Juan Ángel Regojo Otero, nado o 17 de xuño de 1933 en Redondela e finado o 26 de outubro de 2015 en Nassau, nas illas Bahamas, foi un empresario galego do sector téxtil.

Traxectoria Os seus pais eran José Regojo, un empresario téxtil de Fermoselle (Zamora), e Rita Otero, unha dona de Redondela, filla do doutor Juan Manuel Otero Milleiro. Tivo catro irmás (Rita, Teresa, Concha e Alejandra) e dous irmáns (José e Pedro). Pasou a súa infancia no pazo de Petán, en Redondela. Nos seus anos mozos coñece os membros da familia real española, pois o seu pai era amigo persoal de Xoán de Borbón dende os tempos do seu traballo en Lisboa como comercial téxtil.

Estudou enxeñería industrial e comezou a traballar na fábrica téxtil propiedade do seu pai en Redondela, que se dedicaba á fabricación e venda de camisas. Trala xubilación do seu pai, ocupouse el da dirección da empresa, a canda os seus irmáns. A firma expandiuse internacionalmente, e diversificou o seu produto coa entrada no sector da roupa de sport.

Era patrón da Fundación Fabre, unha ONG de desenvolvemento e cooperación internacional que leva o nome de Ana Bacardí de Regojo, a súa dona, que finou nun accidente en 1998.

Obra La familia Regojo. Los corales de Fermoselle, unha recompilación da historia familiar, 2006.

Vida persoal Casou con Ana Bacardí, da familia propietaria do ron Bacardí, coa que viviu en Valladolid e Galicia. O seu sogro, Daniel Bacardí Rosell, chegou a ser vicepresidente da multinacional das bebidas alcólicas. Juan Ángel Regojo faleceu dun infarto mentres asistía nas Bahamas o enterro da súa sogra, Graziella Bravo Viñas.

Tiveron cinco fillos: Gracia Regojo, cooperante e escritora, Ignacio, Ana María, Rita e Helena.

Categoría:Empresarios do sector téxtil Categoría:Nados en Redondela Categoría:Nados en 1933 Categoría:Finados en 2015 Categoría:Personalidades de Galicia sen imaxes