O urbanismo táctico é un enfoque na planificación e intervención do espazo urbano caracterizado por un baixo custo, pequena escala, rapidez na execución, reversibilidade e pola participación cidadá na toma de decisións. O obxectivo é transformar a cidade para facela máis agradable, acolledora, sostible e segura a partir do cuestionamento do uso e ocupación dos espazos públicos.
Habitualmente o urbanismo táctico emprega elementos urbanísticos efémeros e portátiles, como pintura ou mobiliario urbano, para marcar o novo uso dese espazo sen a alteración da infraestrutura. Isto permite avaliar experimentalmente se a intervención ten o efecto desexado, se poden incluírse melloras ou se o cambio de uso debe facerse permanente.
O termo urbanismo táctico popularizouse a partir da segunda metade da década dos 2000 para referirse a multitude de accións cidadás e de activismo urbano que comezaron a emerxer por todo o mundo e cuxo obxectivo común era reconquistar espazos para a cidadanía e que os propios veciños puidesen participar no modelado da súa contorna cotiá.
O urbanismo táctico está influenciado, entre outras, polas contribucións de urbanistas, arquitectos, xeógrafos humanos, sociólogos ou filósofos como Jane Jacobs, Peter Hall, Hannah Arendt, Jürgen Habermas, Paul Davidoff ou David Harvey.
miniatura|200 px|A cidade de Barcelona utilizou pintura, bancos, macetas ou separadores viarios para conseguir máis espazo peonil e ciclista en pouco tempo e de maneira económica.
Dependendo da perspectiva ideolóxica, da duración da intervención ou de se estas accións son levadas a cabo por institucións ou por activistas, o concepto tamén recibe o nome de urbanismo emerxente, urbanismo de guerrilla, urbanismo punk, urbanismo participativo, urbanismo precario, urbanismo de abaixo cara arriba, prototipado urbano ou planificar facendo.
Notas
Véxase tamén
Outros artigos Filtro modal Rúa completa Vitalidade urbana Ciclabilidade
Categoría:Urbanismo