miniatura|O Legislative Hall en Dover acolle á Asemblea Xeral de Delaware

A Asemblea Xeral de Delaware (en inglés, Delaware General Assembly) é o parlamento do estado de Delaware, nos Estados Unidos. A institución é bicameral e ten a súa sede en Dover, a capital do estado. Os membros da Asemblea Xeral de Delaware son escollidos por sufraxio universal e exercen o poder lexislativo.

Composición A vixente constitución de Delaware, aprobada en 1897, establece as funcións do seu poder lexislativo, outorgándollo á Asemblea Xeral. A organización e funcionamento da mesma son determinadas no artigo 2º da carta magna. Deste xeito, a Asemblea Xeral de Delaware está conformada por dúas cámaras que son:

O Senado: é a cámara alta e conta con 21 membros cuxos mandatos son de catro anos. O tenente gobernador do estado é o presidente do Senado, aínda que só vota cando se produce un empate. Os senadores tamén escollen entre eles a un presidente para cando o tenente gobernador non asiste ás sesións. A Cámara de Representantes: é a cámara baixa e intégrana 41 membros escollidos cada dous anos.

O territorio de Delaware está dividido en circunscricións uninominais para a elección dos lexisladores, habendo polo tanto 21 distritos senatoriais e 41 distritos para a elección de representantes.

Para poder ser electo membro da Asemblea Xeral débese contar con tres anos de residencia en Delaware e un no distrito polo que se presenta. Ademais, para os candidatos a senador deben ter, polo menos, 27 anos, e os candidatos a representante, polo menos, 24. Non existen límites de mandatos en ningunha das cámaras.

Funcións miniatura|Selo do estado de Delaware Como institución depositaria do poder lexislativo, o rol fundamental das cámaras da Asemblea Xeral é a de lexislar. No proceso interveñen ambas cámaras. O proceso lexislativo comeza cando un membro eleva unha proposta de lei. Unha vez é considerada inicialmente, a iniciativa pasa a un comité relacionado coa temática que aborda. No comité é valorada, tómanse os testemuños públicos fanse as modificacións que se consideren oportunas. Tamén pode ser que o comité renuncie a continuar coa lei ou que a remita a outro comité. Unha vez superado o comité, a proxecto de lei pasa ao plenario da cámara: alí debátense as emendas e vótase a lei. É entón cando pasa á outra cámara e no caso de ser modificado o proxecto a outra debe votalo tamén.

Unha vez votada na Asemblea Xeral, a lei é remitida ao gobernador para que a asine. A Asemblea Xeral pode revogar o veto do gobernador se así o votan tres quintos de cada cámara.

O Senado, a diferenza da Cámara de Representantes, debe confirmar ou rexeitar algúns nomeamentos do gobernador para cargos estatais como o de secretario de estado.

Ademais, a Asemblea Xeral de Delaware é a única competente en aprobar unha emenda á constitución estatal se así o fan dous terzos dos membros de ambas as dúas cámaras. Isto é unha particularidade única nos Estados Unidos, pois no resto de estados, cómpre un referendo para a ratificalo. Tamén son precisas maiorías cualificadas de dous terzos en ambas as dúas cámaras para modificar a Lei Xeral de Corporacións de Delaware.

Historia As orixes da Asemblea Xeral de Delaware remóntase á Constitución de 1776 que, no contexto da independencia dos Estados Unidos. Este texto establecía unha bicameral Asemblea Xeral pois estaba conformada por un Consello de nove membros e unha Cámara da Asemblea de 21. A Constitución de 1792 xa estableceu as actuais denominacións de Senado e Cámara de Representantes para as cámaras da Asemblea Xeral.

A Asemblea Xeral de Delaware en 1787 convocou a elección dunha convención constitucional para valorar a aprobación da Constitución dos Estados Unidos que viña de ser finalizada. Así o 7 de decembro dese ano, Delaware foi o primeiro estado da Unión en ratificala.

Membros destacados da Asemblea Xeral foron os "pais fundadores" dos Estados Unidos Richard Bassett, John Dickinson e Jacob Broom. Ademais, a primeira muller electa foi a republicana Florence Wood Hanby en 1924. En 2020, a demócrata Sarah McBride foi electa senadora estatal, sendo a primeira persoa transxéreno en ser escollida para ese posto en todos os Estados Unidos.

Notas

Véxase tamén

Outros artigos

Delaware

Ligazóns externas

Páxina web da Asemblea Xeral de Delaware (en inglés)

Categoría:Delaware Categoría:Política dos Estados Unidos de América Categoría:Parlamentos