A primeira guerra mundial Vexa a frase de exemplo. (en adiante IGM), tamén coñecida como a Gran Guerra,Ata entón, empregábase o termo inglés «the Great War» para referirse ás guerras do período 1792-1815; é dicir, dende a Revolución francesa ata a derrota de Napoleón nas guerras napoleónicas.​​ Por outra banda, en Alemaña «der grosse Krieg» era a Guerra dos Trinta Anos. foi un conflito bélico do século XX. Desenvolveuse entre o verán do 1914 e o outono de 1918 e involucrou uns trinta países, polo que se considera o primeiro conflito global da historia, malia estar centrado, fundamentalmente, en Europa. A teor do número de mobilizados (sesenta e cinco millóns de soldados) e falecidos, calculado en vinte millóns de persoas entre soldados e civís, é o segundo maior enfrontamento armado da historia, só por detrás da Segunda guerra mundial.Clark (2013). p. 21

A guerra enfrontou a dúas grandes alianzas: o bando aliado contra as potencias centrais. Os aliados estiveron liderados por Francia, Reino Unido, Rusia e o Xapón e recibiron múltiples adhesións a medida que avanzaba a guerra; a destacar, a de Italia na primavera de 1915 e a de Estados Unidos dous anos despois. Do lado das potencias centrais salientaron Imperio Alemán, Imperio Austrohúngaro, Reino de Bulgaria e o Imperio Otomán.

A guerra tivo como escenario principal a Europa Central e Oriental. Tamén houbo combates terrestres de relevancia nas colonias africanas e asiáticas dos países participantes e batallas navais nos principais mares de Europa e no océano Atlántico.

Os combates destacaron pola capacidade de mobilización dos exércitos participantes, que superou os cincuenta millóns de soldados. O control das estradas e, sobre todo, das vías férreas, garantiu unha moblización masiva e veloz. O uso de armamento de alta tecnoloxía, como metralladoras, artillaría de precisión, armas químicas, tanques, acoirazados ou submarinos, trouxo consigo unha enorme mortalidade. A guerra puxo a proba non só a capacidade militar dos belixerantes, senón a súa fortaleza industrial, económica e organizativa. Por todas estas cuestións, a IGM é considerada a primeira guerra moderna.

A causa inmediata da guerra foi o asasinato de Francisco Fernando, arquiduque de Austria-Hungría, en Saraxevo, por un comando de nacionalistas serbios. Con todo, as causas reais hainas que buscar nas rivalidades coloniais, económicas e xeopolíticas entre os países europeos, no ambiente ultranacionalista da preguerra e nunha diplomacia que recorreu de maneira sistemática a alianzas militares de carácter secreto.

Os vencedores foron os aliados, en boa medida grazas á entrada en guerra dos Estados Unidos. Os derrotados foron obrigados a asinar tratados de paz por separado. O Tratado de Versalles declaraba a Alemaña culpábel de ter provocado a guerra, forzándoa ao pagamento de cuantiosas indemnizacións. Os imperios Austrohúngaro e Otomán foron desmembrados, de modo que apareceron moitos novos estados en Europa: algúns dunha soa nación (como Polonia) e outros de varias (Iugoslavia, Checoslovaquia).

A marcha dos homes para a fronte obrigou a que os países belixerantes recorresen ao emprego masivo de man de obra feminina. Para financiar a guerra recorreuse a tributacións extraordinarias e enormes empréstitos, que foron a causa de enormes problemas económicos nos primeiros anos de posguerra. O Reino Unido, que fora o país hexemónico no mundo dende o final das guerras napoleónicas, viuse relevado polos Estados Unidos.

A guerra provocou o descrédito das democracias liberais. En Rusia triunfou a Revolución Rusa, que instaurou un sistema comunista. As convulsións de posguerra tiveron moito que ver no ascenso do fascismo e do nazismo, así como na instauración de réximes de dereita autoritaria na Europa mediterránea e oriental.

