O Grove é un concello da provincia de Pontevedra, pertencente á comarca do Salnés. Segundo o IGE, en 2025 tiña 10.877 habitantes (10.528 en 2020), mantendo un lento declive desde o 2010, cando alcanzou a cifra de 11.297 habitantes. Forma unha península situada na beira sur da ría de Arousa. O seu xentilicio (véxase no Galizionario) é «», «» ou popularmente «».Corre unha lenda popular do século XVIII que describe que os veciños do lugar enforcaron a un crego que adoitaba abusar das mulleres do pobo. Cando a xustiza quixo castigar ó culpable, declaráronse culpables colectivamente, todos a un, e os xuíces houberon de renunciar á identificación.

Toponimia O topónimo O Grove procede dunha falsa segmentación de Ogrobe, que vén de Ocobre tras unha sonorización da oclusiva velar xorda intervocálica orixinal e posteriormente unha metátese da vibrante. O topónimo Ogrobe está ben documentado desde antigo: "et ecclesiam Sancti Uincentii in insula Ocobre cum dextris suis" (899, San Vicente do Grove). Procede, polo tanto, do termo latino Ocobre. Outras formas testemuñadas son insulam Ocobre (911), sanctum Vicentium de Ogobre (912), Ogoure (1109) ou San Vicente de Ogrove (1115). A terminación en -bre, presente en moitos outros topónimos (Añobre, Barallobre, Canzobre etc.) fai referencia a unha elevación de terreo (relacionada con -briga), mentres que a primeira parte do topónimo podería ser a raíz indoeuropea ok- que significaría "punta". A súa forma orixinal é, polo tanto, Ogrobe (todo xunto), sufrindo en tempos máis recentes, e froito dun proceso de castelanización de topónimos totalmente alleos á evolución etimolóxica natural, a segmentación da vogal inicial "O", cando este se confunde co artigo singular masculino en galego e se traduce por El. A deglutinación do artigo aparece rexistrada xa dende o século XIV. Estes falsos recortes tamén se produciron noutros topónimos galegos mal castelanizados, como Agolada > A Golada > La Golada > Golada.

De todos xeitos, existe unha disputa nunca resolta entre os partidarios da toponimia oficial (O Grove) e os defensores das formas Ogrove e Ogrobe. Os primeiros deféndeno baseándose, precisamente, na súa oficialidade e no hábito escrito, e os segundos alegan que son estas as formas non deturpadas do topónimo. Así mesmo, tampouco se chega a acordo sobre se debe estar escrito con "b" ou con "v". Por unha banda, alégase que o topónimo procede da palaba prerromana Ocobre ou Ocóbriga, debendo por este motivo ser escrito con "b". Os defensores do "v" baséanse, pola contra, en que a evolución do galego dende o latín é a única causante desta disputa, extremo sempre negado polos defensores do "b".

Xeografía O Grove é unha pequena península de 21,89 km², unida a terra firme a través dun istmo coñecido como O Vao, que dá lugar á praia da Lanzada na súa parte occidental e á ampla marisma da enseada do Vao na súa parte oriental. Este istmo conecta O Grove co concello de Sanxenxo.

miniatura|esquerda|Pedra cabaleira no cumio do monte Siradella O istmo do Grove, duns 2 km de lonxitude e uns 500 m de anchura no centro e case 1 km na parte máis ancha, ó norte, formouse como resultado dos depósitos de area procedentes do río Umia, por un lado, e da corrente mariña e ventos predominantes do suroeste, por outro. A conxunción dos dous fenómenos facilitou o depósito de area en forma de cordóns de dunas litorais paralelos á costa. É de formación relativamente recente pero sen poder datarse con exactitude a súa consolidación: o primeiro mapa que representa O Grove como península é de 1784, mentres que outro mapa de 1632 representábao aínda como illa.

Linda ó norte e ó oeste co océano Atlántico, ó leste coa ría de Arousa e ó sur co Atlántico e co concello de Sanxenxo.

As alturas máximas do concello están representadas pola Siradella, de 167 m de altitude, e o Con da Garda, de 95 metros.

