Inês Teixeira Pereira, nada en Lisboa o 26 de maio de 1999, é unha futbolista portuguesa que xoga como porteira no Deportivo da Coruña, da Primeira División. É internacional coa selección portuguesa.

Traxectoria Debutou no Campionato Nacional Feminino nas filas do Estoril Praia, no que militou entre 2014 e 2016, antes de regresar á súa Lisboa natal para xogar no Sporting CP.

Militou cinco anos no Sporting, gañando o título de liga nas dúas primeiras tempadas. En 2021 fichou polo Servette suízo, onde se fixo axiña coa titularidade.

En xullo de 2024 fichou polo Everton, sendo inmediatamente cedida ao Deportivo da Coruña, que viña de ascender á Primeira División. No club galego consolidouse como unha das gardametas máis destacadas de Europa e foi elixida mellor porteira da liga española. Para a seguinte tempada o club logrou unha nova cesión da xogadora, e esta volveu render a un gran nivel, polo que no verán de 2026 o Deportivo incorporouna xa en propiedade, acordando un contrato por tres anos.

Selección nacional Internacional coa selección de Portugal, defendeu a súa portería na fase de clasificación para o Mundial de 2019 e na Eurocopa de 2022. En 2023 disputou a Copa do Mundo en Nova Zelandia, defendendo a portería portuguesa en dous dos tres partidos da fase de grupos, nos que encaixou un só gol ante os Países Baixos. En 2025 participou na Liga das Nacións da UEFA, na que o equipo portugués acabou último no seu grupo, descendendo á Liga B. Disputou tamén a Eurocopa de 2025, sendo titular só no partido ante España e caendo o seu equipo na fase de grupos.

Notas

Categoría:Nados en 1999 Categoría:Nados en Lisboa Categoría:Futbolistas de Portugal Categoría:Gardametas de fútbol Categoría:Xogadoras do Deportivo da Coruña Feminino