Carnota é un concello da provincia da Coruña, pertencente á comarca de Muros. Segundo o IGE no ano 2024 tiña 3.809 habitantes (4.376 no 2014, 4.938 no 2009, 5.017 no 2007, 5.112 no 2006, 5.244 no 2005, 5.285 no 2004, 5.421 no 2003). O xentilicio é .
Xeografía miniatura|esquerda|Praia de Carnota. Lira está na península, Carnota, a capital, á esquerda de todo.
O concello ten 70,9 km2, e abrangue 5 parroquias. Ocupa unha estreita franxa costeira entre os montes da serra de Outes ao leste (límite co concello de Mazaricos) e a costa do océano Atlántico ao oeste. Limita ao norte co concello de Dumbría a través da desembocadura do río Xallas e o monte Pindo, e ao sur co concello de Muros a través da punta Lens, nas inmediacións do Ancoradoiro. O seu centro administrativo e a casa do concello atópanse no núcleo de Carnota, dentro da parroquia de Santa Comba de Carnota.
Desde a súa creación, a estrada C-550 (de Fisterra a Tui) é a principal rota de comunicación. Na actualidade, coa mellora da estrada de Santa Comba a Muros, esta última converterase na vía principal con Santiago de Compostela.
miniatura|Praia de Carnota, co lugar de Parada en primeiro plano, logo Boca do Río e Caldebarcos no fondo.
O concello marca a transición entre as rías Altas e as rías Baixas e é, segundo algúns, o derradeiro polo sur da costa da Morte.
A parte norte, a partir de Caldebarcos, é pedregosa e vai subindo cara ao Pindo, que no extremo norte cae sobre o mar desde unha grande altura. Os montes do Pindo esténdense entre a desembocadura do Xallas e o Valdebois. Este macizo montañoso atinxe a súa maior altura na monte Pindo (627 m), desde a que se poden albiscar as torres da catedral de Santiago. Existen numerosas lendas relacionadas con estes montes, chamados "O Olimpo Celta". Ao sur predominan as praias. A praia de Carnota pasa, cos seus case sete quilómetros, por ser a máis longa de Galiza. Parte deste espazo natural está protexido dentro da Rede Natura 2000 e ten dunas móbeis, semi-móbeis e fixas. O relevo érguese rapidamente cara ao interior, chegando aos 503 m no lugar de Adraño.
O clima é oceánico húmido, con temperaturas suaves de 14-15 °C anuais e precipitacións abondosas entre 1.500 e 2.000 mm anuais.
Demografía Censo total (habitantes) 3.809 (2024) Menores de 15 anos 279 (7,32 %) Entre 15 e 64 anos 2.026 (53,19 %) Maiores de 65 anos 1.504 (39,48 %)
Historia miniatura|dereita|250px|Castelo de San Xurxo, no monte Pindo.
Existen mámoas e castros que indican que a zona foi poboada desde antigo. O castro de Mallou é unha acrópole fortificada da idade de ferro. O castro de Miñarzos está na actual vila de Lira, polo que está moi alterado.
Na Idade Media pertenceu aos condes de Trastámara e de Lemos e formou parte do antigo condado de Cornatum. Coa Gran Guerra Irmandiña de 1467 desapareceron as fortalezas. Hai restos de catro fortificacións: O castelo de Penafiel, situado sobre o monte e a fervenza do Ézaro, foi derrubado durante a Gran Guerra Irmandiña. Era un castelo roqueiro, cunha serie de construcións e aterrazamentos nun penedo de difícil acceso. Na súa base hai unha inscrición de excomuñón, o que podería remontar a súa existencia cando menos ao século XII O castelo de Pindo Central é unha gran fortificación na zona máis alta do Monte Pindo. Nela había unha capela. O castelo de San Xurxo está nunha penichaira do monte Pindo, no camiño natural entre o arco de Carnota e as aldeas do Ézaro e o Pindo. Foi construído no século X polos prelados da Catedral de Santiago de Compostela, e pertenceu á Mitra de Santiago, á monarquía e a nobres feudais. Foi escenario da Revolta de Carnota. O castelo de Canedo (Canetum, ou Bico do Santo) é outra fortificación episcopal do século X. Tamén tiña unha capela, destruída segundo a tradición oral polo exército francés.
O lugar da capital, Carnota, naceu no século XVII. No século XIX foi saqueada polos franceses na Guerra de Independencia española.
Cultura miniatura|esquerda|Hórreo de Carnota.
Toponimia O étimo parte da raíz prerromana *kar- 'duro', 'pedra' a través do tema alongado *kar-n- e faría referencia a un terreo pedregoso.
Patrimonio
Patrimonio arquitectónico Carnota é coñecida sobre todo polos hórreos ("cabaceiras") de Carnota e Lira, que compiten por seren os máis grandes de Galiza.
A igrexa de Carnota (Santa Comba) é barroca, ten planta de cruz latina e tres naves lonxitudinais. A de San Mamede é neoclásica, e conta cun retablo do século XVIII, obra do escultor J. Ferreiro.
O bico do Santo, situado no lugar de Pedrafigueira, é un picacho en cuxo cumio houbo unha ermida dedicada a San Sebastián e que hoxe alberga unha cruz de factura civil.
Patrimonio natural Na praia de Carnota o areal mide sete quilómetros. As dunas son o produto do insistente vento do noroeste. A zona de marismas divídese en dúas partes: Caldebarcos, ao norte e A Lagoa ao sur. Sepáranas Punta Larada, que tamén divide as praias de Carnota estrita e a de San Mamede (A Berberecheira).
A praia de Boca do Río, onde desemboca o río Valdebois, é moi popular entre os veraneantes. De feito, a revista alemá Traum Strände considéraa unha das praias máis fermosas do mundo.
Festas O 1 de xaneiro celebrase a festa popular de San Gregorio con gran prestixio na comarca. A comezos de agosto, celébrase a Festa de San Mamede, en honor ó patrón municipal.
Galería de imaxes
Parroquias
Lugares de Carnota Para unha lista completa de todos os lugares do concello de Carnota vexa: Lugares de Carnota.
Notas
Véxase tamén
Ligazóns externas Páxina web do Concello de Carnota
Categoría:Topónimos de concellos galegos con etimoloxía