O pedreiro do Atlas (Oenanthe seebohmi) é un pequeno paseriforme que se reproduce na rexión do Maghreb no norte de África e pasa o inverno no oeste do Sahel. Anteriormente era considerado unha subespecie do pedreiro cincento (O. oenanthe) co nome O. o. seebohmi, pero foi reclasificado como especie distinta pola IOC en 2021.
Taxonomía
Esta ave era antes considerada unha subespecie norteafricana do moi espallado pedreiro cincento de Eurasia, Groenlandia e América do Norte; porén, agora considérase con categoría de especie.
Descrición
Os machos adultos en reprodución son moi distintivos se os comparamos co pedreiro cincento, presentando unha gorxa, face, loros e cobertoiras dos oídos negros, cor que ás veces e estende á parte máis alta do peito, ocasionalmente con algo de beixe mesturado. As partes superiores do animal son similares ás do macho adulto de pedreiro cincento, pero por veces ten máis cor branca na fronte e unha área menos extensa negra na punta da cola, onde a cor branca pode estenderse pola parte externa da cola. As cobertoiras axilares e de debaixo das ás son negras e as partes inferiores adoitan ser máis brancas que no pedreiro cincento. Despois da muda post-reprodución as partes dorsais son marróns claras coas plumas cobertoriras das ás, primarias, secondarias e terciarias con puntas beixes, mentres que as cobertoiras maiores teñen puntas abrancazadas. A gorxa negra está manchada polas puntas das plumas, que son máis claras, e o peito ten uns tons beixes. As femias son variables desde semellárense moito ás femias da subespecie nomeada a mostraren cobertoiras dos oídos marróns e teren cor negra ou anegrada no queixo e loros con puntas beixes, grises ou cor area. As súas partes superiores do corpo son máis cincentas, a miúdo similares ás do macho adulto, aínda que poden mostrar uns tons máis beixes.
Vocalizacións A súa canción é algo máis lenta e de ton máis grave que a do pedreiro cincento, coas súas melodiosas frases ascendentes e descendentes máis marcadas que as do pedreiro cincento. Polo demais, as cancións de ambos son similares.
Distribución e poboación Ten unha área reprodutora disxunta no noroeste de África: no nordés de Marrocos, onde se reproduce no Rif, e nas montañas do Atlas Medio, Alto Atlas e Anti Atlas central con outras poboacións no nordés de Alxeria nas Montañas Aurès e na cordilleira de Djurdjura. Inverna no oeste do Sahel, principalmente no suroeste de Mauritania, norte de Senegal e oeste de Mali con cantidades menores no centro de Mali e ás veces poden verse algúns invernando no sur de Marrocos. A masa da poboación inverna entre os 15–18°N e 09–16°W. Estímase que 50.000 exemplares pasan o inverno en África occidental, onde se solapan cos pedreiros cincentos.
Hábitat Reprodúcese en mesetas pedrentas das montañas e ladeiras con vexetación dispersa con rochas espalladas, situadas entre os 1.700 e 2.300 m de altura, se ben pode reproducirse tamén a só 150 m de altura en Alxeria. Nidifica en buratos no chan ou entre rochas. Pasa o inverno en áreas abertas da sabana semiárida, aínda que prefire a sabana guineana máis húmida con árbores espalladas como a acacia, Balanites e Salvadora en vez de rexións máis áridas máis próximas ao bordo do deserto.
Notas
Véxase tamén
Ligazóns externas Gravacións en Xeno-Canto do pedreiro do Atlas
Categoría:Muscicápidos Categoría:Aves de África Categoría:Animais descritos en 1882