Andrés Rafael Cayetano Corpus García de la Barga y Gómez de la Serna, coñecido polo pseudónimo Corpus Barga, nado en Madrid o 9 de xuño de 1887 e finado en Lima o 8 de agosto de 1975, foi un xornalista, memorialista e escritor español. Foi un destacado correspondente europeo do período de entreguerras do século XX. Chegou a cruzar o Atlántico nun dirixible e a entrevistar, entre outros, a Churchill, Hindenburg, Hitler, o xeneral Joffre, Lenin, Mussolini ou o papa Pío XI. Exiliado en 1939, viviu en Francia e logo no Perú, onde foi director do Instituto de Xornalismo da Universidade Nacional Maior de San Marcos. En 1974 recibiu o Premio da Crítica de narrativa en lingua castelá.
Traxectoria Foi fillo de Eulalia Gómez de la Serna e de Félix García de la Barga, vicepresidente primeiro das Cortes e íntimo colaborador da política de Prim, e que durante a Restauración formou parte do Estado Maior como senador vitalicio e conselleiro de Estado. Como o propio Barga explica minuciosamente en «Mi familia», o primeiro capítulo da súa memoria inconclusa, os seus antepasados procedían de sagas guerreiras da Península Ibérica, incluídos os sete Infantes de Lara e o medio mouro Mudarra. Por nacer o día do Corpus foi bautizado como Andrés Rafael Cayetano Corpus, tomou como pseudónimo ‘Corpus’ e deixou no esquecemento os outros nomes. Así mesmo, abreviou os seus longos apelidos compostos (García de la Barga e Gómez de la Serna) en Barga, detalle definitorio da súa mente lóxica e progresista.
Dos seus primeiros anos rememoraría, amais da súa aristocrática infancia madrileña, as longas tempadas en Belalcázar (Córdoba), a súa casa señorial (a «Casa Grande») e as xentes do lugar, recreados en La vida rota e en Los galgos verdugos. Estes documentos non só compoñen a súa biografía cunha precisión desbordante, senón que tamén serían dos exercicios máis celebrados da historiografía con envoltura literaria, en lingua castelá e desde a perspectiva xornalística.
Adolescencia e mocidade En 1900 iniciou a carreira de Enxeñaría de Minas como estudante «superdotado». A principios de 1904, con 17 anos, publicou un poemario, Cantares, do que destruíu todos os exemplares. En 1906 o seu pai enviouno ao xacemento mineiro cordobés de Peñarroya para que tivese unha maior perspectiva dos seus obxectivos profesionais. Barga ficou tan impresionado co penoso marco laboral dos mineiros que abandonou os estudos. O 4 de agosto dese ano publicou en El País o seu primeiro artigo, «La soberbia del Mercurio». Nese período Barga frecuentou os faladoiros da capital e coqueteou co anarquismo en voga, como o fixeran antes Azorín ou Pío Baroja.Conta Manuel Vicent (glosando os escritos biográficos do propio Barga) que en 1917, cando era correspondente en España, a súa postura favorábel a unha folga revolucionaria en Asturias levouno a ser detido e encerrado nun acoirazado na ría de Bilbao. Barga intentou convencer o capitán do barco para fuxiren xuntos sucando os mares a prol da liberdade. Conta tamén que nas súas visitas a Madrid adoitaba acompañar a Valle-Inclán e Ricardo Baroja nas súas mascaradas nocturnas polo cemiterio de San Martín en Chamberí. Alí «disfrazados de frades capuchinos finxían azoutarse ao pé das tumbas».
A morte dos seus pais en decembro de 1907 acentuou o seu espírito inquieto e inconformista. Os seus titores decidiron recluílo na casa familiar de Belalcázar onde Corpus iniciou a redacción de La vida rota, escrita en 1908 e publicada en 1910. Unha escapada a Bos Aires inspirou Primer viaje a América, a segunda parte de La vida rota.O 17 de novembro de 1913 apareceu o primeiro número do semanario Menipo (republicano e anticlerical), con Corpus como único redactor, do que só se publicaron tres números.
