A tiroglobulina (Tg) é unha glicoproteína dímera de 660 kDa producida polas células foliculares da tiroide, que funciona enteiramente dentro da glándula tiroide. A tiroglobulina segrégase e acumúlase a un nivel de centos de gramos por litro no compartimento extracelular dos folículos tiroides, onde representa aproximadamente a metade do contido proteico da glándula tiroide. A tiroglobulina humana (hTG) é un homodímero de subunidades de 2768 aminoácidos cada unha cando acaba de sintetizarse (elimínase un péptido sinal de 19 aminoácidos do N-terminal na proteína madura).((cite web |url="https://www.ncbi.nlm.nih.gov/protein/NP_003226.4"))
A tiroglobulina é en todos os vertebrados o principal precursor das hormonas tiroides, que se producen cando os residuos de tirosina da tiroglobulina se combinan co iodo e a proteína é seguidamente cortada. Cada molécula de tiroglobulina contén aproximadamente de 100 a 120 residuos de tirosina, pero só un pequeno número (20) deles sofren iodación pola acción da tiroperoxidase no coloide folicular. Por tanto, cada molécula de tiroglobulina forma aproximadamente 10 moléculas de homona tiroide.
A proteína está codificada no xene TG do cromosoma 8 humano.
Función
miniatura|esquerda|Síntese das hormonas tiroides. Esta imaxe mostra a tiroglobulina desde a súa produción no retículo endoplasmático rugoso ata a liberación proteolítica das hormonas tiroides. A tirogloblina (Tg) actúa como substrato para a síntese das hormonas tiroides tiroxina (T4) e triiodotironina (T3), así como para o almacenamento de formas inactivas de hormonas tiroides e iodo dentro do lume do folículo tiroide.
As hormonas tiroides neosintetizadas (T3 e T4) están unidas á tiroglobulina e forman parte do coloide que hai dentro do folículo. Cando a tiroide recibe o estímulo da hormona estimulante da tiroide (TSH), o coloide é endocitado desde o lume folicular cara ás células epiteilais foliculares que o rodean. O coloide é seguidamente cortado por proteases para que a tiroglobulina se libere da súa unión con T3 e T4.
As formas activas das hormonas tiroides: T3 e T4, son despois liberadas á circulación, onde están libres ou maiormente unidas a proteínas do plasma, e a tiroglobulina é reciclada e volve ao lume folicular, onde pode continuar servindo como substrato para a síntese de hormonas tiroides.
Importancia clínica Vida media e niveis clínicos
O metabolismo da tiroglobulina ocorre no fígado e por medio do reciclado na glándula tiroide da proteína. A tiroglobulina circulante ten unha vida media de 65 horas e acaba sendo fagocitada por macrófagos hepáticos. Despois dunha tiroidectomía, poden pasar moitas semanas antes de que os niveis de tiroglobulina se fagan indetectables. Os niveis de tiroglobulina poden comprobarse regularmente durante unhas poucas semanas ou meses despis da extirpación da tiroide.
Unha posterior elevación do nivel de tiroglobulina é unha indicación da recorrencia dos carcinomas tiroides foliculares ou papilares. Noutras palabras, unha elevación nos niveis de tiroglobulina no sangue poden ser un signo de que as células do cancro de tiroide están crecendo ou que o cancro se está espallando. Por tanto, os niveis de tiroglobulina no sangue son utilizados principalmente como marcador tumoral para certos tipos de cancro de tiroide, especialmente o folicular ou papilar. A tiroglobulina non se produce no carcinoma tiroide anaplástico ou medular.
Os niveis de tiroglobulina compróbanse por medio dun test sanguíneo. Estes test adoitan prescribirse despois dun tratamento de cancro de tiroide.
Anticorpos antitiroglobulina No laboratorio clínico, a realización dos test de tiroglobulina pode verse complicado pola presenza de anticorpos antitiroglobulina (ATAs ou TgAb). Os anticorpos antitiroglobulina están presentes en 1 de cada 10 individuos normais e nunha porcentaxe maior de pacientes de carcinoma de tiroide. A presenza destes anticorpos pode ter como resultado a detección de niveis falsamente baixos (ou máis raramente falsamente altos) de tiroglobulina, un problema que pode ser en parte evitado facendo tests á vez da presenza de anticorpos antitiroglobulina. A estratexia ideal para a interpretación e xestión dos coidados dun paciente clínico no caso de detección confusa de anticorpos antitirogloblina é facer tests para obter medidas cuantitativas en serie (en vez de facer unha soa medida de laboratorio).
Os anticorpos antitiroglobulina atópanse con frecuencia en pacientes de tiroidite de Hashimoto ou da enfermidade de Graves. A súa presenza é de uso limitado no diagnóstico destas doenzas, xa que poden tamén estar presentes en individuos sans con funcionamento normal da tiroide (eutiroides). Os anticorpos antitiroglobulina atópanse en persoas que padecen encefalopatía de Hashimoto, un trastorno neuroendócrino relacionado (pero non causado) pola tiroidite de Hashimoto.
Interaccións
A tiroglobulina presenta interaccións coa proteína BiP.
Notas
Véxase tamén Bibliografía
Ligazóns externas First look at the structure of human TG Tiroglobulina - Lab Tests Online
Resumo en colostate.edu
Categoría:Endocrinoloxía Categoría:Tiroide Categoría:Glicoproteínas Categoría:Marcadores de tumores