Sada é un concello da provincia da Coruña, pertencente á comarca da Coruña. Segundo o IGE en 2014 tiña 15.156 habitantes (14.922 no 2012, 14.487 no 2009, 13.606 no 2007, 13.134 no 2006, 12.867 no 2005, 12.453 no 2004). O seu xentilicio (véxase no Galizionario) é «» e «».
Historia Idade Antiga As orixes de Sada son bastante incertas. Segundo Florencio Vaamonde Lores, remitiríanse a un primeiro asentamento lacustre do que se terían achado restos nas Brañas. Porén, o que si se ten por certo é o desenvolvemento sobre a súa xeografía da Cultura castrexa, materializada en oito asentamentos identificados dos que destacan os de Meirás, San Amede e, sobre todo, Agra das Arcas. Son castros na súa maioría de ocupación tardía, profundamente romanizados a partir do s. I d.C. Tamén se coñecen, máis vagamente, se cabe, asentamentos romanos en diferentes puntos, así coma dous restos interesantes da súa civilización: unha ara votiva localizada baixo a igrexa de Meirás e dedicada ao deus Coso Udaviniago, e unha lápida funeraria, incrustada no muro do cemiterio de Soñeiro, que representa a un individuo togado.
Idade Media As referencias medievais de Sada conservadas na documentación son escasas, se ben é certo que nunca se realizou investigación de ningún tipo sobre este particular. Sábese da dependencia nobiliaria e eclesiástica, concretamente das familias dos Condes de Présaras primeiro, logo dos Andrade, e dos mosteiros das Xuvias e, sobre todo, Sobrado, que probablemente posuíra unha granxa en Samoedo dedicada fundamentalmente á produción vinícola.
Asemade, durante todo o período, sufriría, segundo relata Florencio Vaamonde, numerosas invasións e saqueos: os normandos no 846 e 859, Almanzor no 997 ou o duque de Lancaster no 1379.
Idade Moderna Non acontece o mesmo coa Idade Moderna. Se xa as fontes son moito máis abundantes e ricas, existen, ademais, algúns estudos que toman a vila sadense por centro, especialmente os de Meijide Pardo sobre a súa industria"Aportación a la historia industrial coruñesa: las fábricas téxtiles de Sada (1675-1762)", en Revista Instituto José Cornide de Estudios Coruñeses, ano 1, nº 1, 1965, pp. 77-126; "La economía marítima de Sada y Fontán en la época precapitalista. Los salazoneros catalanes", en Anuario Brigantino, nº 18, 1995, pp. 91-104. Ademais, contamos xa con datos demográficos medianamente fiables desde o s. XVI e precisos desde o XVIII, grazas, sobre todo, ao Catastro de Ensenada, que tamén nos achega numerosa información no eido socio-profesional, económico e mesmo xeográfico. Hai que destacar a pertenza das parroquias e vila de Sada á Xurisdición de Miraflores.
Entre os séculos XVII e XVIII cabe resaltar a forte actividade industrial desenvolvida na vila.
Industria téxtil dereita|miniatura|Restos da batería defensiva de Fontán. Na primeira etapa, entre 1674 e 1762, instaláronse fábricas téxtiles de varios tipos, todas elas promovidas polos flamengos Baltasar de Roo e Adrián Kiel, que chegaran a Galicia exiliados do seu país natal.
No 1674 fundarían a fábrica de enxarcia e lona que, asemade, había ser a máis duradeira. Comezaron empregando maioritariamente a persoal especializado de orixe flamenga, mais pronto incorporarían a boa parte da poboación sadense, ata o punto de abandonárense en boa medida as tradicionais actividades pesqueiras. A gran maioría dos habitantes da vila e das parroquias lindeiras traballaban na industria, aínda que os cargos de responsabilidade os seguían a ocupar os flamengos. A fábrica provía das pertinentes teas e cordeis á Real Armada, polo que recibiu numerosos privilexios do rei Carlos II. Co obxecto de garantir a súa seguridade ergueríanse as baterías defensivas de Fontán primeiro e Corbeiroa despois. Esta puxanza quebraría á morte dos fundadores, a de Roo en circunstancias violentas, pois os seus descendentes non terían capacidades nin entendemento entre si para continuar á fronte. Así, a fábrica remataría abandonada ata que a propia Coroa se fixo cargo dela, xa coma Real Fábrica de Jarcia y Lona, revitalizándoa en gran medida. Non obstante, no 1762 sería trasladada a Ferrol, nunha ría máis pechada e, xa que logo, máis defendible ante un ataque marítimo.
