Mykolai Charnetskyi, nado o 14 de decembro de 1884 en Semakivtsi (Austria-Hungría, hoxe Ucraína) e finado o 2 de abril de 1959 en Lviv (RSS de Ucraína), foi un redentorista greco-católico ucraíno, exarca apostólico de Volinia, Polesia e Podlasia, e beato da Igrexa católica.
Traxectoria Primeiros anos Naceu o 14 de decembro de 1884 en Semakivtsi, entón no Reino de Galicia e Lodomeria, hoxe en Ucraína; era o maior dos nove fillos que tiveron Oleksandr e Paraskeva Charnetskyi. Foi enviado polo bispo Hryhorii Khomyshyn a estudar no Pontificio Colexio Ucraíno de Roma, e o 2 de outubro de 1909 foi ordenado sacerdote da eparquía de Stanislaviv polo bispo Khomyshyn; posteriormente volveu a Roma onde doutorouse en Teoloxía. Á súa volta a Stanislaviv ensinou Teoloxía dogmática e Filosofía no seminario diocesano durante nove anos, exercendo tamén as funcións de director espiritual do mesmo. Relixioso redentorista e exarca En 1913 a provincia belga dos redentoristas estabeleceu unha misión en Lviv. Charnetskyi entrou como novizo en 1919, e o 16 de setembro de 1920 profesou como membro da Congregación do Santísimo Redentor. Posteriormente traballou nunha parroquia próxima, e máis tarde ensinou no seminario menor da congregación.
En 1926 os redentoristas comezaron unha nova misión en Volinia, co principal propósito de mellorar as relacións entre católicos e ortodoxos. O papa Pío XII nomeouno o 16 de xaneiro de 1931 bispo titular de Lebedus e visitador apostólico para os greco-católicos de Volinia e Podlasia. Recibiu a consagración episcopal o 2 de febreiro de mans do mesmo Khomyshyn, e tivo como co-consagrantes ao bispo de Lungro Giovanni Mele e ao superior xeral dos marianos Pranciškus Būčys. En 1939 foi nomeado exarca apostólico de Volinia, Polesia e Podlasia, e administrou tamén o exarcado de Belarús até o nomeamento de Anton Niemancevič.
Invasión soviética Logo da invasión soviética de 1944, en 1945 Charnetsyi foi arrestado e acusado de ser axente dun poder estranxeiro (o Vaticano), polo que foi condenado a traballos forzados. Inicialmente foi compañeiro de prisión de Yosyf Slipyi en Mariinsk, mais ao longo da súa condena estivo en máis de 30 centros diferentes. En 1956 a súa saúde estaba tan deteriorada que as autoridades decidiron liberalo. Finou anos despois, o 2 de abril de 1959.
Culto O papa Xoán Paulo II beatificouno o 27 de xuño de 2001 na súa visita pastoral a Ucraína, xunto aos compañeiros mártires da súa causa conxunta.Os outros mártires da Igrexa católica ucraína beatificados canda el foron: os bispos Yosafat Kotsylovskyi, Nykyta Budka, Symeon Lukach, Vasyl Velychkovskyi, Ivan Sleziuk, Hryhorii Khomyshyn e Hryhorii Lakota; os presbíteros Mykola Konrad, Andrii Ishchak, Roman Lysko, Mykola Tsehelskyi, Petro Verhun e Oleksii Zarytskyi; os relixiosos Yakym Senkivskyi, Severiian Baranyk, Zenon Kovalyk, Vitalii Bairak e Ivan Ziatyk; as relixiosas Tarsykiia Matskiv, Olimpiia Bida e Lavrentiia Harasymiv; e o laico Volodymyr Pryima. Tamén foron beatificados os bispos grecocatólicos rusos Leonid Fedorov e Klymentii Sheptytskyi; e o bispo ruteno Teodor Romzha. Notas
Categoría:Nados en 1884 Categoría:Nados na rexión de Ivano-Frankivsk Categoría:Finados en 1956 Categoría:Redentoristas de Ucraína Categoría:Bispos católicos de Ucraína Categoría:Bispos católicos de Belarús Categoría:Bispos católicos de Polonia Categoría:Bispos católicos do século XX Categoría:Bispos da Igrexa católica bizantina ucraína Categoría:Beatos do catolicismo