A comunidade historiográfica está de acordo en que o resultado da IGM, moi en especial a humillación sufrida por Alemaña, é fundamental para entender o camiño que levou á segunda guerra mundial e o mundo de bloques.

Segundo a proposta do historiador británico Eric Hobsbawm, habería que falar dun século XX curto, de 1914 a 1991, interpretando en conxunto a IGM, o período de entreguerras, a II GM e o mundo bipolar, até a caída da URSS. Este complementaríase coa teoría do século XIX longo, que de 1789 a 1914 agruparía a Revolución Francesa e o imperio napoleónico, a Europa da Restauración e das revolucións liberais, a industrialización e o imperialismo.Hobsbawm (1995)

A orixe da guerra miniatura|350px|Alianzas militares europeas en 1914. A Tripla Alianza está representada en castaño, a Tripla Entente en verde e as nacións neutrais en beixe. Rematada en 1871 a guerra franco-prusiana, Europa viviu até 1914 sen enfrontamentos armados entre as grandes potencias. Este período coincidiu cun impulso da industrialización e coa expansión imperialista dos países europeos.

Rivalidade económica Durante este período, o Reino Unido deixou de ser a principal potencia industrial do mundo. Superada a Guerra de Secesión, Estados Unidos experimentou un acelerado crecemento económico. Na década dos oitenta do século XIX o índice de produción industrial dos Estados Unidos superou o británico, para duplicalo nas vésperas da guerra. Completada a Unificación Alemá ao final da guerra franco-prusiana, Alemaña converteuse noutra potencia económica. O seu índice de produción industrial igualouse ao do Reino Unido a finais do XIX.

Esta expansión industrial apoiouse nun crecemento das infraestruturas de transporte. Os portos foron ampliados para acoller os buques a motor, cada vez de maior calado. A rede de ferrocarrís fíxose máis densa, cubrindo a práctica totalidade do territorio nos países máis industrializados, os de Europa occidental, mais tamén amplas zonas do territorio da Europa mediterránea e oriental. Nos Estados Unidos completouse a unión ferroviaria entre a costa atlántica e a pacífica.

O acceso aos portos, o control das redes ferroviarias e os empréstitos necesarios para construílas nos países con economías máis débiles constituíron focos de conflito entre os países europeos. O mellor exemplo foi a construción da liña que unía Berlín con Bagdad a través de Constantinopla. Financiada con capital alemán, a súa construción provocou grandes temores a Francia e o Reino Unido.Clark (2013). pp. 385–389

A rivalidade económica manifestouse tamén na concesión de créditos entre os distintos estados. O Reino Unido e Francia, e Alemaña en menor medida, contaban con mercados financeiros de gran tamaño que lles permitían conceder cantidades millonarias en concepto de créditos ao desenvolvemento. Así por exemplo as compañías rusas de ferrocarril captaron a finais de 1913 dous mil cincocentos millóns de francos nos mercados franceses comprometéndose a mellorar as liñas que levaban á fronteira alemá.Clark (2013). p. 355

Outro exemplo é o de Bulgaria, que precisaba dun crédito urxente a finais da Segunda Guerra Balcánica. En outubro de 1913 logrou un pequeno crédito austríaco, namentres Rusia presionaba a Francia para que negase calquera crédito. A mediados de marzo de 1914 Alemaña ofreceu un xeneroso empréstito. A contraoferta francesa chegou demasiado tarde. O empréstito alemán foi aprobado polo parlamento búlgaro en xullo, condicionando desta maneira a participación búlgara na guerra do lado das Potencias Centrais.

Rivalidade colonial A extensión das colonias europeas en África, Asia e Oceanía provocou frecuentes conflitos entre as potencias. Rusia e o Reino Unido colidiron no control de Asia Central e o norte da China. Nesta mesma área Xapón reivindicaba Manchuria, o que provocou a guerra ruso-xaponesa de 1904-1905, que rematou cunha estrepitosa derrota dos rusos.