Aproveitando a puxanza da fábrica de enxarcia e lona, Roo e Kiel puxeran adiante no século XVII outras dúas empresas similares. En primeiro lugar, no 1674 fundarían unha fábrica de roupa de mesa e lenzos, provedora da Casa Real, introducindo así o cultivo do liño en Galicia. Once anos despois emprenderían o terceiro reto, a fábrica de panos, confeccionando produtos de excelente calidade. Tanto que espertaron as iras dos ingleses, que vían perigar a súa oligarquía comercial neste sector. No 1713, coa morte de Roo, pechaba esta última fábrica, e no 1725, a de roupa de mesa era trasladada á Coruña.
Industria da salga dereita|miniatura|Peirao de Sada. Co declive da produción téxtil e o traslado da Real Fábrica a Ferrol, Sada viviría un importante declive económico, compensado por importantes melloras na saúde dos veciños, que, segundo apunta Joseph Cornide, viñan padecendo febres a causa das polucións emanadas pola empresa. Non había durar esta crise económica moito tempo. Axiña chegaría un gran número de empresarios ou "fomentadores" de orixe catalá a desenvolver as súas industrias na nosa xeografía. Desde as derradeiras décadas do século XVIII e durante a primeira metade do XIX establecerían as súas fábricas nos núcleos de Sada e, sobre todo, Fontán. Algúns destes cataláns instalados en Sada serían José e Juan Albanell, Juan Ballester, Francisco Bargalló, Josep Caminada, José Carbonell, Andrés e Cayetano Dalmau, Gerónimo Estefanell Galup, Francisco Ferrer i Albá, José Goel, José Grau, Juan Lampallás, Tomás Maristany, Francisco Marticó, Francisco e Juan Miró, Juan Oliver, Juan Ortoll, Daniel e Juan Pasqual Barreras, Francisco Plá, Francisco Pullés Serra, José Torrens i Ros, Ramón Tort, Cristóbal, Francisco e Juan Vidal etc. Varios destes apelidos pervivirían na antroponimia sadense ata o século XX, casos de Vidal, Marticó e Maristany. A chegada dos cataláns supuña para Sada a recuperación dun sector fundamental da súa economía: o pesqueiro. Así, os "mareantes" pasaban a traballar para as fábricas de salga, asinando contratos que os vinculaban a eles. O nivel cuantitativo das producións sería moi alto.
Idade Contemporánea No 1812 produciuse un cambio significativo na nosa historia: no marco do fervor liberal conformáronse os novos concellos, agrupando as antigas parroquias. No de Sada confluíron as oito actuais máis a de San Xoán de Lubre, posteriormente adherida ao de Bergondo. Poucos datos hai sobre eses anos. Sábese do papel significativo de Sada na Guerra de Independencia española, durante a cal recobraron as súas funcións defensivas os castelos de Fontán e Corbeiroa e na que, supostamente, o rexedor da Xurisdición de Miraflores (á que Sada pertencía) Manuel Colmelo Freire de Andrade protagonizou unha gran xesta, segundo nos refire Lugrís Freire. O 1 de xuño do 1809 chegaron á vila un oficial francés e vinte soldados a cabalo, solicitando a Manuel Colmelo que lles proporcionase unha lancha para cruzar a ría. Colmelo así o fixo, mais, xa de camiño, retirou unha táboa da embarcación, afundíndoa. Esta acción sería decisiva, segundo Lugrís Freire, para a inmediata vitoria contra os franceses na batalla de Ponte Sampaio.
