Oswald Theodore Avery Jr., nado en Halifax (Nova Escocia) o 21 de outubro de 1877 e finado en Nashville (Tennessee) o 20 de febreiro de 1955, foi un médico canadense-estadounidense e investigador médico. Pasou a maior parte da súa carreira no Hospital Rockefeller da cidade de Nova York. Avery foi un dos primeiros biólogos moleculares e un pioneiro da inmunoquímica, pero é máis coñecido polo famoso experimento (publicado en 1944 cos seus colegas Colin MacLeod e Maclyn McCarty) no que se illou o ADN como material xenético que forma os xenes e parte dos cromosomas.
O laureado co Nobel Arne Tiselius dixo que Avery foi o científico que máis merecía o premio Nobel polo seu traballo pero que non o recibiu, aínda que foi proposto para o premio varias veces nas décadas de 1930, 1940 e 1950.
O cráter lunar Avery foi nomeado no seu honor."Avery". Gazetteer of Planetary Nomenclature. USGS Astrogeology Research Program.
Traxectoria
Familia
O avó de Oswald Avery foi Joseph Henry Avery. Era un fabricante de papel e encargouse da fabricación de papel para a Universidade de Oxford. Decubriu un xeito de fabricar un papel fino que podía imprimirse por ambos os lados. Este papel utilizouse para facer as Biblias de Oxford.
O pai de Avery, Joseph Francis Avery, nado en 1846 en Norwich, Norfolk, fíxose ministro baptista despois de estar baixo a influencia de C. H. Spurgeon, un evanxelista baptista. Casou con Elizabeth Crowdy en 1870, e pasou tres anos en Inglaterra, onde continuou o seu servizo pastoral como baptista. Despois, mudouse a Halifax, Nova Escocia (Canadá) coa súa muller, contra os desexos dos seus amigos, crendo que isto era a Vontade de Deus. Seguiu sendo pastor por 14 anos en Halifax antes de se trasladar ao Templo do Mariñeiro (Mariner's Temple) da cidade de Nova York, onde predicaba a unha multitude de persoas pobres e alborotadoras. Mentres estivo alí, publicou un panfleto edificante titulado "The Voyage of Life", editou a publicación da igrexa Buds and Blossoms, e patentou e tentou vender unha preparación coñecida como "Auralina de Avery", aínda que tivo pouco éxito. Cando a súa casa ardeu ata os alicerces en decembro de 1890, a comunidade baptista de Nova York xuntouse para axudar a pagar os gastos, incluíndo unha persoa chamada John D. Rockefeller. Morreu en 1892, deixando viúva a súa esposa Elizabeth Avery.
Despois da morte de Joseph Francis Avery, Elizabeth continuou editando a publicación Buds and Blossoms. Tamén continuou traballando coa Sociedade da Misión da Cidade Baptista, onde se asociaría con varias persoas ricas, como os Sloan, os Vanderbilt e os Rockefeller.
Oswald tivo dous irmáns: o irmán maior era Ernest e o menor Roy. Ernest era un neno con talento, pero enfermou sendo aída novo. Roy seguiu o seu irmán Oswald dedicándose ao campo da bacterioloxía e finalmente ensinou na Escola Médica Vanderbilt de Nashville, Tennessee.
Infancia e formación Oswald Avery naceu en Halifax (Nova Escocia, Canadá) en 1877, fillo de Francis Joseph Avery, pastor baptista, e a súa esposa Elizabeth Crowdy. A parella emigrara desde Inglaterra en 1873. Oswald Avery naceu e criouse nunha pequena casa acaroada de madeira na rúa Moran na parte norte de Halifax, que agora foi clasificada como edificio histórico."Avery House", Canada's Historic Places Cando Avery tiña 10 anos, a súa familia mudouse ao Lower East Side da cidade de Nova York. Oswald empezou a participar nas actividades da igrexa desde que era novo. El e seu irmán Ernest aprenderon a tocar a corneta ensinados por un músico alemán que tocaba na igrexa. Pouco despois, ambos tocaban xuntos na igrexa. Os irmáns tocaban nas escaleiras do Templo do Mariñeiro para atraer devotos. Ambos obtiveron unha bolsa de estudos para o Conservatorio Nacional de Música de América. Ernest enfermou e non continuou, pero Oswald si. Como tiña talento suficiente tocou coa Academia Nacional de Música a Sinfonía No. 5 (Do Novo Mundo) de Antonín Dvořák, baixo a dirección de Walter Damrosch.
