Botón de áncora (en ) é un filme galego de 1948, dirixido por Ramón Torrado.

Baseado nunha novela homónima de José Luis de Azcárraga Bustamante sobre as aventuras de tres gardamariñas da Escola Naval de Marín, o enorme éxito do filme levou a Ramón Torrado a dirixir outras películas coa mesma fórmula, mais variando lixeiramente as situacións. Tamén contou con tres remakes, un deles dirixido polo propio Torrado.

Argumento José Luis (Antonio Casal), Carlos (Jorge Mistral) e Enrique (Fernando Fernán Gómez) son tres gardamariñas de último curso da Escola Naval de Marín, que viven unha vida desenfadada, gastando bromas aos alumnos novatos e facéndolle as beiras a multitude de mulleres. Un día, Carlos coñece a filla dun armador de pesca chamada María Rosa (Isabel de Pomés), e namórase rapidamente dela, esquecendo a Dorita Beltrán (Alicia Romay), unha artista coa que mantiña unha relación. Pouco despois, Dorita coñece en Vigo a José Luis e decide seducilo para vingarse do seu antigo amante. Carlos acode ao camerino de Dorita para desenganala dunha vez por todas, pero José Luis sorpréndeos xuntos e rómpese a súa amizade.

Elenco

Antonio Casal como José Luis Bahamonde Jorge Mistral como Carlos Corbián. Fernando Fernán Gómez como Enrique Tejada y Sandoval. Isabel de Pomés como María Rosa. Alicia Romay como Dorita Beltrán. Fernando Fernández de Córdoba como Comandante Manzano. Xan das Bolas como "Trinquete". Mary Santpere como Señorita 1. María Isbert como Señorita 2. Félix Fernández como Comandante segundo. Encarna Paso.

Produción A produtora Suevia Films, do galego Cesáreo González, gastou dous millóns e medio de pesetas no filme, un orzamento moi elevado para a época. A rodaxe en Marín e Vigo, que ía durar un mes tivo que alongarse até os 3 meses, por mor do mal tempo. Os autores non estaban seguros de que fose do agrado do réxime franquista, debido a que na película se humanizaba e se facía comedia do mundo militar, polo que autocensuraron algunhas escenas que pensaron que se poderían considerar excesivas. Con todo, o apoio oficial foi total, o filme agradou a Franco, foi declarado de "interese nacional" e Ramón Torrado e Cesáreo González foron convidados ao Palacio do Pardo. Foi tamén o primeiro filme proxectado no Teatro Cine Fraga de Vigo.

O filme foi un grande éxito de público e contou con tres remakes: un homónimo de Miguel Lluch en 1960, outro de Pedro Lazaga en 1967 titulado Los guardamarinas, rodado tamén en Marín e en cuxo elenco se atopaban nomes como José Luis López Vázquez, Emilio Gutiérrez Caba, Alfredo Landa ou Julia Gutiérrez Caba; e un terceiro do propio Torrado en 1974 chamado Los caballeros del botón de ancla co Dúo Dinámico como protagonistas. Ademais Torrado repetiu a fórmula con pequenas variacións en varios filmes máis como La Trinca del Aire (co mesmo trío protagonista), Héroes del Aire ou Un Paso Al Frente, pero non conseguiu o mesmo éxito que coa orixinal.

Foi dobrado ao galego e estreado na TVG o 31 de xaneiro de 1986, dentro do programa Galicia no cine.

Notas

Véxase tamén

Ligazóns externas Ficha do filme en Filmaffinity (en castelán). Ficha do filme en IMDb (en inglés).

Categoría:Filmes de 1948 Categoría:Filmes ambientados en Galicia Categoría:Filmes de España Categoría:Filmes de Galicia Categoría:Filmes en lingua castelá Categoría:Filmes rodados en Marín Categoría:Filmes rodados en Vigo Categoría:Filmes de Suevia Films Categoría:Filmes de 1948 con versión en galego