Chámanse Palliri as persoas que se dedican a amorear, escoller e pulverizar rocas residuais da industria mineira co fin de atopar mineral. Trátase dun traballo principalmente realizado por mulleres.

Etimoloxía O termo palliri, utilizado en Bolivia, deriva do vocábulo pallar, utilizado nas linguas aimará e quechua, que significa "amorear". A terminación -iri designa a persoa que executa unha actividade. O oficio é exercido nas rexións de ampla tradición mineira de prata e estaño, como Potosí e Oruro, desde o período colonial.

Características As palliris estabelécense nas entradas das minas. Seleccionan as rochas sen grandes cantidades de mineral e buscan cantidades menores de minerais, para o que as golpean e creban. O oficio é exercido principalmente por mulleres indíxenas ou cholas (mestizas). Sentadas no exterior, realizan a selección á intemperie coas mans ou cunha maza.

Riscos O de palliri trátase dun oficio altamente precario. Realízase de maneira artesanal e na maioría dos casos sen equipos de seguridade. Quen o exercen expóñense, xa que logo, á contaminación atmosférica por partículas en suspensión e mais á contaminación do solo por exposición a materiais perigosos.

Evolución do oficio Ao esgotárense algunhas minas, o oficio de palliri transformouse. Moitas destas mulleres pasaron a realizar traballos no interior da mina e afiliáronse a FENCOMIN (Federación Nacional De Cooperativas Mineras De Bolivia).

Co esgotamento das minas e a precariedade das condicións laborais nas cidades de tradición mineira, xurdiron outros oficios precarizados. Un deles é o de garda bocaminas, igualmente realizado por mulleres en condicións de alto risco e sen cobertura de beneficios laborais. esquerda|miniatura|Monumento ao mineiro na cidade de Oruro. Á dereita, sentada, figura unha palliri

Figura icónica Nas cidades de tradición mineira, a figura da palliri é asociada aos valores arquetípicos de nai. Porén, é designada tamén como símbolo rexional e símbolo da loita sindical.

Na década de 1980 deuse a chamada "relocalización" tralo peche de varias minas. Existen monumentos e alegorías á súa figura en diferentes rexións ás que migraron os traballadores e traballadoras da minaría en Bolivia. Así, por exemplo, poden atoparse esculturas en barrios da cidade de El Alto, próxima á capital do país.

A súa figura é tamén parte da cultura popular. Está representada en filmes, cancións, poemas ou bailes.

Entre as palliris máis destacadas atópanse María Barzola e Domitila Barrios.

Notas

Categoría:Ocupacións industriais