A relixión en Galiza segundo o Barómetro Autonómico publicado polo Centro de Investigacións Sociolóxicas no 2012, estaba presente nas crenzas da maioría dos galegos habitantes da comunidade. A diversidade relixiosa foi en aumento e agnósticos e ateos conforman tamén unha parte significativa da poboación.Barómetro Autonómico do Centro de Investigacións Sociolóxicas, 2012 Hoxe en día, a maioría dos galegos identifícanse como católicos, representando o 82,2% do total da poboación residente, pero a práctica relixiosa activa é considerabelmente menor, diminuíndo paulatinamente e reflectindo unha tendencia común en Europa. Agnósticos (non crentes) e ateos sumaban o 16,6%, representando o 9,1% e o 7,5% respectivamente. Porén, a práctica relixiosa activa diminuíu nos últimos anos. Datos máis recentes amosan que un 83,7% dos galegos non practica ningunha relixión, incluíndo un 35% de católicos non practicantes, un 19,1% de ateos, e un 13,5% de agnósticos. Segundo a enquisa do CIS de agosto de 2024, o 16'5% dos galegos é practicante, sendo o 15% católicos practicantes e o 1'5% a suma das demais relixións.
As mulleres galegas mostran unha maior taxa de práctica relixiosa en comparación cos homes e a tendencia na xuventude é a diminuír. Galiza, xunto con Cataluña e o País Vasco, ten a menor taxa de crentes e practicantes relixiosos no Estado español. O declive da práctica relixiosa en Galiza reflicte unha tendencia de secularización común a moitas partes de Europa.
Historia Historicamente, a relixión en Galiza estivo marcada por un forte sincretismo, onde as crenzas precristiás das relixións celtas e galaicas adaptáronse á chegada do cristianismo. A historia da relixión en Galiza esténdese desde a Prehistoria até a contemporaneidade, reflectindo conexión coa natureza, sincretismo e influencias do politeísmo celta e de múltiples crenzas ao longo do tempo. Durante a Idade de Ferro, a chegada da cultura castrexa e das influencias celtas introduciu un panteón de deidades que se manifestaban a través de elementos naturais, amosando crenzas animistas e panteístas, e adaptacións sincréticas do politeísmo (asimilando deidades a santos etc.). A conversión ao cristianismo na Antigüidade tardía foi marcada por ese fondo sincretismo, onde festivais anuais e deuses precristiás foron adaptados á nova relixión, mantendo a sacralidade da natureza e os ciclos estacionais. (REF) Na Idade Media, a construción da Catedral de Santiago de Compostela e e o desenvolvemento e a consolidación das rutas de peregrinación do Camiño destacaron a Galiza como un centro cristián de relevancia europea. Aínda que o cristianismo se estableceu firmemente, as antigas crenzas continuaron influenciando as prácticas relixiosas desa época.
Prehistoria A desenvolver: Fitos relixiosos, cambios sociais, sincretismo, sociedade castrexa e galaicorromana, vínculos coa contorna e sociedades coñecidas.
Megalitismo miniatura|Vista frontal da mámoa de Dombate. O megalitismo en Galiza remóntase ao Neolítico, período no que se construíron numerosos dolmens e menhires que tiñan, probabelmente, unha función relixiosa e cerimonial. Estes monumentos, como o dolmen de Dombate ou os menhires do Campo Lameiro, indican unha complexidade social e relixiosa das comunidades castrexas da Gallaecia prerromana.
Relixión celta ou galaica
Coa chegada da Idade do Ferro, Galiza viuse influenciada pola cultura celta, que trouxo consigo un panteón de deidades e prácticas relixiosas. Os castros galegos, ademais de seren aldeas para a poboación, eran espazos de prácticas relixiosas celtas, venerando deidades como Berobreo, asociado ao alén e posibelmente o cosmos. Outras figuras do panteón celta inclúen Navia, deusa dos ríos e das augas, Reva, deidade asociada coa guerra e a xustiza, e Bormánico, vinculado ás augas termais e curativas. Algunhas deidades eran pancélticas, como Lugh ou comúns a outros territorios celtas, como Sulevia. Outras, como Navia ou Nabia, deusa das augas, era común a galaicos e lusitanos, segundo Blanca García Fernández-Albalat, quen situou estas crenzas nun contexto atlántico europeo, conectándoas co mundo céltico e indoeuropeo.
