Gabriela Antonia García Segura, coñecida como Gaby, nada en Tunapuy, Estado Sucre, Venezuela, o 2 de abril de 1997, é unha futbolista venezolana, que xoga de dianteira e centrocampista no Atlético de Madrid, da Primeira División. Entre 2017 e 2021 militou no Deportivo da Coruña, club do que é a segunda máxima goleadora histórica, con 73 goles en 113 partidos. É internacional coa selección de Venezuela.

Traxectoria Practicou varios deportes, destacando no balonmán, e aos 15 anos pasou ao fútbol, comezando nun equipo de rapaces. Pasou logo polo Centro Árabe de Carúpano e en 2013 chegou ao Estudiantes de Guárico, onde militou catro anos.

En 2017 cruzou o Atlántico xunto a Kika para asinaren as dúas co Deportivo da Coruña, que xogaba na Segunda división española. Alí formou unha gran dupla goleadora con Peke e na tempada 2018/19 o equipo ascendeu á Primeira división, con 31 goles de Gaby. Na máxima categoría o adestrador Manu Sánchez atrasou a súa posición ata a mediapunta.

En febreiro de 2021 converteuse na primeira futbolista da historia do Deportivo en acadar os 100 partidos. Militou no club durante catro tempadas e media, disputando un total de 113 encontros oficiais nos que marcou 73 goles. Deixou o club no verán de 2021, sendo naquel momento a xogadora con máis partidos na historia do club (ocupando na actualidade a cuarta praza por detrás de Cris Martínez, Eva Dios e Raquel García) e como a súa segunda máxima goleadora histórica, só por detrás de Peke.

A continuación fichou pola Real Sociedad, onde xogou dous anos. Na súa segunda tempada guiou o equipo donostiarra ata a final da Supercopa de España, na que o se enfrontou ao FC Barcelona, pero nese partido sufriu unha fractura de peroné que a obrigou a pasar polo quirófano.

En xuño de 2024 anunciouse a súa fichaxe polo Atlético de Madrid.

Selección venezolana Foi internacional coa selección venezolanas sub-17, coa que se proclamou campioa suramericana en 2013, e coa que disputou a Copa do Mundo de 2014 en Costa Rica, chegando a semifinais. Coa selección sub-20 foi subcampioa suramericana en 2015 e ao ano seguinte participou na Copa do Mundo en Papúa-Nova Guinea.

Debutou coa selección venezolana absoluta o 10 de xuño de 2017 nun amigable contra a selección mexicana.

Notas

Véxase tamén Ligazóns externas Datos da xogadora en Soccerway . Datos da xogadora na web do Deportivo da Coruña.

Categoría:Nados en 1997 Categoría:Nados no estado de Sucre Categoría:Futbolistas de Venezuela Categoría:Dianteiros de fútbol Categoría:Xogadoras do Deportivo da Coruña Feminino Categoría:Xogadoras da selección de fútbol de Venezuela