José Sánchez Gacio, nado en Mondoñedo en 1898 e finado na mesma cidade o 23 de novembro de 1980, foi un avogado e político galego.

Traxectoria Fillo de Constantino Sánchez Graña, secretario do Concello de Mondoñedo. Estudou o bacharelato en Lugo e dereito na Universidade de Santiago de Compostela. Na República foi elixido concelleiro de Mondoñedo en 1931 pola ORGA. Foi presidente da Deputación de Lugo (1932). En outubro de 1934 foi cesado como concelleiro como consecuencia da folga xeral revolucionaria de 1934 e reposto en xaneiro de 1936. Integrouse en Izquierda Republicana e foi nomeado gobernador civil da Coruña (do 26 de febreiro ao 10 de abril de 1936). En xuño de 1936 era deputado provincial en representación de Izquierda Republicana, e vicepresidente do comité local Pro-Autonomía.

Logo do golpe de Estado do 18 de xullo de 1936 foi detido en agosto e trasladado a Lugo con Guillermo Otero Villalba, Patricio Vijande Villar, Cándido Carreiras Domenech, Alfredo Martínez Martínez e José Ramón Villamarín Pallín. Xulgado na Coruña por auxilio á rebelión o 10 de abril de 1938 co seu irmán Constantino Sánchez Gacio, José Ramón Villamarín, Francisco García Martínez, Eloy Castro Dorrego, Guillermo Otero, Alfredo Martínez, Graciano Leivas Freire, Germán Fanego Salaverri, Patricio Vijande e Emilio González Valoria, foi condenado a pena de morte. A sentenza foi conmutada a cadea perpetua. Preso na Prisión Provincial da Coruña, saíu en liberdade condicional en marzo de 1943.BOE, 22-3-1943, p. 2562-2563. Finalmente foi deportado a Zamora. Abríronlle expediente de responsabilidades políticas, que se resolveu cunha multa de 300 pesetas.BOE, 21-4-1941, p. 1553.

Vida persoal

Parella de Filomena González Janeiro, foi pai de Talía Antonieta Sánchez González; despois casou con Alicia Gómez Real coa que tivo a Silvia Sánchez Gómez.

Notas

Véxase tamén Bibliografía

Ligazóns externas Expediente de responsabilidade política nº 26/1940 de José Sánchez Gacio e Guillermo Otero Villalba

Na memoria de José Sánchez Gacio Ficha en Represión franquista en Lugo

Categoría:Presidentes da Deputación de Lugo Categoría:Gobernadores civís da Coruña Categoría:Nados en Mondoñedo Categoría:Nados en 1898 Categoría:Finados en 1980 Categoría:Personalidades de Galicia sen imaxes