Hernán Pérez de Quesada, nado en Granada en 1515, e finado en Cabo de la Vela, Nova Granada, en 1544, foi un explorador e conquistador castelán, irmán do tamén conquistador Gonzalo Jiménez de Quesada. Participou na conquista do Novo Reino de Granada entre 1536 e 1543.
Traxectoria Conquista do Novo Reino de Granada Fixo parte da expedición que partiu de Santa Marta en 1536, e que chegou á sabana de Bogotá en 1537. Alí fundou a vila de Sutatausa, entre outras. Participou nas liortas de Cajicá e Facatativá onde se produciu a morte do zipa Tisquesusa. Logo aliado co novo zipa Zaquesazipa, xunto ao seu irmán marchou á conquista dos panches, acción que levou a cabo coa batalla de Tocarema. Ao regresar á sabana estivo presente na fundación de Santa Fe de Bogotá; posteriormente enviou unha expedición ao mando de Gonzalo Suárez Rendón que conquistou as terras de Quemuenchatocha. Hernán someteu aos caciques Tundama e Sugamuxi. Tamén encomendou a un inimigo, Luis Lancheros, a conquista dos muzos.
Coa chegada dos conquistadores Sebastián de Belalcázar e Nikolaus Federmann, o seu irmán Gonzalo Jiménez de Quesada partiu con eles a España deixánxoo encargado do goberno do recentemente fundado Novo Reino de Granada. O zaque Aquiminzaque, así como o seu tío Quemuenchatocha, foron executados en Tunja tras unha rebelión. O cacique Tundama que presentou unha feroz resistencia aos conquistadores tamén foi morto por orde súa en tempos de paz. Ademais levou duras represalias contra os panches. Explorou os hoxe departamentos de Tolima, Huila e Caquetá, Meta e Putumayo nunha penosa e infrutuosa expedición na procura de El Dorado.
Na procura de El Dorado No mes de setembro de 1540, Hernán Pérez de Quesada e os capitáns Montalvo, Martínez e Maldonado, partiron coa súa tropa e aborixes dende Santa Fe de Bogotá cara á vila de Nuestra Señora, nos Llanos, atravesando o Páramo de Sumapaz, onde sufriron as primeiras baixas por mor do frío. Dende San Juan de los Llanos, a expedición avanzou até o río Guanayare e cruzándoo chegou posteriormente ao río Papamene e á serra da Macarena.
Despois das moitas dificultades que viviu esta expedición, uns poucos dos que a conformaban lograron ascender ao val de Sibundoy onde se reuniron cos conquistadores que algúns anos antes ingresaran dende o Perú con Sebastián de Belalcázar para a conquista do que máis tarde sería a Gobernación de Popayán.
Persecución e morte Desta expedición saíu ao cabo de dous anos, en mal estado, a Quito. Alí atopouse con outro irmán, Francisco, en cuxa compañía e a dos poucos que quedaran da expedición, regresou a Santa Fe. Ao volver ao seu cargo atopou no seu sitio a Luis Alonso de Lugo, quen o perseguiu e encarcerou a causa do mal tratamento que dera aos aborixes, principalmente ao zaque de Hunza, a quen mandara degolar como conspirador sen probas suficientes. Por último, Lugo desterrouno á illa a Española. Ao seu regreso, sendo enviado de Santo Domingo a Cartaxena como parte do proceso en 1544, cando pasaba polo Cabo de la Vela matouno un raio que caeu sobre o buque no que viaxaba, así como ao seu irmán Francisco Jiménez de Quesada, conquistador activo no Perú.
Notas
Categoría:Nados en 1515 Categoría:Nados en Granada Categoría:Finados en 1544 Categoría:Españois de ascendencia xudía Categoría:Conquistadores