miniatura|dereita|Mapa cronolóxico que amosa a evolución territorial das linguas romances do suroeste de Europa; en azul o galego. A historia da lingua galega (ou historia social ou externa) pódese resumir como oito séculos de normalidade, desde as súas orixes cando se separa do latín galaico, aló polo século IX, até a introdución do castelán no século XV, e cinco séculos de conflitos, do século XVI até os nosos días.
Substratos do galego
miniatura|Estela dedicada a unha defunta aristócrata galaico-romana chamada Apana, Celtica Supertamárica e do poboado de "Miobre", século II d. C. Os primeiros habitantes de Galicia eran de orixe preindoeuropea e, o mesmo que os indoeuropeos, deixaron a súa pegada na lingua galega. As informacións de xeógrafos e historiadores grecolatinos, os restos arqueolóxicos e as similitudes lingüísticas con outras zonas indican que no noroeste peninsular coexistiron diferentes etnias desde o Paleolítico até o século V a. C. Desta maneira, podemos falar de dous tipos de substratos:ROCAMONDE Et alii, Lingua galega (COU), Bruño, 1993, páx. 267
Substratos preindoeuropeos Cronoloxicamente, están situados na Idade de Pedra, e fórmanos distintas etnias convivindo no noroeste da Península Ibérica. Considerando a distribución xeográfica entre voces propias de Galicia e doutros lugares, pódense diferenciar tres grupos:
Euroafricano ou mediterráneo (desde o Norte de África ata os Alpes, pasando pola Península; situado cronoloxicamente no final do paleolítico superior), que nos deixou palabras como cosco, mata, quiroga e variantes (queiroga, queiruga, queiroa...), carqueixa, carrabouxo, carrasco... Hispano-caucásico (desde o Atlántico ao Cáucaso, na Europa meridional; situado no terceiro milenio a. C.), con voces como coto, amorodo e variantes, sobaco, gorro... Tirrénico (no Mediterráneo), do cal procederían touza, morea, petouto, lastra, barro, cama, veiga, varcia, gándara...
Substratos indoeuropeos miniatura|esquerda|Mapa lingüístico na Península Ibérica antes da chegada de Roma.
As teorías dominantes no século XX aseguran que a partir do primeiro milenio antes de Cristo se desprazan até a península pobos indoeuropeos ou indoeuropeizados que se superpoñen ás etnias anteriores. Aínda que hoxe as teorías invasionistas se poñen en cuestión e incluso algunha escola coma a de Mario Alinei propón un itinerario moi diferente ao da visión historiográfica tradicional, o que semella indiscutible é presenza na área noroeste da Península de pobos de fala protocéltica e máis tarde céltica. Eses substratos, testemuñados ademais pola toponimia, dividiríanse en dous grupos:
Linguas preceltas ou protoceltas. Segundo se estima teríanse desprazado á Península, aproximadamente polo ano 800 a. C., pobos do centro e norte de Europa coñecidos cos nomes de ligures, ambro-ilirios ou tamén como paraceltas ou protoceltas. Algúns dos restos que deixaron no galego son os topónimos co sufixo -asc- e -usc- (Viascón, Tarascón, Velasco, Ledusco...), xunto con cabana, canastro, cabazo, cabaceira, páramo... Linguas celtas. Tería habido dúas emigracións de pobos celtas; unha de celtas goidélicos no século VIII a. C. (falantes do chamado Celta Q, que orixinará o irlandés, o escocés e o manés) e unha segunda de celtas britónicos no século V a. C. (falantes da variante do Celta P que orixinará o galés, o bretón e o córnico). Para algunhas opinións, especialmente a segunda onda sería a que se impuxo política e lingüisticamente á poboación autóctona, manténdose unha relativa unidade cultural até a chegada dos romanos. Outras perspectivas baseadas en restos léxicos e etnográficos e en fontes lendarias coma o Lebor Gabála Érenn estiman que canto menos as rexións costeiras e máis do norte da futura Gallaecia falaban un idioma semellante ao gaélico.
