Manuel Mosquera Rey, coñecido como Manu Mosquera, nado na Coruña o 26 de xaneiro de 1999, é un futbolista galego que xoga como dianteiro no Torre SD, da Primeira Futgal. É fillo do exfutbolista e adestrador Manuel Mosquera e irmán maior do tamén futbolista David Mosquera.
Traxectoria Naceu na Coruña en 1999, sendo seu pai o histórico dianteiro do CF Extremadura Manuel Mosquera, criado na canteira do Deportivo da Coruña. Manu incorporouse tamén ás categorías inferiores do Deportivo en 2009, con dez anos. En 2018 foi cedido ao Laracha CF de Tercera División, segundo filial do Deportivo, onde debutou o 30 de setembro dese ano na vitoria por 1-0 sobre o Racing Club Vilalbés.
Mosquera marcou o seu primeiro gol na Terceira División o 17 de novembro de 2018, conseguindo o empate a 1-1 contra o Silva SD. Despois de ser titular habitual no Laracha, debutou co Fabril en Segunda División B o 19 de maio de 2019, xogando os últimos 19 minutos na derrota por 0-1 ante o Real Valladolid B, aínda que o seu equipo estaba xa descendido.
O 7 de decembro de 2019, Mosquera fichou polo Extremadura UD, adestrado por seu pai, sendo inicialmente asignado ao filial en Terceira. Despois da pandemia por coronavirus foi incluído nos adestramentos do primeiro equipo e debutou como profesional na Segunda División o 12 de xuño de 2020, substituíndo a Víctor Pastrana no empate por 1-1 contra o Elche CF. Tralo remate da tempada volveu ao Fabril.
O 6 de xaneiro de 2021 debutou co primeiro equipo do Deportivo da Coruña en partido oficial (xa o fixera no Trofeo Teresa Herrera 2020), na segunda rolda da Copa do Rei fronte ao Alavés en Riazor, xogando como titular. Catro días despois debutou co Deportivo en liga, no partido contra o Zamora no Ruta de la Plata.
No verán de 2021, despois de máis dunha década no Deportivo, deixou o club galego e fichou polo CP Cacereño. Con todo, apenas dispuxo de minutos no equipo estremeño, desvencellándose do mesmo en xaneiro de 2022. Fichou entón polo Ourense CF, da Terceira División. Disputou 9 encontros co equipo do Couto, contribuíndo cun gol ao ascenso do equipo á Segunda RFEF.
En agosto de 2022 foi presentado como novo xogador do Arzúa, de Terceira RFEF, pero só 10 días despois deixou o club e fichou polo Victoria coruñés, de Preferente Galicia. Disputou 10 partidos co equipo do barrio de Santa Lucía, pero acabou a tempada vestindo a camiseta do Pol, na Primeira Galicia. En xuño de 2023 fichou definitivamente polo Arzúa, adestrado por Chus Baleato, no que xogou unha tempada, marcando un gol en 19 partidos.
En maio de 2024 incorporouse á UD Santa Marta, club da Terceira Federación da localidade salmantina de Santa Marta de Tormes, pero deixou o equipo pouco despois e en agosto regresou ao fútbol coruñés para asinar como novo xogador do Silva, da mesma categoría, co que xogou 15 partidos ao longo da tempada 2024/25.
En decembro de 2025 converteuse en novo xogador do Racing Vilalbés, co que disputou 19 encontros sen conseguir ver porta. En xullo de 2026 anunciouse a súa chegada ao Torre SD coruñés, da Primeira Futgal.
Notas
Véxase tamén Ligazóns externas Manu Mosquera en LaPreferente.com
Categoría:Nados en 1999 Categoría:Nados na Coruña Categoría:Futbolistas da Coruña Categoría:Dianteiros de fútbol Categoría:Xogadores do Laracha CF Categoría:Xogadores do Deportivo Fabril Categoría:Xogadores do Extremadura UD Categoría:Xogadores do Deportivo da Coruña Categoría:Xogadores do CP Cacereño Categoría:Xogadores do Ourense CF Categoría:Xogadores do CSD Arzúa Categoría:Xogadores do Victoria CF