Coincidindo co atentado dun anarquista a Canalejas, sumado a algúns contratempos coa policía pola súa actividade xornalística,O Ministerio de Mariña denunciouno por causa dun artigo publicado no semanario Menipo en decembro de 1913. Nel glosaba a viaxe do acoirazado Carlos V a México. Corpus mudouse a París, onde traballou inicialmente como linotipista. En 1918 casou alí con Marcelle Trannoy, estudante de medicina. Tiveron dous fillos, Andrés e Rafaela.
Correspondente en París Na capital francesa desenvolveu unha crecente e importante actividade xornalística entre 1914 e 1930. Colaborou nas revistas España, Nuevo Mundo, a Revista de Occidente (1923) ou La Gaceta Literaria (1927), e en diarios españois como o republicano El País, El Sol, La Correspondencia de España ou o Diario Universal. A súa firma fíxose habitual na prensa latinoamericana, en títulos como La Voz Nueva de México, La Pluma de Montevideo, El Intransigente, El Radical e, a partir de 1929, en La Nación. Ademais, o Corpus parisiense foi o indispensábel «cónsul literario, acompañante, anfitrión e guía de visitantes» como Baroja, Unamuno, Valle-Inclán, Ortega y Gasset, Blasco Ibáñez, José Gutiérrez Solana ou o seu sobriño Ramón Gómez de la Serna. En París tamén coincidiu con heteroxéneos personaxes do período de entreguerras. Algúns deles foron Colette, Maiakovski, Ilya Ehrenburg, Kerenskii, Trotski, Diego Rivera, Léon Bonnat, Salvador de Madariaga, Henri Bergson e quizais os Modigliani, Apollinaire, Cocteau e Picasso).
En 1930 trasladouse a Berlín para dirixir a axencia de La Nación. Froito da xestión, en maio dese ano foi pasaxeiro do Graf Zeppelin. Cubriu coas súas crónicas o singular voo entre Berlín, Sevilla, Pernambuco e Baltimore.Corpus contaba coa experiencia xa vivida en 1919 da viaxe en avión entre París e Madrid para celebrar a sinatura do Tratado de Versalles. Foi unha das primeiras viaxes realizadas nun biplano dunha soa hélice, sen compás nin carlinga, pilotado polo aviador francés Romanet. Coa chegada da Segunda República Barga mudouse a Madrid como director da axencia do diario arxentino en España.
Guerra Civil e posguerra Co estalido da guerra civil española, malia a súa condición de membro da alta burguesía aristocrática española, Corpus Barga mantívose fiel á Segunda República Española. Até o seu exilio a principios de 1939 o seu «traballo terá como única finalidade apoiar a República». Colaborou con publicacións como El Mono Azul e Hora de España, entre outras actividades. Foi coprotagonista de dous episodios relacionados coa cultura de España durante a Guerra: a operación de salvamento do Museo do Prado e o seu tesouro e o posterior traslado das Meninas a Xenebra. Nese contexto participou no II Congreso Internacional de Escritores para a Defensa da Cultura, celebrado en xullo de 1937 en Valencia.
Tamén acompañou a saír de España a Antonio Machado e a outros intelectuais republicanos como Tomás Navarro Tomás, Joaquín Xirau, Clementina Arderiu ou Carles Riba.Foi un éxodo amargo desde Barcelona até Portbou entre a interminábel caravana de españois derrotados «que arrastraban carretas con colchóns e avíos de mínima subsistencia». Así o relata o propio Corpus Barga, que documentarían logo biógrafos como Gibson ou xornalistas como Vicent. Ambos retoman o relato de Barga e episodios conmovedores como a visión do ancián Machado canda súa nai, nunha parada da fuxida, «co caxato entre as pernas, falando de Fray Luis, de Valle-Inclán, dos clásicos latinos, recordando historias dos faladoiros en Madrid, en París, mentres as tropas rebeldes bombardeaban xente que corría espantada polas cunetas, no medio dun enorme atasco de coches». Ou cando, máis tarde, o grupo é detido na fronteira francesa pola policía francesa, a quen Corpus, para que comprendesen ante quen se atopaban, díxolles que aquel ancián era «o noso Paul Valéry». Porén, malia os esforzos e trámites de Barga coa Embaixada da República en París, Machado e a súa nai, vítimas do esforzo e a desesperanza, morreron en Collioure poucos días despois.
