O tracto gastrointestinal (tracto GI, tracto dixestivo, canle alimentaria ou tubo dixestivo) é o tracto ou tubo do sistema dixestivo que vai da boca ao ano. O tracto GI comprende diversos tramos de diferente grosor e especialización que se observan nos sistema dixestivo dos humanos e outros animais, incluíndo o esófago, estómago e intestinos. O alimento entra pola boca e é dixerido para extraer os nutrientes que contén e absorber a súa enerxía, e os residuos que non se poden procesar máis son expulsados polo ano como feces. Gastrointestinal é un adxectivo que especificamente significa pertencente ao estómago e aos intestinos. Entérico significa pertencente ao intestino.

A maioría dos animais teñen un tracto dixestivo completo. As excepcións son os animais máis primitivos, como as esponxas, cnidarios e outros. As esponxas carecen de tracto dixestivo e teñen pequenos poros (ostia) por todo o seu corpo por onde entra a auga co alimento, o cal é dixerido individualmente polas células do interior do corpo, e teñen un gran poro dorsal (ósculo) para a expulsión da auga e residuos. Os ctenóforos teñen unha boca ventral e poros anais dorsais. Os cnidarios teñen un só poro para a inxestión do alimento e a excreción e unha cavidade interna dixestiva. Os acelos teñen unha boca que desemboca nun mesénquima e carecen de cavidade interna e fan a dixestión nun vacúolo rodeado por un sincitio e non tapizado por células epiteliais especializadas. Algúns animais parasitos carecen de aparato dixestivo diferenciado (tenias).

O tracto dixestivo humano comprende o esófago, o estómago e os intestinos e está dividido en tracto gastrointestinal superior e inferior. Inclúe todas as estruturas que están entre a boca e o ano, formando un tubo continuo que inclúe os principais órganos da dixestión: estómago (dixestión) e intestino delgado (dixestión e absorción de nutrientes), que se continúa co intestino groso, onde se forman as feces e absórbese auga e sales. O sistema dixestivo humano completo comprende tamén os órganos que verten no tubo dixestivo, como as glándulas salivares, o páncreas e o fígado coa vesícula biliar, e as estruturas da boca. O tracto GI pode dividirse en anterior (da boca ao duodeno), medio (do duodeno ao colon transverso) e posterior (do colo transverso ao ano), de acordo coa orixe embriolóxica de cada segmento. O tracto GI humano completo mide uns nove metros de longo nunha autopsia. É considerablemente máis curto no corpo vivo porque os intestinos, que conteñen paredes con tecido muscular liso, manteñen un constante ton muscular nun estado de tensión media, pero poden relaxarse en certas zonas para producir unha distensión local e a peristalse.

No tracto gastrointestinal vive a microbiota intestinal, na que se identificaron unhas 4000 cepas de bacterias que teñen diferentes papeis no mantemento da saúde inmunitaria e o metabolismo xunto con outros microorganismos. Algunhas células do tracto GI liberan hormonas que axudan a regular o proceso dixestivo. Estas hormonas dixestivas, como a gastrina, secretina, colecistoquinina e ghrelina, actúan por mecanismos intrácrinos ou autócrinos, o que indica que as células que liberan estas hormonas son estruturas conservadas ao longo da evolución.Nelson RJ. 2005. Introduction to Behavioral Endocrinology. Sinauer Associates: Massachusetts. p 57.

Tracto gastrointestinal humano

Estrutura miniatura|350px|Sistema dixestivo A estrutura e funcionamento do sistema dixestivo pode describirse pola súa anatomía, microanatomía, histoloxía e fisioloxía. O tracto divídese en tracto superior e inferior e os intestinos en delgado e groso.

