Diego Caballo Alonso, nado en Salamanca o 17 de febreiro de 1994, é un futbolista español, que xoga de lateral esquerdo no Intercity, da Primeira Federación.
Traxectoria
Comezos Nacido en Salamanca, comezou a xogar ao fútbol aos cinco anos nun equipo do seu barrio, o Capuchinos, onde militou ata que o seu talento chamou a atención do club máis importante da cidade, a UD Salamanca, que o fichou con nove anos. Vestiu a camiseta unionista durante oito anos, sendo un habitual nas convocatorias das categorías inferiores da selección de Castela e León. As súas calidades espertaron o interese de importantes clubs como o FC Barcelona, o Valencia ou o Tottenham Hotspur, pero foi o Real Madrid o que conseguiu incorporalo no verán de 2009 para o seu equipo cadete.
Real Madrid Tras subir polas diferentes categorías inferiores do club branco, debutou co Real Madrid C na Segunda División B na tempada 2013/14, disputando 24 partidos, 22 deles como titular. Na seguinte campaña xogou varios partidos co Real Madrid Castilla na mesma categoría, á que o equipo acababa de descender.
Valencia Mestalla No verán de 2015 asinou como novo xogador do Valencia Mestalla, tamén en Segunda B. Ás ordes de Curro Torres, xogou 22 partidos durante a súa primeira tempada, todos como titular, e foi convocado nalgunhas ocasións co primeiro equipo. Na seguinte tempada viviu un ano difícil, con pouca participación no equipo, disputando só 8 partidos.
Fabril Na tempada 2017/18 fichou polo Fabril, tamén de Segunda B, onde recuperou a confianza perdida o ano anterior en Valencia. Foi un dos piares do filial coruñés, que completou a mellor tempada da súa historia, acadando a promoción de ascenso á Segunda División. Caballo contribuíu con 30 partidos, 27 deles saíndo dende o once inicial, e marcou dous goles en cadansúa vitoria contra o Coruxo e a Ponferradina.
Deportivo da Coruña A súa gran tempada no filial, abriulle as portas do primeiro equipo do Deportivo da Coruña, ao que subiu en agosto de 2018, xunto aos seus compañeiros fabrilistas Edu Expósito e Borja Galán. Debutou na Segunda División na primeira xornada contra o Albacete e foi titular na maioría de partidos de liga, acadando o equipo a promoción de ascenso a Primeira. Iniciou a tempada 2019/20 nas filas do club galego, pero despois da terceira xornada o seu contrato foi rescindido para que puidese asinar co Extremadura. Xogou un total de 29 encontros coa camiseta do Deportivo.
Extremadura Titular indiscutible nas aliñacións do coruñés Manuel Mosquera co Extremadura, disputou 15 partidos na primeira metade da competición, co equipo loitando por saír dos postos de descenso. O 22 de xaneiro de 2020 rescindiu o seu contrato co Extremadura, e asinou como novo xogador do Albacete Balompié, tamén de Segunda.
Albacete Xogou durante un ano e medio no club castelán-manchego, disputando 46 encontros, pero ao remate da tempada 2020/21 o equipo descendeu á Primeira División RFEF. A continuación o xogador rescindiu o seu contrato e fichou polo Sabadell, tamén de Primeira RFEF.
Sabadell Co club catalán disputou 31 partidos, marcando un gol ante o Alcoyano. O equipo ocupou postos de descenso durante parte da tempada, pero mellorou notablemente trala chegada de Munitis ao banco e rematou a campaña loitando polos postos de promoción de ascenso.
Sydney FC En xullo de 2022 saíu por primeira vez a un club estranxeiro, fichando polo Sydney FC, da A-League de Australia. Xogou 28 partidos co equipo de Sydney e diputou os play-offs polo título, caendo en semifinais ante o Melbourne City.
Aalborg En xullo de 2023 regresou ao fútbol europeo para xogar no Aab dinamarqués, que viña de descender á Primeira División, segunda categoría do país. Contribuíu ao ascenso do equipo, con 17 partidos na liga regular e 4 na promoción, case todos como titular, e sumou un gol na Copa de Dinamarca. Na tempada 2024/25 debutou na Superliga, na que disputou só cinco partidos, todos saíndo dende o banco de suplentes. Deixou o equipo en xaneiro de 2025, para regresar ao fútbol español.
Intercity Trala súa saída do Aalborg anunciouse a súa fichaxe polo Intercity, da Primeira Federación.
Notas
Véxase tamén Ligazóns externas Perfil en BDFutbol.com
Categoría:Nados en 1994 Categoría:Nados en Salamanca Categoría:Futbolistas de Castela e León Categoría:Defensas de fútbol Categoría:Xogadores do Real Madrid C Categoría:Xogadores do Real Madrid Castilla Categoría:Xogadores do Valencia CF Mestalla Categoría:Xogadores do Deportivo Fabril Categoría:Xogadores do Deportivo da Coruña Categoría:Xogadores do Extremadura UD Categoría:Xogadores do Albacete Balompié Categoría:Xogadores do CE Sabadell Categoría:Xogadores do Sydney FC Categoría:Xogadores do AaB Fodbold Categoría:Xogadores do CF Intercity