Oswald Avery empezou a estudar na Universidade Colgate en 1896. Aínda que a Colgate era unha escola baptista, había signos de rebelión contra a ortodoxia no período en que estivo Avery alí. No último ano de Avery, el e algúns dos seus compañeiros pediron ao seu profesor de filosofía crear unha clase de metafísica que lles permitise explorar a credibilidade da fe cristiá. O último ano de Avery era de materias totalmente optativas, pero el non escolleu ningunha materia científica optativa, aínda que se ofrecían moitas. Avery tivo notas excepcionais durante os seus anos na Colgate. Puxéronlle un 8,5 sobre 10 ou máis en todos os cursos no seu ano inicial e un 9 sobre 10 ou máis nos seu segundo ano e no final. As notas máis altas de Avery tíñaas en oratoria, na cal nunca tivo menos dun 9,5. Incluso quedou empatado no primeiro posto co seu amigo Emerson nun concurso de oratoria. Avery obtivo a súa graduación de pregrao en humanidades na Universidade Colgate e foi membro da Clase de 1900.
Oswald Avery empezou os seus estudos médicos no Colexio de Médicos e Cirurxiáns da Universidade de Columbia en Nova York en 1900. No colexio tivo boas notas en todos os cursos, excepto en bacterioloxía e patoloxía. Graduouse como médico en 1904, e despois comezou a practicar a medicina xeral. A Avery non lle gustaba tratar pacientes que tiñan doenzas crónicas que era incapaz de curar. Practicou medicina ata 1907 cando comezou a traballar como director asociado de Benjamin White no Laboratorio Hoagland.
Laboratorio Hoagland No Laboratorio Hoagland, Avery empezou a estudar a bacterioloxía do iogur e outros produtos lácteos fermentados e os seus efectos sobre as bacterias intestinais. Rexistrou os seus descubrimentos en "Observations on Certain Lactic Acid Bacteria of the Bulgaricus Type". Durante o período de 1909 a 1913, realizou investigacións médicas con Arnav Singh Mehta con enfoques inmunolóxicos e químicos.
Durante un período de tempo, White enfermou de tuberculose. Avery foi con el ao Sanatorio Trudea para buscar unha curación. Despois, Avery regresou para ir pasar unhas vacacións no sanatorio. Interesouse na tuberculose e empezou a facer investigacións no Laboratorio Trudea, onde se fixaba nos aspectos clínicos e experimentais da tuberculose. Levou a cabo 100 cultivos sanguíneos consecutivos de pacientes de tuberculose na fase activa da doenza. Nunca atopou evidencias de infección secundaria. A súa coidadosa investigación clínica chamou a atención do Dr. Rufus Cole do Instituto Rockefeller.
No Hoagland, Avery realizou un estudo químico e toxicolóxico dun produto derivado dos bacilos dos tubérculos. Con White como colega, Avery realizou a extracción do produto con etanol alcalino. A investigación publicouse en 1912. Isto volveu demostrar os seus esforzos sistemáticos para observar e analizar a actividade bacteriana usando a súa estrutura química. En 1911, Avery instruíu o persoal da H. K. Mulford Company en técnicas bacteriolóxicas, e eles ensináronlle a el os métodos industriais para a produción de antitoxinas e vacinas.
Durante este tempo no Hoagland, Avery publicou nove artigos, un dos cales era un capítulo de "Opsonins and Vaccine Therapy". Colaborou co Dr. N. B. Potter para facer este capítulo, o cal se puxo nunha revista médica popular desa época chamada Hare's Modern Treatment. Avery tamén foi profesor dun curso para estudantes de enfermaría en Hoagland. Durante o curso, explicou os perigos do espallamento de patóxenos por medio de espirros. Mentres traballaba no Hoagland, Avery recibiu por correo dúas ofertas do Instituto Rockefeller, e rexeitou ambas. Avery non aceptaría a oferta ata que Rufus Cole do Rockefeller lle ofreceu o posto en persoa.