Canto á hidrografía, O Grove só ten pequenos regatos en diferentes puntos da península, entre os que destaca o Rasoeiro, hoxe canalizado na súa desembocadura no casco urbano; este río nace como río da Abelenda, luego pasa a chemarse rego do Muíño Vello e logo río da Prata, para pasar a coñecerse como Rasoeiro. E desde o alto da Gatiñeira, na subida ó monte Siradella, baixa o regato Gatiñeira a desembocar na enseada de Moreiras; en dirección oposta, desde a aba da Siradella, descende o rego de Feáns, que desemboca na enseada do Vao.

Resulta máis significativa a lagoa da Bodeira, situada na costa norte da península, única lagoa costeira de auga doce na provincia de Pontevedra. Está incluída no espazo protexido Complexo Intermareal Umia-O Grove.

Toda a costa sur, oeste e norte está salpicada de pequenos illotes graníticos (Rons, Pombeiro, Murrasas, Pateiros, Redondo, etc.), mentres que na costa leste, en augas da enseada do Vao, dispóñense illas moito máis grandes, como son as da Toxa e Toxa Pequena, Tourís, Beiro e Marma. Unicamente está habitada a illa da Toxa, se ben as outras presentan vexetación herbácea ou de pequeno porte.

Demografía

O Grove contaba en 2025 cunha poboación de 10.877 habitantes, segundo datos do IGE, dos que 5.511 eran mulleres e 5.366 homes, o que representa un aumento respecto ó ano 2016, cando tiña 10.758 veciños, pero un descenso respecto a 2010, cando eran 11.297.

O concello divídese en dúas parroquias: a de San Martiño, que comprende o casco urbano, a illa da Toxa e a parte oriental do territorio, e a de San Vicente, ó oeste da península. A poboación está concentrada fundamentalmente na parroquia de San Martiño, con 9.726 habitantes, mentres que a de San Vicente só contaba con 1.151 (2025); na primeira localízase a maioría dos recursos ecomnómicos (industrias e servizos), mentres que na segunda concéntrase a agricultura (e, desde os anos oitenta do pasado século, o turismo e urbanismo de vacacións), cun 10% da poboación, que ademais está envellecida.

Censo total 2018 10 700 habitantes

Historia miniatura|Sitio arqueolóxico de Adro Vello.

miniatura|dereita|250px|A península do Grove coa ría de Arousa ao fondo, zona de entrada da peste bubónica en Galicia en 1562.

A illa do Grove estivo poboada durante a romanización de Galicia, como testemuñan os restos dunha vila romana costeira en Adro Vello, posteriormente usada na idade media como igrexa e camposanto.

As primeiras referencias documentais datan do século VI e sitúan as terras do Grove baixo a xurisdición da diocese compostelá. Así mesmo, o rei Ordoño II fixo doazón no século X das salinas de Noalla (Sanxenxo) xunto coas terras da illa do Grove, coas súas vidas, igrexa e pertenzas, e maila vila de Ardea (hoxe Ardia, un lugar do Grove). Pola súa banda, o bispo Sisnando II entregou ó mosteiro de San Martiño Pinario a igrexa de San Vicenzo do Grove, coas súas terras e habitantes.

Deste xeito, o arcebispo de Santiago nomeaba, aínda no século XVII, o alcalde do Grove, un procurador xeral, un rexedor para os asuntos de terra e outro para os do mar. Non foi ata mediados do XIX cando un decreto das Cortes reduciu os seus dereitos ó nomeamento dos curatos de San Vicente e de San Martiño.

O feito máis relevante na historia moderna do Grove foi a peste bubónica que entrou en Galicia polo porto do Grove en 1562, estendéndose rapidamente pola ría de Arousa e por toda Galicia. Outros factores que influíron decisivamente na súa demografía e economía foron os frecuentes ataques musulmáns e normandos, tanto no propio Grove como ó longo de toda a ría de Arousa, e máis tarde, xa no século XVIII, os dos piratas ingleses.

A promulgación da Constitución de 1812 permitiu que O Grove se convertese en concello en 1822, pertencente á provincia de Vigo. Pero esta situación só durou un ano, ó ser restaurado o antigo réxime por Fernando VII en 1823. Por fin, en 1835, recuperou o status de concello.