O período Isabelino e o Sexenio Democrático Apenas hai documentación algunha sobre a primeira metade do século XIX. Os libros de actas máis antigos que se conservan corresponden aos anos 50. Daquela a Casa Consistorial estaba situada na parroquia de Mondego, o que suscitou a crítica de varios Alcaldes que entendían debía estar na vila. Tal localización viña motivada polos intereses das importantes familias que tiñan a súa residencia naquela parroquia. A política municipal obedecía, así no período Isabelino coma nos posteriores, aos cambios que se producían, vía alzamento primeiro, vía elección despois, a nivel estatal. Así, coa Revolución do 1868, constitúese unha Corporación democrática, liderada polo republicano Salvador Casanova Martí, pero que en breve foi substituída, logo das primeiras eleccións por sufraxio universal masculino no 1869, por outra de carácter liberal, con José Benito Posse y Aguiar coma Alcalde, que repetiu mandato no 1871. José Benito Posse era o señor do pazo de Santa María de Sada, e un paradigma máis do peso que seguían a ter as vellas elites na sociedade decimonónica, e que persistiu ata mediados do século XX. No 1873, coa proclamación da I República, en Sada triunfaba a tendencia federal, con Casimiro López Gándara, chegando a ser declarado o concello coma cantonal logo do pronunciamento militar do 1874. Tomaba posesión da alcaldía o conservador Francisco Posse Nicolich, fillo de José Benito, trasladándonos así dun período, o do Sexenio Democrático, a outro novo, a Restauración Borbónica.
A Restauración Borbónica miniatura|300px|Cabeceira de Acción Sadense, 1922. Na Sada da Restauración borbónica en España creáronse dous bloques ou familias políticas ben diferenciadas. Por unha banda a liberal, composta maioritariamente por propietarios rendistas do rural e liderada polo facendado de Soñeiro Antonio Domínguez Fariña. Da outra banda estaban os conservadores, provenientes dun ámbito máis urbano e liderados durante un longo período por Ángel López Vidal. Ambos grupos políticos alternaríanse á fronte do Concello, non sen manteren numerosas confrontacións. Estaban ao servizo de redes clientelares moi afondadas nas parroquias. Hai que destacar, contra o final do período (1922), a traída desde A Coruña do kiosko La Terraza, sublime mostra do modernismo galego.
A Ditadura de Primo de Rivera Durante a ditadura de Primo de Rivera producíronse algúns feitos de significación, coma a chegada do tranvía, a construción das escolas de Sada y Sus Contornos, sufragada pola sociedade homónima de Nova York, ou, no eido cultural, a publicación, nos anos 1925 e 1926, da revista Mariñana, dirixida por Eduardo García Ramos e na que destacou coma colaborador o xornalista Manuel L. Freire-Calvelo. Os rexedores máis importantes do período serán Manuel Dopico Otero e Enrique López Hernández, ambos de carácter populista, en consonancia co propio réxime.
A Segunda República Logo do triunfo republicano na maioría das cidades nas eleccións municipais do 1931, proclamouse a II República, e en Sada constituíase a nova Corporación, integrada por membros da ORGA e encabezada por Justo Rodríguez Pérez. Ao ano seguinte este dimitiría, sendo elixido no seu lugar Antonio Fernández Pita. Mais o verdadeiro protagonismo neste período non o van ter as institucións políticas, senón o amplo tramado asociativo que compuñan os diversos sindicatos ligados á CNT (Sindicato de Oficios Varios de Sada, Sindicato de Profesiones Varias de Meirás, La defensa del agricultor, de Soñeiro, Sindicato de Oficios Varios y Campesinos de Carnoedo, Sindicato Campesino de Mondego e Unión Campesina de Osedo y sus Contornos), agrupacións agraristas, centros culturais (Ateneo de Cultura Política y Social etc.) e partidos políticos (ORGA, PRRS, UR, IR, PRR, CEDA, PG, PSOE e PCE). Os sindicatos, especialmente os de Sada e Meirás, mantiveron importantes conflitos con propietarios e empresarios. Asociacións coma o Ateneo de Cultura Política y Social, promoveron actividades encamiñadas á difusión cultural e á ilustración da clase obreira, coa celebración de conferencias e tertulias, a realización de excursións etc.
A Guerra Civil e o Franquismo