Instituto Rockefeller Oswald Avery empezou a traballar no Instituto Rockefeller como auxiliar en 1913, e en 1915 pasou a ser adxunto. En 1919, Avery foi ascendido a membro adxunto. Pasou a ser titular en 1923. No instituto, Cole, Avery e Alphonse Dochez desenvolveron o primeiro soro inmunolóxico efectivo contra unha cepa de pneumococo, unha bacteria causante de pneumonía. O soro producíase a partir de sangue de cabalos infectados.
As investigacións indicaban que varios cultivos de pneumonía illados de diferentes pacientes tiñan diferentes propiedades inmunolóxicas. Isto facía difícil desenvolver un soro efectivo contra todos os tipos de cepas. Descubríranse catro grandes grupos de pneunococos: tipos I, II, III e IV. Avery investigou a distibución de diferentes tipos de pneumococos en individuos sans fronte a individuos con síntomas de pneumonía. Avery atopou diversos subgrupos do pneumococo de tipo II. Estes grupos eran smilares á cepa tipo en certos aspectos. Porén, os subgrupos de tipo II tiñan semellanzas entre eles que non compartían cos outros grandes grupos de pneumococos. Avery escribiu sobre os resultados dos seus descubrimentos nun artigo de 1915 chamado Varieties of Pneumococcus and Their Relation to Lobar Pneumonia. No artigo, argumentaba que as persoas que parecían estar sas podían ser portadoras da pneumonía Avery tamén suxeriu que isto era importante para identificar o tipo de cepa, baseándose na aglutinación dos pneumococos, cando se determinaba o soro apropiado para cada paciente. Avery sinalou que as cepas de pneumococosw que producían síntomas máis graves tiñan maior virulencia que as cepas que causaban síntomas menos graves. Desenvolveuse un soro efectivo contra a pneumonia tipo II. Comprobou o soro en cabalos. Procesou o soro e mediu a súa actividade antipneumocócica. Concentrou o soro para que fose necesaria só unha cantidade mínima de proteína allea. Avery escribiu a monografía, Acute Lobar Pneumonia: Prevention and Serum Treatment, que publicou o Instituto explicando esta mellora.
Avery tamén axudou a Dochez na súa investigación sobre substancias solubles específicas encontradas no sangue e urina de pacientes de pneumonía. A presenza de substancias solubles específicas nunha mostra de urina permitiulle testar rapidamente o tipo de pneumonía sen ter que esperar a que crecese un cultivo. Avery e Heidelberger déronse conta de que as cápsulas de diferentes cepas tiñan distintas estruturas polisacarídicas e concluíron que os polisacáridos exercen un papel na especificidade inmunolóxica. O seu traballo con substancias solubles específicas mostrou que é importante considerar a composición química dos organismos ao deseñar antisoro. Avery publicou artigos sobre descubrimentos de substancias solubles específcas entre 1923 e 1929, xunto cun artigo adicional que publicou xunto con Goebel en 1933. Traballou con Goebel ata 1934, e despois Gobel continuou os traballos que iniciaran ambos, despois do seu cesamento. Posteriormente, Avery concluíu que unha proteína determna a especificidade de Diplococcus pneumoniae (hoxe Streptococcus pneumoniae) cando observou que as proteínas activas eran as mesmas en todas as cepas de pneumococos pero diferentes ás das outras bacterias.
Avery converteuse en membro emérito do Instituto cando se retirou en 1943. Porén, continuou traballando no laboratorio ata 1948.
Debate sobre o patóxeno da epidemia de gripe de 1918 No momento da epidemia de gripe de 1918, a hipótese dominante era que o axente causante da doenza era unha bacteria, concretamente Haemophilus influenzae (entón chamada "bacilo de Pfeiffer" ou Bacillus influenzae), un microbio que fora illado polo bacteriólogo alemán Richard Pfeiffer, que el identificara en mostras nasais de pacientes infectados de gripe estacional décadas antes e que se atopaba agora en moitas mostras (pero non en todas) tomadas de pacientes da epidemia de 1918. O fracaso ao intentar illar B. influenzae nalgúns pacientes atribuíase xeralmente á dificultade de cultivar a bacteria.