The Handmaid's Tale é unha serie de televisión estadounidense de xénero distópico e dramático creada por Bruce Miller, que está baseada na novela homónima de 1985 de Margaret Atwood. Foi encargada inicialmente polo servizo de vídeo en liña Hulu como unha serie de 10 episodios cuxa produción comezou a finais de 2016. O argumento sitúase nun futuro distópico despois da segunda guerra civil estadounidense, onde unha sociedade relixiosa e totalitaria mantén cativas as mulleres fértiles, chamadas "criadas", nun sistema de servidume co único obxectivo da reprodución.

Os primeiros tres episodios da serie emitíronse o 26 de abril de 2017; os seguintes sete episodios emitíronse semanalmente. En maio de 2017, a serie foi renovada para unha segunda tempada que foi estreada o 25 de abril de 2018. En maio de 2018, Hulu anunciou que a serie sería renovada para unha terceira tempada, que se estreou o 5 de xuño de 2019. En xullo de 2019, a serie foi renovada para unha cuarta tempada. En setembro de 2019, anunciouse que Hulu e MGM estaban a desenvolver unha serie secuela, que está baseada na novela de Atwood The Testaments.

The Handmaid's Tale recibiu a aclamación da crítica e a súa primeira tempada gañou oito Premios Primetime Emmy de trece nomeamentos, incluíndo mellor serie dramática, converténdose na primeira serie de servizo de streaming en gañar un Emmy á mellor serie. Tamén gañou dous Globos de Ouro nas categorías de mellor serie de televisión dramática e mellor actriz para Elisabeth Moss.

Notas

Véxase tamén

Ligazóns externas Páxina oficial

Categoría:Series de televisión en lingua inglesa Categoría:Series de televisión iniciadas en 2017 Categoría:Series de televisión dos Estados Unidos de América