En calquera caso algunhas palabras procedentes destes substratos celtas permaneceron na lingua: alpendre, bágoa, beizo, berce, berro, bico, bidueiro, billa, boroa, bosta, braña, bugallo, buraco/burato, callao, camba, centola, colmo, croio/coio, curral, gancho, lama, laxe, leira, lousa, pena, penedo, peza, pico, rodaballo, salmón, seara, tona, touciño, vasoira, virar... Noutras ocasións, debido ao duradeiro contacto entre galos e latinos, o léxico celta filtrouse desde o propio latín vulgar que traían os lexionarios e os colonos: braga, cabalo, camiño, camisa, carro, cervexa... Tamén na toponimia fican elementos de xinea claramente céltica, coma as terminacións en -obre ou -robe (Añobre, Baiobre, Boebre, Fiobre, Laxobre, Maiobre, Sillobre, Landrove, Lestrobe, O Grove, Barallobre, Illobre, Anzobre, Callobre, Canzobre, Montrobe, Tiobre, Pantiñobre (véxase o artigo sobre topónimos galegos en -obre) e o sufixo -brica ou -briga, que significa fortaleza (Brigantium, Bergantiños, Coímbra...). Así mesmo, hai numerosos hidrónimos de orixe celta, como Deva 'auga', Limia 'luír', Sar 'fluír torrencialmente', Sarela...ESPIÑO, M. e SÁNCHEZ H. (1990). Aprender palabras e significados, Vía Láctea Editorial, p. 27.
O estrato latino (base lingüística) miniatura|180px|Retrato dunha muller romana -posiblemente patricia- que amosa o alto refinamento cultural acadado polas letras latinas. O Imperio Romano logra anexionar os pobos galaicos a inicios practicamente do século I, case 200 anos despois da primeira colonia romana en Hispania. Esta tardía romanización do territorio da Gallaecia permitiu unha menor asimilación cultural e lingüística, en comparanza co acontecido na maior parte da Península Ibérica. O latín será desde entón o idioma reservado para as relacións da aristocracia galaica cos funcionarios do Imperio, motivando unha paseniña situación de bilingüismo que conduciría á adopción do latín por parte das elites, especialmente tras a oficialización do cristianismo (ano 391) e o espallamento da liturxia romana (oficiada en latín) entre a poboación. Con todo, a forte ruralización da Gallaecia e a escasa implantación de grandes urbes permitiulles -como noutras zonas do Imperio- aos estamentos máis humildes (que supuñan o groso da poboación) conservar gran parte dos seus costumes e lingua, ata unha data indeterminada da Idade Media.
Unha das características máis interesantes do latín adoptado na Gallaecia vai ser o seu carácter altamente conservador, de xeito que se consagren moitas das formas máis antigas do latín, mentres xorden novas innovacións noutros lugares como na Galia ou Italia, motivando isto, que o galego manteña formas como "paxaro" (passer), "medo" (metus), "comer" (comedere) ou "mañá" (maneana) no canto de formas latinas máis recentes como avicellus, pavura, manducare, matutinu que se consagraron en idiomas como o francés ou o italiano. As causas deste gran conservadorismo débense non só á situación xeográfica da Gallaecia, das máis afastadas de Roma, senón tamén a que maior parte do funcionarios públicos do Imperio romano que se instalaron nela proviñan da Baetica, zona romanizada desde moi cedo (século II a.C) e na cal se falaba un latín purista e moi clásico.
O latín é a base lingüística máis importante do idioma galego, xa que arredor dun 70 % das voces patrimoniais galegas proveñen basicamente do latín coloquial. A continuación indicamos algunhas palabras procedentes do latín que son exclusivas do galego e non aparecen noutras linguas:ESPIÑO, M. e SANCHEZ, H. (1990). Aprender palabras e significados, Vía Láctea Editorial, p. 35. acio, arela, garabullo, chaira, intre, lóstrego, aloumiño, con (rocha no mar)...
O proceso de romanización tamén se deu noutros lugares, o que explica que da lingua utilizada daquela, o latín vulgar, derivasen xa na Idade Media as chamadas linguas románicas (o occitano, arpetano, castelán, o catalán, o asturleonés, o romanés, o francés, o italiano etc.).
