Rosalía Muíño González, coñecida como Lía, nada na Coruña o 13 de febreiro de 2000, é unha futbolista galega que xoga como centrocampista no Deportivo da Coruña, da Primeira División. É a quinta xogadora con máis partidos da historia do club, só por detrás de Cris Martínez, Gaby, Iris e Peke.
Traxectoria Comezou a xogar ao fútbol na sección feminina do Victoria coruñés, ata que con 16 anos ingresou no recuperado Deportivo da Coruña Feminino. Disputou o primeiro partido da historia do equipo e as tres primeiras campañas, sendo unha das xogadoras máis utilizadas por Manu Sánchez e conseguindo o ascenso á Primeira División en 2019.
A continuación marchou aos Estados Unidos para estudar na Universidade do Sur de Florida e xogar nos South Florida Bulls. Regresou ao Deportivo a comezos da tempada 2020/21, en plena pandemia de COVID-19 e, despois de marchar de novo en xaneiro de 2021, volveu en maio para disputar as últimas xornadas da Primeira División. Nos seguintes anos xogou nos Estados Unidos, volvendo unha vez máis ao Deportivo en xullo de 2023. Tras contribuír ao seu segundo ascenso á máxima categoría, no verán de 2024 anunciouse a renovación do seu contrato e a súa cesión por un ano ao Atlético Vilalonga.
Notas
Categoría:Nados en 2000 Categoría:Nados na Coruña Categoría:Futbolistas da Coruña Categoría:Centrocampistas de fútbol Categoría:Xogadoras do Deportivo da Coruña Feminino