Wallmapuwen (que quere dicir «os integrantes do Wallmapu» en mapuche; ou tamén traducido como «compatriotas do país mapuche») é un movemento político indixenista mapuche. Con sede en Temuco, Chile, estivo constituído legalmente como partido político entre 2016 e 2017.
Historia Este partido orixinouse a partir dun núcleo fundador no mes de abril de 2005. En agosto dese mesmo ano, asinou a súa declaración de principios e en outubro realizou unha reunión para darse a coñecer publicamente. O 4 de novembro de 2006, lanzou as súas bases programáticas na cidade de Temuco, e un ano máis tarde, o 24 de novembro de 2007, nun acto público na mesma cidade, subscribiu a acta da súa inscrición perante o Servizo Electoral (Servel), constituíndose no primeiro proxecto de partido político propiamente mapuche da historia deste pobo en inscribirse legalmente. A súa inscrición foi rexeitada en seis ocasións.
O 11 de xullo de 2015 foi creado oficialmente o partido, e o 30 de outubro dese mesmo ano foi declarado como «partido político en formación» polo Servel, comezando o proceso de recollida de sinatura para constituírse de maneira legal. Presentaron arredor de 1 300 sinaturas o 21 de abril de 2016, e o 2 de xuño o Servizo Electoral inscribiu legalmente o partido na Rexión de Araucanía. Porén, ao non ter o número mínimo de militantes, o Servel anunciou o 27 de abril de 2017 que o partido sería disolto ao non chegar ao número mínimo de militantes en tres rexións contiguas ou oito discontiguas.
Ideoloxía e propostas thumb|Bandeira Wenufoye creada en 1992 pola organización indixenista denominada "Consello de Tódalas Terras"; principal símbolo do movemento autonomista mapuche, en Chile (principalmente) e na Arxentina. Wallmapuwen ten unha ideoloxía de esquerda, democrática, nacionalista mapuche, autonomista e laica. O seu principal obxectivo é acadar, no marco dun Estado plurinacional, plurilingüístico e descentralizado en Chile, un estatuto de autonomía para a Rexión de Araucanía, máis algunhas comunas adxacentes das rexións de Biobío e de Los Ríos, a cal denominan Wallmapu (literalmente «Territorio circundante», é dicir, a área tradicional de asentamento mapuche durante os séculos XIX e XX). Deste xeito, Wallmapuwen procura centrar a vida política mapuche no seu propio territorio. Tamén busca a cooficialidade do mapuche, o principal trazo de identidade do pobo mapuche, na rexión autónoma, seguindo o exemplo das nacionalidades históricas e o modelo das comunidades autónomas en España.
Wallmapuwen estabeleceu acordos de cooperación con outras forzas políticas como Esquerra Republicana de Catalunya (ERC), o Bloque Nacionalista Galego (BNG), ámbolos dous en España, e a Unión Democrática Bretoa (UDB), en Francia. Durante 2007, estabeleceu relacións coa Alianza Libre Europea (ALE), partido político con representación no Parlamento Europeo, conformado por unha trintena de partidos independentistas, autonomistas e rexionalistas.
Notas
Véxase tamén Outros artigos Pobo mapuche
Categoría:Partidos políticos de Chile Categoría:Organizacións mapuches Categoría:Conflito mapuche