Francia e o Reino Unido, os dous países con maiores territorios coloniais, rivalizaron polo control de Indochina ou de Exipto. A tensión entre ambos países chegou ao seu máximo no incidente de Fachoda, no verán de 1898. Nesta vila sudanesa estiveron a piques de enfrontarse un corpo expedicionario francés e outro británico que reclamaban os seus dereitos sobre o Alto Nilo.

A partir deste suceso, a relación entre ambos países mellorou. Os franceses aceptaron o control británico de Exipto e o curso do Nilo, en tanto os ingleses se abrían a permitir que Francia ampliase o seu dominio sobre Marrocos. En 1905 Alemaña desatou unha crise internacional ao exixir que se garantise a independencia de Marrocos, tal e como se contemplaba nos tratados internacionais. A Conferencia de Alxeciras, celebrada a inicios de 1906, sancionou os avances franceses sen ofrecer compensacións a Alemaña.

Na primavera de 1911 estoupou unha nova crise en Marrocos, coñecida como crise de Agadir. Baixo o pretexto de defender os intereses dos cidadáns franceses en Marrocos, Francia despregou un numeroso exército. As negociacións finalizaron en novembro con garantías para os intereses económicos alemáns en Marrocos e unha pequena porción do Congo, en troques do recoñecemento da plena soberanía francesa. Mentres en Francia os medios falaban dunha compensación desmedida, en Alemaña estendeuse a sensación dunha derrota diplomática.Clark (2013). pp. 243-254

Alemaña non mostrou grande entusiasmo nun imperio colonial até mediados dos oitenta. Nos anos previos á guerra apenas logrou con pequenos territorios en África ou o Pacífico, así como o enclave chinés de Qingdao.

Italia foi outro dos países que chegou tarde á expansión imperial. A cambio do seu apoio na crise de Marrocos, Italia obtivo o plácet de Inglaterra e Francia á invasión de Libia, daquela parte do Imperio Otomán. As operacións iniciáronse en outubro. En poucas semanas os italianos lograron o control da costa, mentres no interior a resistencia foi tenaz. A pesar da oposición de Austria-Hungría a posesión italiana de Libia foi recoñecida a finais de 1912.

Rivalidade xeopolítica nos Balcáns A debilidade do Imperio Otomán fixo da península dos Balcáns o territorio europeo de maior inestabilidade durante os anos previos á IGM. Austria-Hungría, que renunciara a construír un imperio extraeuropeo, consideraba natural expandirse pola costa do Adriático e tutelar a situación política da área. Nesa pretensión chocaba con Italia, que ambicionaba tamén controlar a costa adriática, moi en especial o territorio albanés.

Pero sobre todo Austria-Hungría colidía con Rusia, tradicional aliada de estados eslavos como Serbia ou Bulgaria. Os intereses rusos centrábanse nos estreitos que unen o Mar Negro co Mar Exeo, na súa pretensión de controlar as rutas de navegación que dan saída ao Mediterráneo. O Estado Maior ruso chegou mesmo a considerar plans para a toma militar de Constantinopla.

Ás pretensións das potencias europeas deben sumarse as tensións entre os estados balcánicos. En todos eles sentíase un forte irredentismo, é dicir, reclamaban territorios que permanecían en mans doutros países. Romanía reclamaba Transilvania, controlada por Hungría, Besarabia, territorio ruso, ou Dobrudja, en disputa con Bulgaria. Serbia ambicionaba Kosovo ou Macedonia, en mans do Imperio Otomán, ou Bosnia e Herzegovina, administrada por Austria-Hungría. Ademais de Macedonia, Bulgaria esixía Tracia. Grecia reclamaba Salónica e Montenegro a faixa costeira arredor da baía de Kotor, dominio de Austria-Hungría.

Nos anos previos á guerra, os Balcáns foi unha área especialmente inestábel. Bosnia, aínda que parte do Imperio Otomán, viña sendo administrada por Austria-Hungría como un protectorado. A incorporación definitiva de Bosnia á monarquía dual en 1908 causou gran resentimento en Serbia, apoiada por Rusia.