«COX-1» redirixe aquí, para a subunidade 1 da citocromo oxidase mitocondrial (cox1), ver MT-CO1. A ciclooxixenase 1 (COX-1), tamén chamada prostaglandina G/H sintase 1, prostaglandina-endoperóxido sintase 1 ou prostaglandina H2 sintase 1, é un encima que nos humanos está codificado no xene PTGS1 do cromosoma 9. É unha das dúas ciclooxixenases que posúen os humanos; a outra é a ciclooxixenase 2.

Historia

As ciclooxixenases (COX) son os encimas centrais na vía biosintética das prostaglandinas a partir do ácido araquidónico. Esta proteína foi illada hai máis de 40 anos e clonada en 1988.

Xenes e isocimas

Existen dous isocimas COX codificados en distintos xenes: o encima constitutivo COX-1 (o deste artigo) e o encima inducible COX-2, que se diferencian na regulación da súa expresión e distribución nos tecidos. A expresión destes dous transcritos está regulada diferencialmente por citocinas e factores de crecemento. Este xene codifica COX-1, que regula a anxioxénese nas células endoteliais. A COX-1 está tamén implicada na sinalización celular e a homeostase para o mantemento dos tecidos. Unha variante de empalme de COX-1 denominada COX-3 foi identificada no SNC de cans, pero non era unha proteína funcional en humanos. Tamén se descubriron dúas proteínas máis pequenas derivadas de COX-1 (as proteína COX-1 parciais PCOX-1A e PCOX-1B), mais a súa función precisa aínda non se describiu.

Función

A ciclooxixenase 1 é o encima clave na bosíntese das prostaglandinas. Converte o ácido araquidónico libre, que a actividade encimática da fosfolipase A2 libera dos fosfolípidos de membrana no sitio de esterificación sn-2, en prostaglandina H2 (PGH2). A reacción implica tanto unha actividade de ciclooxixenase (dioxixenase) coma de hidroperoxidase (peroxidase). A actividade de ciclooxixenase incorpora dúas moléculas de oxíxeno no ácido araquidónico ou substratos de ácidos graxos poliinsaturados, como o ácido linoleico e o ácido eicosapentaenoico. O metabolismo do ácido araquidónico forma un intermediario peróxido lábil, a PGG2, que é reducido ao alcohol correspondente, o PGH2, pola actividade hidroperoxidase do encima.

Aínda que a COX-1 metaboliza principalmente o ácido araquidónico xerando PGG2, a COX-1 tamén converte este ácido graxo en pequenas cantidades de mestura racémica de ácidos 15-hidroxiicosatetraenoicos (15-HETE) compostos por un ~22% do estereoisómero 15(R)-HETE e ~78% de 15(S)-HETE e pequenas cantidades de 11(R)-HETE. Os dous estereoisómeros 15-HETE teñen actividades biolóxicas intrínsecas pero, o que é máis importante, poden ser posteriormente metabolizados orixinando unha clase importante de axentes inflamatorios, as lipoxinas. Ademais, a PGG2 e a PGH2 rearránxanse non encimaticamente a unha mestura de ácido 12-hidroxiheptadecatrienoico, é dicir, ácido 1 2-(S)-hidroxi-5Z,8E,10E-heptadecatrienoico (12-HHT) e ácido 12-(S)-hidroxi-5Z,8Z,10E-heptadecatrienoico e mais malonildialdehido, e poden ser metabolizados polo CYP2S1 a 12-HHT (ver ácido 12-hidroxiheptadecatrienoico). Estes metabolitos alternativos da COX-1 poden contribuír ás súas actividades.

A COX-1 promove a produción da cuberta natural de mucus que protexe o interior do estómago e contribúe a reducir a secreción de ácido e do contido de pepsina. A COX-1 está normalmente presente en varias zonas do corpo, incluíndo non só o estómago senón tamén calquera sitio de inflamación.

Importancia clínica A COX-1 é inhibida polos AINEs (antiinflamatorios non esteroides) como a aspirina. O tromboxano A2, o produto principal xerado pola COX-1 nas plaquetas, induce a agregación plaquetaria. A inhibición de COX-1 é unha e explicación suficiente de por que unha dose de aspirina é efectiva para reducir os episodios cardíacos.

Notas

Véxase tamén Outros artigos Ácido araquidónico Ciclooxixenase Ciclooxixenase 2 AINE

Bibliografía

Categoría:Prostaglandinas Categoría:Proteínas periféricas de membrana Categoría:Oxidorredutases