En Francia colaborou co goberno da Segunda República no exilio e participou na fundación da Unión de Intelectuais Españois en Francia. Con outro membro da organización, José María Quiroga Plá, e o seu amigo en común Max Aub tamén colaborou en Unión, o boletín da Unión Nacional Española (UNE), creada polo Partido Comunista de España. Presionado polos efectos da ocupación alemá, Barga abandonou Francia en 1948 para trasladarse ao Perú, en cuxa capital residiu até a súa morte.
América En 1948 a crise á que se viu sometida a prensa arxentina coa política de Juan Domingo Perón e o ofrecemento peruano para dirixir a Escola de Xornalismo da Universidade de San Marcos levárono a América. Instalouse en Lima el só, tras deixar a súa familia en Cour Cheverny. Pero Lima non era París, nin América era Europa, como explicaba o propio escritor:
En Lima foi visitado por outros españois exiliados como Rafael Alberti e María Teresa León, e tamén por profesores en institucións estranxeiras, como Gerardo Diego, Dámaso Alonso ou Jorge Guillén. Colaborou en publicacións creadas por exiliados (España Peregrina, Realidad, Cabalgata, Romance ou o Boletín de la Unión de Intelectuales Españoles en Francia) e continuou o seu traballo como xornalista de La Nación e El Nacional de Caracas. Ademais, participou en revistas e xornais limeños como Visión del Perú, Mar del Sur, Expreso ou El Comercial, e mesmo en revistas españolas coas sobreviventes Revista de Occidente, Ínsula ou Papeles de Son Armadans.
Na súa xestión na Universidade de San Marcos dirixiu a Gaceta Sanmarquina desde a súa fundación en maio de 1964. En outubro de 1967 despediuse da institución peruana coa conferencia Mis años de periodista: una autobiografía comprendida entre los años más cruciales del sigllo (1914-1945).
Entre dous séculos O cronista que entrevistara os máis notábeis personaxes da política europea da primeira metade do século XX, viviu durante anos o esquecemento do mundo na súa ínsula Barataria limeña. Incapaz de permanecer inactivo entregouse á empresa do memorialista que «tiña a obriga de contar a súa vida no incrible escenario da Historia».O minucioso, longo e ingrato proceso da xestación e intentos de edición das súas memorias quedan descritos en documentos varios. Podería destacar quizais a entrevista publicada na revista Triunfo en 1973, realizada por José Miguel Oviedo; ou a que reproduciu o artigo de Antonio Núñez en Ínsula.
No último tramo da súa vidaNo prefacio á edición de 1957 das súas memorias, citando o Miguel de Cervantes de El coloquio de los perros, Corpus Barga conclúe: Barga escribiu e reescribiu varios tomos novelados das súas propias memorias, concibidas como un todo titulado Una vida española a caballo en dos siglos (1887-1975). Os catro primeiros libros apareceron co nome xenérico Los pasos contados e o cuarto deles, Los galgos verdugos (1973), recibiu o Premio da Crítica en 1974. Deixou iniciados dous libros máis (El siglo nuevo e Mi diccionario) que non puido chegar a completar, pois morreu dunha pneumonía o 8 de agosto de 1975. Foi enterrado no Cemiterio Británico de Lima. En maio a Asociación da Prensa de Madrid nomeárao socio de honra.Nos últimos anos da súa vida tivo que afrontar «a morte nun accidente de tráfico do seu fillo Andrés e da súa nora Simone en 1966 e a perda da súa compañeira Marcelle en 1974», amais dunha humillante e absurda renitencia editorial a publicar a súa obra.
Memorialista A crítica e outros estamentos máis ou menos académicos interesáronse polo singular legado de Barga como memorialista. Está considerado en distintas e diversas fontes como un dos maiores representantes do xénero en lingua castelá.
O propio Barga expón e define así os seus estilos narrativos no conxunto de libros Los pasos contados:
«Los galgos verdugos é una narración coa menor cantidade de narrador. (...) O que nos volumes anteriores era o parágrafo longo das cristalizacións irisadas do pasado, é neste [4º] volume o diálogo das cristalizacións irisadas do presente. É un paso contado dunha maneira diferente a como foron contados os outros pasos...».
No outono de 1979 recibiu unha homenaxe póstuma no Ateneo de Madrid.