Tracto gastrointestinal superior

O tracto gastrointestinal superior consta de boca, farinxe, esófago, estómago e duodeno. A demarcación exacta entre os tractos superior e inferior é o músculo suspensorio do duodeno. Este diferencia os límites embrionarios entre os intestinos anterior e posterior e é tamén a división utilizada normalmente polos médicos para describir as hemorraxias gastrointestinais como de orixe "superior" ou "inferior". Facendo unha disección, o duodeno completo pode parecer un órgano unificado, mais se nos baseamos na función, localización e anatomía interna está dividido en catro segmentos. Os catro segmentos do duodeno son os seguintes (comezando no estómago e movéndonos cara ao xexuno): bulbo, segmentos descendente, horizontal e ascendente. O músculo suspensorio une o bordo superior do duodeno ascendente ao músculo diafragma.

O músculo suspensorio é un importante punto de referencia anatómico que mostra a división entre o duodeno e o xexuno, o primeiro e segundo tramos do intestino delgado, respectivamente. É un músculo delgado que deriva do mesoderma embrionario.

Tracto gastrointestinal inferior

O tracto gastrointestinal comprende a maior parte do intestino delgado e todo o intestino groso. En anatomía humana, o intestino (tripas, ou énteron/éntera en grego) é o segmento do tracto gastrointestinal que se estende desde o esfínter pilórico do estómago ao ano e consta de dous segmentos: intestino delgado e intestino groso. Nos humanos o intestino delgado é subdividido en duodeno, xexuno e íleo, mentres que o intestino groso subdivídese en cego, colon ascendente, transverso, descendente e sigmoide, recto e canle anal.

Intestino delgado miniatura|240px|Ilustración do intestino delgado

O intestino delgado empeza no duodeno e é unha estrutura tubular de entre 6 e 7 m de longo. A área da superficie mucosa do intestino delgado nun humano adulto é duns 30 m2. A combinación na súa superficie interna de pregamentos circulares (ou válvulas conniventes), as vilosidades e as microvilosidades multiplican a área de absorción da mucosa por 600, o que fai unha área total duns 250 m2 en todo o intestino delgado. A súa principal misión é rematar a dixestión dos alimentos (no duodeno) e absorber os produtos da dixestión (carbohidratos, proteínas, lípidos e vitaminas), que pasan ao torrente sanguíneo. Divídese en tres partes: Duodeno.- Curta estrutura duns 20–25 cm de longo que recibe o quimo procedente do estómago, e onde se verten os zumes pancreáticos que conteñen encimas dixestivos e secrecións de pH básico, e a bile procedente da vesícula biliar e producida no fígado. Os encimas dixestivos degradan as proteínas e a bile emulsiona as graxas orixinando finas micelas. O duodeno contén glándulas de Brunner que producen unha secreción rica en mucus e alcalina, xa que contén bicarbonato. Estas secrecións, en combinación co bicarbonato do páncreas, neutralizan os ácidos procedentes do estómago contidos no quimo. A parede intestinal tamén produce algúns encimas dixestivos. Xexuno.- É o tramo medio do intestino delgado, que conecta o duodeno co íleo. Ten unha lonxitude duns 2,5 m e contén pregamentos circulares e vilosidades que incrementan a súa área superficial. Aquí, os produtos da dixestión (azucres, aminoácidos e ácidos graxos) absórbense cara ao sangue. Íleo.- É o tramo final do intestino delgado, duns 3 m de longo. Contén vilosidades similares ás do xexuno. Absorbe principalmente vitamina B12 e ácidos biliares, así como os outros nutrientes restantes. A válvula ileocecal sepárao do cego.

Intestino groso

O intestino groso comprende o cego, colon e recto e acaba na canle anal. Do cego colga unha delgada prolongación chamada apéndice. Unha división máis completa divídeo en: Cego (primeira porción do intestino groso, onde se inicia o colon) e o apéndice. Colon ascendente (ascende desde o cego pola parede posterior da parte dereita do abdome). Flexura cólica dereita (porción onde o colon ascendente se curva e empeza o colon transverso preto do fígado). Colon transverso (atravesa horizontalmente o abdome baixo o diafragma). Flexura cólica esquerda (porción onde o colon transverso se curva e empeza o colon descendente preto do bazo). Colon descendente (parte do colon que descende pola parte esquerda do abdome). Colon sigmoide (un tramo curvado que comunica o colon descendente co recto). Recto. Canle anal. A principal función do intestino groso é absorber auga e sales e formar as feces. Contén unha numerosa flora bacteriana. A área da mucosa do intestino groso dun humano adulto é duns 2 m2.

