Juan Francisco Beltrán Camba, nado en Guanabacoa (A Habana) o 19 de xuño de 1922 e finado na Coruña o 11 de decembro de 1989, foi un boxeador galego-cubano, que gañou o título de campión de España do peso lixeiro en 1945.

Traxectoria Naceu en Guanabacoa, na provincia da Habana, o 19 de xuño de 1922, sendo o segundo dos dous fillos de Segundo Beltrán e Pilar Camba García, dous emigrantes galegos da Coruña. Aos 10 anos regresou coa súa familia á Coruña e aos 17 comezou a practicar boxeo na Sala Calvet, ás ordes de José Vidal.

Despois de só tres combates, en 1940 participou en Madrid nos primeiros campionatos nacionais de boxeo para afeccionados da posguerra, onde se fixo co título do peso lixeiro, despois de derrotar a Mariano Hita, Landa e Arenaza, campións respectivamente de Castela, Cataluña e Biscaia. Pouco despois iniciou a súa carreira no boxeo profesional e en 1945 proclamouse campión de España dos pesos lixeiros na praza de touros da Coruña, despois de derrotar aos puntos a José Micó.

Continuou boxeando varios anos máis (cunha paréntese na que deixou o boxeo por problemas renais), sendo alcumado o Touro do Matadoiro, ata a súa retirada definitiva cun balance de 81 vitorias en 87 combates. Trala súa retirada viviu de novo na Habana, así como en Nova York e Caracas, traballando en diferentes oficios. En 1969 regresou á Coruña, onde foi mestre de boxeadores como Pantera Rodríguez e dirixiu a escola da Federación Galega de Boxeo. Faleceu o 11 de decembro de 1989, aos 67 anos de idade.

Notas

Categoría:Nados na provincia da Habana Categoría:Nados en 1922 Categoría:Cubanos de ascendencia galega Categoría:Boxeadores de Cuba Categoría:Boxeadores de Galicia Categoría:Boxeadores de peso lixeiro Categoría:Finados en 1989