Idade Antiga
Influencias externas e sincretismo
miniatura|Desenvolver teoría de mitos solares e simbolismo das espirais. ídolos e representacións en espazos significados. Durante a dominación romana, a Gallaecia experimentou unha notable fusión das crenzas celtas e galaicas co panteón romano. Deidades como Cosso e Bandua, que desempeñaban roles de protectores e guerreiros, eran veneradas xunto a deuses romanos como Marte. Este sincretismo tamén se reflicte na adopción de heroes míticos grecorromanos como Teucro, tido como o fundador de Pontevedra, e Hércules, asociado coa lenda da fundación da Coruña e a Torre de Hércules xunto á figura do o xigante Xerión. Achados arqueolóxicos, como aras e inscricións dedicadas tanto a deidades celtas como a deuses grecorromanos en lugares como o santuario das Fragas de Panóias, corroboran esta mestura de influencias culturais e relixiosas.O templo sincrético foi construído por un grego dórico, en adoración de Serapis.
A relixiosidade indíxena experimentou un proceso de transformación profunda, no que conflúen o sincretismo grecolatino, as prácticas culturais autóctonas e, finalmente, a penetración do cristianismo. Este período supuxo a reinterpretación de múltiples elementos relixiosos, producíndose un diálogo complexo entre as tradicións célticas locais e as influencias relixiosas foráneas, tanto orientais como imperiais.
A chamada relixión galaica caracterizábase por unha cosmovisión animista e unha forte vinculación simbólica coa natureza. O culto a deidades locais, moitas veces asociadas a elementos naturais como fontes, ríos, montañas ou árbores, atopou correspondencias funcionais co panteón romano-grego, facilitando así o proceso de sincretismo. Neste marco, divindades indíxenas como Berobreo foron asimiladas a figuras do panteón clásico como Urano, mentres que outras foron identificadas con Marte, ben como deus da guerra ou como protector das comunidades locais. Os xigantes castrexos, figuras recorrentes na mitoloxía galaica, foron reinterpretados á luz das narrativas helenísticas sobre titáns e xigantes, integrando o imaxinario galaico nunha nova lectura imperializada do mundo espiritual.
A persistencia de prácticas relixiosas precristiás é tamén perceptible na continuidade de rutas de peregrinación vinculadas a lugares de especial relevancia simbólica. Moitos destes camiños, probablemente xa activos en épocas prehistóricas, conectaban enclaves considerados sacros, como fontes, montes ou cruces de ríos, e foron posteriormente cristianizados durante o período romano. Esta continuidade suxire unha capa profunda de memoria ritual que a romanización non conseguiu erradicar, senón máis ben resignificar. As mesmas rutas foron, co tempo, a base das futuras vías de peregrinación cristiá, como o Camiño de Santiago.
Neste sentido, a relación entre o Camiño e a Vía Láctea, visible no ceo como guía simbólica cara aos confíns da Terra, no extremo occidental da Gallaecia, podería interpretarse como unha continuidade simbólica entre as crenzas astronómicas prerromanas e a cosmoloxía cristiá medieval. A percepción do Finis Terrae como espazo liminal entre o mundo dos vivos e o alén perviviu, resignificada, no imaxinario xacobeo.
As expresións materiais desta espiritualidade sincrética tamén son notables. A arte sacra prerromana galega, presente en pedras gravadas, aras votivas e símbolos castrexos, revela unha linguaxe visual que foi reinterpretada á luz da nova relixiosidade romana e, máis tarde, cristiá. Cruces de formas celtas ou castrexas, posteriormente adaptadas aos modelos carolinxios e cristiáns, reflicten esa continuidade formal e simbólica que caracterizou a transición relixiosa en Gallaecia.
