A Festa dos Reis é unha festividade, incluída dentro dos festexos do entroido, que se celebra nos primeiros días de xaneiro nalgunhas aldeas do concello da Mezquita.

Características O calendario festivo consta de cinco xornadas, que poden variar en nome e data: Cantar os reis: o primeiro día anúnciase a festa cantando coplas tradicionais diante das vivendas das aldeas. O día de pedir: neste segundo día, os zamarreiros chaman ás portas das casas para pedir o aguinaldo. A veciñanza adoita axudar a festa con carne de porco, froita, licores ou mesmo cartos. Os invitados: convídase a comer ós persoeiros da aldea (tradicionalmente o alcalde, o médico, o secretario e mailo cura) así como ós convidados dos participantes na festa e ós homes que deron un bo aguinaldo. A corrida do galo: no cuarto día, subidos a burros ou cabalos, os mozos da festa sacrificaban os galos, tirándolles da cabeza, mentres están pendurados dunha corda polas patas. A parranda: faise unha procesión onde figuran un rei e un vicerrei, disfrazados con barba, coroa e capa. Pola noite escóllense os reis para os dous anos seguintes.

Ademais, chámaselle oficio á tarefa que teñen que desenvolver algúns membros da comunidade durante a festa: habitualmente son os máis novos ou aqueles que destacan por teren algunha habilidade concreta. Por exemplo, os que son bos tratantes son os encargados de comprar os galos. Sen o correcto cumprimento dos oficios sería totalmente imposible a realización da festa pois os reis non serían capaces de facelo todo. Para os máis mozos supón unha metáfora da súa incorporación activa á vida da aldea. Algúns oficios son o de zamarreiro, o de roubar as verzas, o de arrincar os torgos, o de camareiro ou o de burriqueiro.

Véxase tamén Bibliografía Elijio Rivas, José Rodríguez Cruz: Terra das Frieiras, Ourense: Deputación Provincial , 2002 ISBN. 84-96011-07-0 O Sil. Decembro 2008. Especial Nadal 2008. Edición impresa. La Región, 24 de xaneiro de 2010, Suplemento Vida, páxina 26. "Tradicional Fiesta de Reyes en A Mezquita" Xerardo Dasairas: O Entroido en Terras de Monterrei. Edicións do Cumio, 1990.

Ligazóns externas "A Festa dos Reis da Mezquita, a primeiros de xaneiro, presenta relacións con ritos do Entroido", artigo en O Sil, 7 de febreiro de 2005. "A Festa dos Reis da Mezquita, a primeiros de xaneiro, presenta elementos propios do Entroido", artigo en O Sil, 6 de marzo de 2006. "A Festa dos Reis reuniu a comenzos de ano a medio cento de veciños da Mezquita en torno á festa", artigo en O Sil, 1 de febreiro de 2008.

Categoría:A Mezquita Categoría:Cultura de Galicia sen imaxes Categoría:Entroido de Galicia