Superestratos poslatinos A Lingüística Diacrónica chama superestrato as achegas daquelas linguas que dun xeito ou outro influíron posteriormente sobre un idioma base, especialmente no eido do vocabulario. No caso do latín vulgar que comezaba a evolucionar na sociedade galaico-romana cara ao que nos séculos VIII e IX xa poderemos chamar lingua galega, as linguas de superestrato foron as dos pobos que chegaron á Gallaecia despois da caída do Imperio Romano (ano 409), polo tanto o britónico (antecedente do córnico, do galés e do bretón) e as linguas xermánicas dos suevos e dos visigodos.
Superestratos xermánicos e britónicos miniatura|dereita|200px|Casco xermánico (saxón) de Sutton Hoo. Os pobos xermánicos como os suevos, saxóns, visigodos e outros, penetraron no Imperio romano no século V. Na Gallaecia asentáronse principalmente os suevos, que incorporaron no idioma numerosas palabras, antropónimos e topónimos hoxe cotiáns no galego. No ano 409 ou 410 establecéronse no noroeste da Península Ibérica os suevos, que non impuxeron a súa lingua, senón que asumiron a falada polos galaico-romanos. Isto puido deberse a que era unha lingua menos culta (non se conservan textos escritos en lingua sueva), e a que a maioría dos chegados eran homes guerreiros que casaron coas mulleres galaicas, polo que a lingua materna seguiu sendo o latín vulgar. Os suevos (xermanos occidentais) fundaron un reino no noroeste peninsular que durou case dous séculos, até o 585, ano no que se integran na monarquía visigoda.
Durante o reinado visigodo tampouco houbo imposición da súa lingua, pois desde a corte de Toledo mantiveron os costumes e linguas da zona. Os dous pobos xermánicos -suevos e visigodos- realizaron as seguintes contribucións léxicas, denominadas como superestrato, que se superpuxeron ao latín galaico: Léxico de procedencia sueva: laverca,El gallego-portugués sus relaciones de substrato con la Aquitania , Kurt Baldinger, pp. 2-3 . lobio, britar, feltro... Topónimos acabados en -riz (-rís) 'que ten autoridade': Guitiriz, Allariz, Mondariz, Arxeriz, Ariz, Beariz, Brandiz, Sabarís... Topónimos finalizados en -mil, -mir, -miro 'famoso': Amil, Bertomil, Castromil, Guillamil, Loimil, Samil, Boimil, Valdomir, Valdomiro... Toponimia acabada en -monde, -munde, -mondi, -mundi 'protección': Aldemunde, Baamonde, Rocamonde, Taramundi, Extramundi, Ximonde... Topónimos coa terminación -ar 'exército' e -mar 'cabalo': Baltar, Gondar, Tosar, Remesar...; Gondomar, Ansemar. Topónimos que acaban en -ulfe, -olfe, -ufe 'lobo': Aúlfe, Guillufe, Mañufe, Regoufe, Frexulfe, Randulfe, Trasulfe, Gondufe... Topónimos que rematan en -rei, -ei: Aldrei, Forcarei, Guillarei, Guimarei, Gustei, Recarei... Topónimos rematados en -áns, -ás, -án: Bertamiráns, Goián, Goiás, Guimarás, Ramirás, Requián... Toponimia coas palabras godo ou suevos: Godas, Godón, A Gudiña, Vilagude, Seragude, Suevos, Suegos... Léxico militar e político-xudicial: helmo, guerra, frecha, espiar, dardo, gañar, vasalo, feudo, tregua... Outros verbos e adxectivos: morno, rico, danzar, esmagar, guiar, branco, gris, escarnecer, tripar, arranxar, tolo, gabar, agasallar, espetar, rifar, roubar... Antropónimos: Adela, Afonso, Álvaro, Amalia, Bernardo, Carlos, Elvira, Fernando, Henrique, Leonardo, Luís, Matilde, Ricardo, Rodrigo, Xerardo... A terminación -iz, -is, -ez e -es dos apelidos (que significa fillo de): Mauriz, Fernández ou Fernandes, Pais, Méndez ou Mendes, Lopes ou López, Peres ou Pérez etc.
Das vagas celtas procedentes da Bretaña, establecidas na diocese de Britonia, consérvanse poucas palabras: os topónimos Bretoña (Pastoriza), Bretoña (Barro), Bertonía, Bertoña... e o nome Maeloc.
Préstamos mozárabes e árabes 180px|miniatura|Páxina do manuscrito do Corán nun tipo de escritura desenvolvido en al-Andalus, século XII.