Escudo miniatura|esquerda|250px|Escudo constitucional de 1877 miniatura|250px|Escudo do Grove No escudo do grove reflíctense imaxes do pasado da vila.Francisco Meis (7.01.2025), que publica o documento de 1876 no que o concello informa a Madrid explicando o escudo do Grove. O edificio que se representa na metade superior, á esquerda, é o pazo chamado A Torre (hoxe, Torre de Escuredo), xa en estado de progresiva deterioración; nas imaxes antigas do escudo eran dous edificios: o pazo e a capela, derruída nos anos cuarenta do século XX. Xunto ó pazo, un ou dous cipreses, elemento imprescindible nestas edificacións, pero que foi talado nalgún momento do século XX. Á dereita vense dous montes e unha árbore, que representa o monte Siradella, o de maior altura do concello, e a figueira do Meco que crece no cumio. Na metade inferior vese a entrada ó porto do Grove, en tempos protexida por unha muralla, e un barco de pesca, por ser esta a principal actividade económica da vila.

A descrición actualizada do escudo, segundo a Deputación de Pontevedra, é a seguinte:

Patrimonio O Plan Xeral de Urbanismo do Grove catalogou en 2004 un total de 320 elementos merecedores de protección: 10 de tipo arqueolóxico, 34 de tipo arquitectónico e 276 de tipo etnográfico.La Voz de Galicia, 11.01.2004.

Patrimonio arqueolóxico Ver artigo principal: Necrópole de Adro Vello.

Os restos arqueolóxicos presentes na península do Grove están representados principalmente pola necrópole de Adro Vello (na parroquia de San Vicente), pero non son os únicos.

O vestixio arqueolóxico máis antigo do que se ten noticia está hoxe desaparecido. Consistía nun molde de arxila para fundir machadas de bronce.

No extremo máis occidental da península están os restos dun castro provisto de muralla perimetral, que deu lugar ó topónimo O Castriño. Non está escavado. Ó carón do monte da Siradella hai outro castro (probable orixe tamén do orónimo: cidadella) do que só quedan os restos das murallas e a base dalgunhas casas castrexas.

Xa na costa nordeste existen restos dunha necrópole no lugar de Cantodorxo, hoxe parcialmente ocupada por unha fábrica de conservas, na que se atoparon sepulcros de tella da época tardorromana e os restos de dous rapaces e un adulto (este cun cravo no cranio e outros nos pés); tamén se atoparon vasillas de barro e muíños de man. No lugar de Estonllo tamén se atoparon restos doutra necrópole.

miniatura|esquerda|Igrexa de San Martiño

Arquitectura relixiosa Igrexa de San Martiño Está situada no barrio de Vilavella, na parte alta da vila. Esta igrexa foi construída aproveitando os muros dunha edificación anterior románica e algúns outros materiais. É de planta rectangular con ábsida semicircular e dúas capelas laterais (a da dereita dedicada a San Xosé e a da esquerda a Cristo). miniatura|Igrexa de San Vicente do Grove.

A única nota de interese artístico desta construción é o arco apuntado que dá acceso á capela do lado do evanxeo, con decoración de comezos do século XVI. Neste arco sitúanse as figuras dos doce apóstolos, coa figura de Cristo na doela central.

A reedificación do século XVII engadiu un suntuoso coro alto con balaustrada barroca e a torre campanario, con decoración con placas. O presbiterio está totalmente renovado con criterios actuais, con columnas salomónicas enramadas, que lembra o estilo barroco compostelán.

Igrexa de San Vicente O Libro de fábrica de San Vicente, iniciado en 1688, fala xa da actual igrexa. Situada inicialmente na mesma praia do Carreiro, sobre a igrexa visigótica que xa existía en Adro Vello, trasladouse ó interior máis tarde, concretamente en 1770. É posible que este traslado obedecese a razóns de tipo relixioso ou ó feito de que a erosión do mar ameazase a estabilidade da primitiva igrexa.

A súa planta é rectangular e ábsida cadrada; carece de capelas laterais. A capela maior é de cruzaría de simple diagonal. No corpo da igrexa a bóveda é de canón. As únicas notas decorativas están dadas polas xambas barrocas da portada e a suntuosa balconada do coro, con arquiños laterais. A torre érguese no centro da fachada, tamén nun sinxelo barroco de placas.