Os pelicanos son aves de gran tamaño pertencentes ao xénero Pelecanus, único actual da familia dos pelecánidos (Pelecanidae). O máis característico dos pelicanos é o seu longo peteiro e a súa gran bolsa gular, que utilizan para capturar as presas das que se alimentan e drenar a auga do contido alimenticio que apañaron antes de tragalo. Teñen predominantemente unha plumaxe clara, coa excepción das especies P. occidentalis e P. thagus, que a teñen máis escura. As bolsas gulares e a pel espida facial de todas as especies adquire brillantes cores durante a estación de apareamento. As oito especies vivas de pelicanos teñen unha distribución global dispersa, que en latitude vai desde os trópicos ás zonas temperadas, aínda que están ausentes no interior de Suramérica e nas rexións polares e o mar aberto. Na Península Ibérica as únicas especies de pelicanos que se puideron ver en ocasións son o pelicano branco (P. onocrotalus) e o pelicano crespo (P. crispus). O rexistro fósil de pelicanos remóntase a hai polo menos 30 millóns de anos, no Oligoceno, época da que datan os restos dun peteiro moi similar ao das modernas especies atopado en Francia.
Creuse durante moito tempo que os pelicanos estaban relacionados coas fragatas, corvos mariños, faetóntidos e mascatos, pero agora crese que están moito máis relacionados con Balaeniceps rex e Scopus umbretta, e clasifícanse na orde Pelecaniformes. Os ibis, cullereiros e garzas son parentes máis distantes, e están tamén clasificados na mesma orde. Os pelicanos viven fundamentalmente nas áreas de augas costeiras e interiores, xa que se alimentan principalmente de peixes, que capturan na superficie ou preto da superficie da auga. Son aves gregarias, que a miúdo pescan cooperativamente e crían formando colonias. Catro das especies de plumaxe branca adoitan aniñar no chan, e as catro especies máis grises ou pardas aniñan principalmente nas árbores.
A relación entre os pelicanos e os humanos non sempre foi pacífica. Os pelicanos foron perseguidos nalgúns países porque se consideraba que competían coa pesca comercial e recreativa. Sufriron tamén pola destrución do seu hábitat, molestados polas actividades humanas ou pola polución, e a conservación de tres especies está en perigo. Tamén tiveron unha importancia cultural na mitoloxía, e na iconografía cristiá e heráldica.
Taxonomía
Descrición O xénero Pelecanus foi descrito formalmente por Linnaeus en 1758, na 10ª edición do seu Systema Naturae, onde describiu que as súas características distintivas eran un peteiro recto e ganchudo na punta, aberturas nasais lineares, cara espida, e pés palmados. Nesta definición inicial, xunto cos pelicanos, poderían incluírse as fragatas, corvos mariños, e mascatos.
Etimoloxía O nome procede etimoloxicamente do grego antigo πελεκάν (pelekán), que á súa vez deriva da palabra πέλεκυς (pelekys), que significa "machado". Nos tempos da Grecia clásica a palabra aplicábase tanto aos pelicanos coma aos petos.Simpson, J.; Weiner, E., ed. (1989). "Pelican". Oxford English Dictionary (2nd ed.). Oxford, Reino Unido: Clarendon Press. p. 1299. ISBN 0-19-861186-2.
Clasificación Os pelicanos déronlle o seu nome á orde dos pelecaniformes, unha orde que ten unha historia taxonómica moi movida. Os faetóntidos, Anhinga, corvos mariños, mascatos, e fragatas, que tradicionalmente eran todos membros desta orde, foron despois reclasificados: os Phaethon colocáronse na súa orde propia, a dos faetontiformes, e o resto na orde dos suliformes. O seu lugar foi ocupado polas garzas, ibis, cullereiros, Scopus umbretta e Balaeniceps rex, que son agora considerados pelecaniformes. As evidencias moleculares suxiren que Scopus e Balaeniceps forman un grupo irmán dos pelicanos, aínda que hai algunhas dúbidas sobre as relacións exactas entre estas tres liñaxes.
