Daniel Bellón García, nado en Ferrol o 5 de xaneiro de 1985, é un gaiteiro e saxofonista galego.
Conta cunha intensa carreira musical, tanto en solitario como con diversos grupos, traballos polos que gañou numerosos premios, entre eles o Trofeo Macallan (2003), o Concurso Constantino Bellón (2001, 2005 e 2006) ou o Concurso Avelino Cachafeiro (2002, 2004, 2005 e 2006). Dende 2005 forma, xunto con Diego Maceiras, o dúo BellónMaceiras. Tamén xunto a Maceiras puxo a andar en 2010 a Escola de Música BellónMaceiras en Fene, onde imparte clase.
Traxectoria Naceu en Ferrol pero ao pouco tempo trasladouse a Barallobre, Fene, lugar de orixe de súa nai. Formouse como músico na banda de gaitas Airiños de Fene, á vez que estudaba no Conservatorio Profesional de Música de Ferrol. Con este grupo fixo importantes actuacións como a da inauguración da Expo '98, en Lisboa, ou dúas participacións no Festival Intercéltico de Lorient, en 1999 e 2001, ademais da gravación dun disco, Identidade. En 2001 recibiu un curso de perfeccionamento de gaita impartido por Carlos Núñez e participou como solista no Trofeo Macallan en 2002 e 2003, quedando segundo na súa primeira participación e acadando a vitoria na segunda. Dous anos antes formara xunto a Pedro Lamas o grupo Luvas verdes, un cuarteto de música tradicional que publicou o seu primeiro disco en 2005, co título Fandango desesperado. O disco contou coas colaboracións de Agustín Sánchez, Antía Barreiro e Xabier Díaz (voz).
Tamén en 2005 iniciou un novo proxecto musical xunto a Diego Maceiras, o dúo BellónMaceiras, unindo gaita e acordeón. O dúo gañou o VII Certame Folk de Radio Obradoiro, e, xunto a Álex Blanco foron os vencedores no Proxecto Runas do Festival Internacional do Mundo Celta de Ortigueira de 2006, o que lles deu a posibilidade de actuar no escenario principal o ano seguinte. Foron un dos grupos da delegación galega no Festival Intercéltico de Lorient de 2006. En decembro de 2006 publicaron o seu primeiro disco co título Unión das Terras. Realizaron numerosas actuacións como presentación do disco, tanto en Galicia como en España (Madrid, Barcelona, Málaga) e Europa (Andorra, Suíza), e incluso en Nova York.
En 2007 incorporaron tres novos membros, Juan "Cabe", Miguel Lamas e Juan Tinaquero, para formar BellónMaceiras Quinteto, grupo co que publicaron en 2010 o disco FolkFusión. En 2010 Bellón fundou en Fene xunto a José Maceiras a súa propia escola de música, co nome de Escola de Música BellónMaceiras, alcanzando ao pouco tempo os 100 alumnos.
No ano 2016 publicouse o segundo álbum do dúo BellónMaceiras, titulado Ten. Constou de 10 temas e contou con varias colaboracións, entre elas as da organista rusa María Moiséeva ou o violinista galés Oliver Wilson-Dickson.
Discografía
Con Airiños de Fene
Identidade (2002)
Con Luvas verdes
Fandango desesperado (2005)
Con BellónMaceiras
Unión das Terras (2007) Ten (2015)
Con BellónMaceiras Quinteto
FolkFusión (2010)
Véxase tamén
Outros artigos
Edelmiro Fernández Carlos Núñez
Ligazóns externas myspace Páxina web
Notas
Categoría:Gaiteiros de Galicia Categoría:Nados en Ferrol Categoría:Nados en 1985 Categoría:Música de Galicia sen imaxes Categoría:Personalidades de Galicia sen imaxes Categoría:Personalidades da música e o baile tradicional de Galicia