Desenvolvemento

O tubo dixestivo é unha estrutura derivada do endoderma embrionario. Aproximadamente no décimo sesto día do desenvolvemento humano, o embrión empeza a dobrarse ventralmente (e a superficie ventral do embrión faise cóncava) en dúas direccións: os laterais do embrión dóbranse un sobre o outro e a cabeza e a cola dóbranse unha en dirección á outra. O resultado é que unha parte do saco vitelino, unha estrutura tapizada polo endoderma en contacto coa parte ventral do embrión, empeza a evaxinarse e converterse no tubo dixestivo primitivo. O saco vitelino permanece conectado ao tubo dixestivo por medio do conduto vitelino. Xeralmente, esta estrutura sofre regresión durante o desenvolvemento; en casos nos que isto non ocorre así, esta recibe o nome de divertículo de Meckel.

Durante a vida fetal, o intestino primitivo queda gradualmente dividido en tres segmentos: intestino anterior, medio e posterior. Aínda que estes termos úsanse a miúdo en referencia a segmentos do tubo dixestivo primitivo, tamén se usan comunmente para describir rexións do tubo dixestivo definitivo.

Cada segmento do tubo dixestivo queda despois máis especificado e dá lugar a partes específicas del e a estruturas asociadas con el no desenvolvemento posterior. Os compoñentes derivados do tubo dixestivo propiamente dito, como o estómago e o colon, desenvólvense como dilatacións ou inchazos nos tecidos do intestino primitivo. En contraste, os derivados relacionados co tubo dixestivo, é dicir, as estruturas que derivan do tubo dixestivo primitivo pero non son parte do tubo dixestivo propiamente dito, en xeral, desenvólvense como bolsas que saen do tubo dixestivo primitivo. Os vasos sanguíneos que regan estas estruturas permanecen constantes durante o desenvolvemento.

Parte Parte no adulto Dá lugar a Rego arterial Intestino anterior do esófago ás dúas primeiras seccións do duodeno esófago, estómago, duodeno (1ª e 2ª partes), fígado, vesícula biliar, páncreas, porción superior do páncreas(Nótese que aínda que o bazo é regado polo tronco celíaco, deriva do mesenterio dorsal e, por tanto, non é un derivado do intestino anterior) tronco celíaco Intestino medio duodeno inferior ata os primeiros dous terzos do colon transverso duodeno inferior, xexuno, íleo, cego, apéndice, colon ascendente e primeiros dous terzos do colon transverso ramas da arteria mesentérica superior Intestino posterior último terzo do colon transverso ata a parte superior da canle anal último terzo do colon transverso, colon descendente, recto e parte superior da canle anal ramas da arteria mesentérica inferior

Histoloxía miniatura|300px|Estrutura xeral da parede gastrointestinal:1. Mucosa: Epitelio2. Mucosa: Lámina propia 3. Mucosa: Muscularis mucosae (muscular da mucosa) 4. Lume5. Tecido linfático6. Conduto da glándula fóra do tracto7. Glándula na mucosa8: Submucosa9. Glándulas da submucosa10. Plexo submucoso de Meissner11. Vea12. Muscular: músculo circular13. Muscular: músculo lonxitudinal14. Serosa: tecido conectivo areolar15. Serosa: epitelio16. Plexo mesentérico de Auerbach17. Nervio18. Arteria19. Mesenterio. A parede gastrointestinal presenta un tipo de histoloxía xeral con algunhas diferenzas que reflicten a especialización en anatomía funcional. O tracto GI pode dividirse en catro capas concéntricas na seguinte orde: Mucosa Submucosa Capa muscular Adventicia ou serosa

Mucosa

A mucosa é a capa máis interna do tracto gastrointestinal. A mucosa rodea o lume ou espazo interno aberto do tubo. Esta capa está en contacto directo co alimento dixerido (quimo, quilo). A mucosa está constituída por: Epitelio. A capa máis interna responsable da maioría dos procesos dixestivos, de absorción e secreción.