Filoxenia Cladograma baseado en Hackett et al. (2008).
miniatura|centro|Cabeza dun Scopus umbretta con forma que lembra un martelo (polo que se chama "cabeza de martelo" nalgúns idiomas), un dos parentes próximos dos Pelecanus.miniatura|centro|Cabeza de Balaeniceps rex co seu característico peteiro con forma de zapato ("peteiro zapato" é o nome que ten en varios idiomas), outro dos parentes próximos dos Pelecanus.
Rexistro fósil O rexistro fósil mostra que a liñaxe dos pelicanos leva existindo desde polo menos hai 30 millóns de anos; o fósil máis antigo de pelicano atopouse en estratos de comezos do Oligoceno en Luberon no sueste de Francia e é moi similar ás formas modernas. O seu peteiro é case completo e é morfoloxicamente idéntico ao dos pelicanos actuais, o que indica que este avanzado aparato de alimentación existía xa naquel tempo. Un fósil de comezos do Mioceno recibiu o nome de Miopelecanus gracilis baseándose en certas características que inicialmente se consideraron únicas, pero despois viuse que esas peculiaridades entraban dentro do rango de variación interespecífica do xénero Pelecanus. O fósil de final do Eoceno Protopelicanus pode ser un pelecaniforme ou un suliforme (ou mesmo unha ave acuática similar a un pelagornítido). O suposto pelicano do Mioceno Liptornis atopado na Patagonia é un nomen dubium (nome de dubidosa validez taxonómica), que foi descrito baseándose só en fragmentos que non fornecen evidencias dabondo como para apoiar unha descrición válida.
Europa ten un mellor rexistro fósil destas aves que Norteamérica. Describíronse varias especies de Pelecanus a partir de material fósil, entre as que están: Pelecanus cadimurka, Rich & van Tets, 1981 (do Plioceno tardío do sur de Australia) Pelecanus cautleyi, Davies, 1880 (de inicios do Plioceno, atopado nas Montañas Siwalik, India) Pelecanus fraasi, Lydekker, 1891 (do Mioceno medio de, Baviera, Alemaña) Pelecanus gracilis, Milne-Edwards, 1863 (de inicios do Mioceno, Francia) (tamén chamado Miopelecanus gracilis) Pelecanus halieus, Wetmore, 1933 (de finais do Plioceno, Idaho, EUA) Pelecanus intermedius, Fraas, 1870 (do Mioceno medio, Baviera, Alemaña) (transferido a Miopelecanus por Cheneval en 1984) Pelecanus odessanus, Widhalm, 1886 (de finais do Mioceno, preto de Odesa, Ucraína) Pelecanus schreiberi, Olson, 1999 (de inicios do Plioceno, Carolina do Norte, EEUU) Pelecanus sivalensis, Davies, 1880 (de inicios do Plioceno, Montañas Siwalik, India) Pelecanus tirarensis, Miller, 1966 (de finais do Oligoceno ao Mioceno medio, do sur de Australia)
Especies vivas En total existen oito especies, das cales só puideron ser vistas (raramente) en Galicia dúas: P. onocrotalus e P. crispus. As oito especies poden agruparse en dous grupos, un que contén as catro especies que aniñan no chan de plumaxe adulta principalmente branca (P. conspicillatus, P. crispus, P. onocrotalus, e P. erythrorhynchos), e outro que contén as catro especies de plumaxe parda ou cincenta, que aniñan preferentemente nas árbores (P. rufescens, P. philippensis e P. occidentalis), ou en rochas da costa (P. thagus). Os pelicanos principalmente mariños pardos (P. occidentalis) e do Perú (P. thagus), antes considerados conespecíficos (da mesma especie), son ás veces separados dos outros colocándoos no subxénero Leptopelicanus, pero, en realidade, parece que, aínda que hai dúas liñaxes evolutivas principais, hai especies con ambos os tipos de aparencia e comportamento á hora de aniñar en ambos os grupos; P. onocrotalus parece ser a especie máis distinta, o que indica unha orixe do xénero no Vello Mundo. Así, Leptopelicanus (se é válido) incluiría tamén a P. erythrorhynchos. Por outra parte, P. crispus foi considerado antes unha subespecie de P. philippensis, aínda que difire tanto en hábitos de aniñar coma en morfoloxía; e hoxe en día considérase como unha especie separada.