A chegada do cristianismo, especialmente a partir da política relixiosa de Teodosio I, supuxo a institucionalización progresiva dun culto oficial que buscaba homoxeneizar prácticas e combater desviacións doutrinais, como o priscilianismo. Porén, este novo credo non se implantou nun baleiro cultural, senón sobre unha rica e profunda tradición espiritual autóctona que, lonxe de desaparecer, seguiu latente nas formas simbólicas, nos itinerarios sacros e nas expresións visuais da fe galaica ao longo dos séculos.
Cristianización O proceso de cristianización da Gallaecia non debe entenderse unicamente como a imposición dun culto oficial, senón como o resultado dunha complexa interacción cultural e espiritual que tivo lugar durante a romanización do noroeste peninsular. Neste contexto, a Gallaecia actuou como espazo receptor e reinterpretador dunha pluralidade de tradicións relixiosas, incluíndo cultos de orixe fenicio-púnica, exipcia, minorasiática, irania e hebrea, que confluíron no marco do sincretismo relixioso característico do Baixo Imperio.
A figura de Prisciliano († ca. 385), máximo expoñente da primeira herexía cristiá con orixe ibérica, exemplifica este fenómeno. O priscilianismo, movemento ascético e reformista que xurdiu en Gallaecia, incorporaba elementos do gnosticismo e do maniqueísmo, así como trazos do animismo e das crenzas populares indíxenas. A proposta priscilianista entraba en conflito co cristianismo oficial promovido desde as instancias imperiais e eclesiásticas, especialmente despois do Edicto de Tesalónica (380), no que Teodosio I proclamou o cristianismo niceno como única relixión permitida no Imperio.
A represión de Prisciliano, executado en Tréveris por orde das autoridades civís, un feito inédito no seu tempo e amplamente cuestionado polos seus contemporáneos, non supuxo a inmediata desaparición da súa doutrina, que perviviu especialmente en medios rurais e nos sectores máis populares de Gallaecia. Esta persistencia motivou a celebración de diversos sínodos nos séculos IV e V, destinados a delimitar a ortodoxia doutrinal e erradicar desviacións consideradas heréticas.
Neste contexto emerxe a figura de Paulo Orosio (ca. 385 - despois de 418), historiador cristián natural de Braga, discípulo de Santo Agostiño e defensor da ortodoxia nicena. A súa obra, Historiarum adversus paganos libri septem, constitúe unha das principais fontes para o estudo da identidade cristiá galaica e da súa integración no discurso ideolóxico do Imperio. Ao mesmo tempo, testemuña a continuidade de certos elementos culturais indíxenas, que contribuíron á conformación dun cristianismo de características propias, en ocasións cualificado como “celta”.
Neste sentido, o simbolismo presente en moitas expresións materiais da espiritualidade galaica, como as cruces castrexas, celtas e, posteriormente, carolinxias, revela un proceso de adaptación e resignificación dos signos cristiáns a través da lente da tradición local.
Cómpre mencionar tamén a Exeria, peregrina cristiá posiblemente oriúnda da Gallaecia (algúns autores propoñen unha orixe na zona de Braga ou Lugo), cuxo Itinerarium constitúe un documento excepcional sobre a liturxia e a práctica cristiá en Xerusalén a finais do século IV. A súa obra non só reflicte a presenza dunha muller letrada nunha sociedade en transformación, senón que tamén evidencia o nivel de integración da Gallaecia nos grandes movementos espirituais da cristiandade antiga.
En conxunto, a cristianización da Gallaecia presenta un caso paradigmático de apropiación e reinterpretación cultural, onde a fe cristiá non se impuxo de forma lineal, senón que se viu profundamente moldeada polas crenzas, símbolos e estruturas previas da sociedade galaicorromana.
Idade Media A desenvolver: paso ao cristianismo (Idade Antiga - Idade Media) e ao catolicismo, catedral e peregrinacións, outras relixións ao longo do tempo (monoteístas ou non).
Alta Idade Media Prerrománico
A desenvolver:
Relixión dos suevos
Cristianismo suevo e transición do arrianismo visigodo [Concilio de Toledo III] ao catolicismo - Isidoro de Sevilla