un anterior de estilo románico. Semella que a construción do cora ía ser o primeiro paso para unha reconstrución máis grande da igrexa, pero por algunha razón o proceso parouse despois de rematar o novo coro.
Dende entón non houbo grandes alteracións na súa estrutura. De feito, as paredes que conectan o coro gótico e a nave románica son aínda máis finos que os do resto da igrexa, indicando que estes só se trataban dun arranxo provisional e que o edificio quedara sen rematar dende a década de 1330. O tellado actual da torre é do ano 1774. A igrexa foi restaurada entre 1954 e 1955.
Arquitectura A desproporcionada igrexa ten ese aspecto exterior polo proceso de reconstrución non rematado durante a idade media. Polo tanto o coro tende a dominar o edificio. A igrexa ten tres portais externos, dous románicos na nave e un gran portal gótico no coro. O portal do coro foi executado polo obradoiro dun canteiro local coñecido como Master Egypticus e contén esculturas que representan a infancia de Cristo, estando coroado por unha escultura de Cristo en Maxestade. A torre da igrexa está decorada con galerías con fiestras.
No interior, a igrexa está decorada con frescos do século XV, representando a Paixón de Cristo, e do século XIV, refresentando a Cristo en Maxestade con grifóns e outros animais imaxinarios ao redor.
Porén, probablemente o elemento máis famoso da igrexa son as súas vidreiras medievais. As fiestras do leste e o sur do coro son do segundo cuarto do século XIV e foron engadidas durante a súa construción. As pinturas na fiestra oriental representan a infancia e paixón de Cristo, e nas do sur aparecen distintos santos, entre eles Catarina de Alexandría e Santo Olavo. As vidreiras da igrexa de Lye son o conxunto de vidreiras medievais mellor consevado dos países nórdicos.
Entre o mobiliario destaca o retablo, realizado en 1496 cunha representación do Veo de Verónica na predela. A gran cruz triunfal data da mesma época, mentres que a pía bautismal é unha peza non decorada do século XIII. No chan tamén hai varias tumbas medievais, incluída unha dun home chamado Jakob, que segundo a inscrición morreu por unha bola de canón mentres participaba no asedio de Eric de Pomerania ao castelo de Visborg en 1449.
Galería de imaxes
Notas
Lye