Especies vivas do xénero PelecanusNomes binomiais e comúns ImaxeDescriciónRango e statusPelecanus occidentalisLinnaeus, 1766pelicano pardo200pxLonxitude de ata 1,4 m, envergadura de ás de 2–2,3 m, peso de 3,6–4,5 kg. É o pelicano máis pequeno; distínguese pola súa plumaxe parda, aliméntase mergullándose en picado.Cinco subespecies. Distribúese polas costas de case toda América, desde Norteamérica e o Caribe á parte norte de Suramérica e as Illas Galápagos. Status: Pouco preocupante.Pelecanus thagusMolina, 1782pelicano do Perú200pxLonxitude ata 1,52 m, envergadura de ás 2,48 m, peso medio 7 kg. Escuro cunha faixa branca desde a coroa aos lados do pescozo.Monotípico. Vive na costa do Pacífico de Suramérica desde o Ecuador e o Perú ata o sur de Chile. Status: Case ameazado.Pelecanus philippensisGmelin, 1789pelicano gris200pxLonxitude 1,27–1,52 m, envergadura de ás 2,5 m, peso aproximado 5 kg. Principalmente de cor cincenta clara, cunha crista gris na parte de atrás do pescozo durante a estación de apareamento, parte traseira rosada e bolsa do peteiro cun punteado de manchas escuras.Monotípico. Vive no sur de Asia desde o sur de Paquistán pasando por India e ata Indonesia, pero está extinguido en Filipinas e posiblemente no leste da China. Status: Case ameazado.Pelecanus rufescensGmelin, 1789pelicano rosado200pxLonxitude 1,25–1,32 m, envergadura de ás 2,65–2,9 m, peso 3,9–7 kg. Plumaxe cincenta e branca, ocasionalmente rosa nas costas, cunha mandíbula superior amarela e unha bolsa gular gris.Monotípico. Vive en África, Seychelles e suroeste de Arabia; extinto en Madagascar. Status: Pouco preocupante.Pelecanus erythrorhynchosGmelin, 1789pelicano branco americano200pxLonxitude 1,3–1,8 m, envergadura de ás 2,44–2,9 m, peso 5–9 kg. De plumaxe case enteiramente branca, agás nas plumas rémixes primarias e secundarias, que son negras, que só se ven cando está voando. Monotípico. Vive no interior en Norteamérica e inverna en México. Status: Pouco preocupante.Pelecanus onocrotalusLinnaeus, 1758pelicano branco 200pxLonxitude 1,40–1,75 m, envergadura de ás 2,45–2,95 m, peso 10–11 kg. Plumaxe branca, con manchas faciais rosas e patas rosas.Monotípico. Distribución dispersa desde o Mediterráneo ao leste de Indochina e Península malaia, e sur de África. Status: Pouco preocupante.Pelecanus crispusBruch, 1832pelicano crespo200pxLonxitude 1,60–1,80 m, envergadura de ás 2,70–3,20 m, peso 10–12 kg. O pelicano máis grande; diferénciase de P. onocrotalus por ter plumas rizadas na caluga, patas grises e plumaxe branca cinsenta.Monotípico. Desde o sur de Europa á India e a China. Status: Vulnerable.Pelecanus conspicillatusTemminck, 1824pelicano australiano200pxLonxitude 1,60–1,90 m, envergadura de ás 2,5–3,4 m, peso 4–8,2 kg. Predominantemente branco con cor negra nas plumas primarias, e un peteiro claro e moi longo.Monotípico. De Australia e Nova Guinea; pode chegar ata Nova Zelandia, illas Salomón, arquipélago de Bismarck, Fiji e a rexión de Wallacea do arquipélago indonesio. Status: Pouco preocupante.
Características miniatura|Un pelicano pardo coa boca aberta e o saco aéreo inflado, mostrando a lingua e parte da anatomía interna do peteiro. dereita|miniatura|Pelicano branco americano cunha protuberancia no peteiro, que se lle forma durante a estación reprodutora. dereita|miniatura|Pelicano pardo adulto cun polo no niño. Esta especie aniña no chan se non dispón de árbores axeitadas.