Barco sin luces (en ) é un poemario en castelán do poeta galego Luís Pimentel, publicado postumamente en 1960.

Trátase da culminación poética da vida do autor, pois contén unha selección de 33 textos traballados dende 1919 até o seu pasamento en 1958, algúns deles publicados con anterioridade en diversas revistas (ás veces, en tradución ao galego). O libro contou con certa anticipación antes da súa saída do prelo, xa que o prólogo de Dámaso Alonso foi publicado con anterioridade nun estudo do escritor madrileño.

Historia A primeira versión coñecida do texto data de 1936. Trátase dunha tradución ao galego que non chegou a publicarse por mor da guerra civil, probablemente realizada polos seus amigos Ramón Piñeiro e Ánxel Fole. Outras pezas apareceron en revistas, tanto en castelán como en galego; estas amosan certas diferenzas respecto da edición actual. Xa que logo, Barco sin luces foi un libro en constante evolución, conformado por unha selección final do poeta.

Existe unha segunda versión da obra, presentada por Pimentel ao certame "Ciudad de Barcelona", da que quedou finalista. É probable que sexa esta a compilación prologada por Dámaso Alonso, xa que o texto deste cita un par de versos ausentes na edición definitiva.

A editio princeps de Barco sin luces é a publicada de maneira póstuma pola Editorial Celta de Lugo. Ao seu cargo estivo Ánxel Johán, amigo íntimo de Pimentel, que seguiu as derradeiras vontades do autor. Trátase da primeira edición pública do texto.

Estrutura Barco sin luces consta de tres partes:

"Diario de un médico de guardia". Contén poemas inspirados na carreira médica de Pimentel, centrados sobre todo na morte de persoas desamparadas (un neno, un mendigo...). Máis ca un comentario social, os versos reflicten a reacción emocional do poeta ante a perda e a fraxilidade da vida. "Oraciones". Os poemas aquí contidos toman a forma de pregarias das que agroma a interioridade da voz poética. "Interior". Consta de tres subseccións, a segunda delas dedicada á muller amada, cunha codia sobre a filla do poeta.

Temas e estilo Algúns dos temas centrais de Barco sin luces, como en xeral do corpus de Pimentel, son a tristeza e o padecemento do poeta ante o sufrimento e as desgrazas do mundo. O seu estilo é directo, mais cheo de simbolismo e emoción, que configuran unha escrita individual e propia.

Recepción Malia a interese suscitada nos círculos literarios españois pola gabanza de Dámaso Alonso, a obra foi relativamente ignorada e apenas recibiu comentarios por parte da crítica. Unha situación semellante produciuse en Galicia, a pesar de que o público galegofalante xa coñecía Sombra do aire na herba.

Con todo, a homenaxe ao poeta no Día das Letras Galegas de 1990 recuperou o interese polo seu traballo e levou á publicación de numerosas edicións e estudos.

Notas

Véxase tamén

Bibliografía

Categoría:Luís Pimentel Categoría:Obras de poesía en castelán Categoría:Obras literarias de 1960