Enrique de Arce Temes, nado en Ourense o 4 de abril de 1937, é un xornalista e músico de jazz galego.

Traxectoria Con oito anos trasladouse a Lugo, onde estudou o bacharelato e cursou peritaxe mercantil, rematando o ensino medio en 1953. Graduouse en xornalismo pola Escola Oficial de Xornalismo de Madrid, comezando a colaborar durante esta época no xornal El Progreso. Residiu en Berlín entre os anos 1959 e 1966, onde se dedicou profesionalmente á música jazz, tocando a batería e mais a guitarra. A partir de 1966 estableceuse na Coruña, comezando a traballar para La Voz de Galicia e o semanario deportivo Riazor. En 1968 abandonou La Voz de Galicia para incorporarse a El Ideal Gallego, acompañando a Pedro de Llano López, e en 1982 pasou a ser o director do xornal.

No ano 1985 incorporouse á Televisión de Galicia para exercer como xefe de redacción dos servizos informativos e en 1988 como xefe do servizo de documentación e arquivo. No ano 1988 foi nomeado xefe de prensa de Alianza Popular en Galicia, abandonando o cargo en 1990 para reincorporarse á TVG como director do departamento de programación e emisións, e en 1992 como xefe de prensa da CRTVG.

Colaborou noutros diarios como ABC, Ya, La Gaceta del Norte, La Vanguardia e na axencia Logos da Editorial Católica; foi director da Asociación de Prensa da Coruña e colaborador literario e gráfico da Gran Enciclopedia Galega e da Enciclopedia Galega Universal.

Afeccionado ó alpinismo e á espeleoloxía, dirixiu entre 1987 e 2001 a revista de espeleoloxía Furada da Federación Galega de Espeleoloxía e foi un dos fundadores da Sociedade de Montaña Ártabros da Coruña.

Vida persoal Casou coa empregada de banca e guía turística Ruth Andratschke Brandt con quen tivo dous fillos; Marco Antonio, pintor e deseñador gráfico e Alejandro, historiador e escritor. É irmán do militar, historiador e xornalista Álvaro de Arce Temes.

Obra Xornalismo En 1968 realizou unha reportaxe titulada «Cita nos Ancares» para El Ideal Gallego sobre a situación dos habitantes da serra dos Ancares, composta por varios artigos que foron recompilados e editados como libro baixo o título Os Ancares: A serra esquecida (2010). Os acontecementos descritos no libro e o testemuño dos protagonistas foron recollidos nun documental con título homónimo no ano 2012.15x15px

Conversaciones con cinco notables gallegos (2009) é un resumo das intervencións realizadas nas tertulias da "Peña del miércoles" da Coruña entre os anos 2002 e 2003 por cinco persoeiros galegos destacados: Xosé Ramón Barreiro, Ramón Núñez Centella, Fernando González Laxe, Felipe Senén López e Rogelio Groba.

Notas

Véxase tamén Bibliografía

"Arce Temes, Enrique de" na EGU

Outros artigos Os Ancares: A serra esquecida (2012)

Ligazóns externas Biografía en Galegos (Galicia Digital)

Categoría:Nados en Ourense Categoría:Nados en 1937 Categoría:Xornalistas de Ourense Categoría:Escritores de Galicia en lingua castelá Categoría:Músicos de Galicia