Heavy Gear é un escenario de xogo de ciencia ficción con mechas publicado dende 1994 pola editorial canadense Dream Pod 9. Inclúe un xogo de guerra táctico de mesa, un xogo de rol e un xogo de cartas (Heavy Gear Fighter). A ambientación tamén é coñecida polos xogos de PC publicados por Activision en 1997 e 1999, que foron desenvolvidos após Activision perdeu os dereitos da serie Battletech/MechWarrior. Tamén deu lugar a unha serie de animación en 3D para televisión de 40 episodios en 2001, que presenta unha versión simplificada do universo desenvolvido no xogo de rol.
O universo de fondo do xogo é moi detallado, con máis de un cento de libros e accesorios de xogo publicados dende 1994. Unha historia épica completa que atravesa todo o material do xogo, con novas publicacións que se sitúan ao longo da liña temporal. O xogo é coñecido polos seus vehículos de combate humanoides (ou mechas), os Gears e os Striders que usan as forzas militares da ambientación.
Desenvolvemento Despois da Gen Con de 1993, celebrada en Milwaukee, Wisconsin, os deseñadores de xogos de Dream Pod 9 decidiron que querían deseñar un sistema de xogo que puideran usar para publicar os seus propios libros; isto levou ao Silhouette System, que foi primeiro usado para Heavy Gear.Vezina, Marc A. (setembro de 1994). "Feature Review: Heavy Gear". White Wolf Magazine. Número 47, páxinas 24-25.
Trama e modo de xogo Heavy Gear sitúase nun distante e ficticio planeta chamado Terra Nova ao redor de 4 000 anos dende a actualidade (6132 EC). Terra Nova foi no seu momento o orgullo das colonias do Goberno da Terra Unida (en inglés, United Earth Govermment, UEG). Porén, un colapso económico forzou ao UEG a abandonar Terra Nova e as súas outras colonias antes do período descrito na ambientación do xogo. Isto levou a unha Idade Escura en Terra Nova. Finalmente, cidades estados xurdiron das cinzas e, xa sexa por tratados ou por tiranía, uníronse para formar nacións coñecidas como Ligas. Estas Ligas á súa vez aliáronse (de novo, de forma pacífica ou á forza) para formar os bloques de superpotencias que dominaron os hemisferios temperados sur e norte do planeta.
A xeografía do planeta está composta principalmente de terra que contén profundas reservas subterráneas de auga, pero poucos corpos grandes de auga aberta e ningún océano. O planeta ten o seu propio ecosistema de plantas e animais, como un animal semellante ao bisonte chamado barnaby que é utilizado como gando, e o hopper, que se asemella ao coello da Terra, aínda que a maioría de animais son de natureza reptiliana. A única característica dominante do terreo é un enorme cinto desértico quente e rico en minerais arredor do ecuador do planeta, coñecido como as Badlands. Este territorio non está dominado por ningún grupo político e é considerado un territorio aberto a todo o mundo, ademais de conter moitos grupos de bandidos coñecidos como Rovers. A maioría de persoas viven nas rexións polares do norte ou do sur onde as temperaturas son máis aceptábeis para a vida humana e onde se atopan outros tipos de terreo como bosques, pradarías, pantanos e xunglas. Pequenos casquetes polares de xeo con condicións árticas e glaciares atópanse nos auténticos polo sur e polo norte. O planeta ten moi pouca inclinación axial, polo que a diferenza de clima entre estacións é pequena ou no existe.
Como o fondo é principalmente escenario de xogos de estratexia, de rol e videoxogos, as forzas armadas e o seu armamento son o foco principal. Un dos sistemas de armas máis popular entre os varios grupos de Terra Nova son as máquinas coñecidas como Heavy Gears, que dan ao universo o seu nome. Son unidades de combate militar cun só tripulante, blindadas, bípedes e de entre 3,7 e 6,1 m. Os Gears teñen menos armamento pesado e blindaxe que os principais tanques de combate usados polos exércitos de Terra Nova. Porén, os Gears ofrecen unha mestura de capacidades que se proban efectivas, xa que as regras do xogo normalmente permiten a vitoria a través de guerra de manobras e poñen menos énfase en blindaxe e potencia de fogo bruta.
Varias guerras importantes teñen lugar ao longo do tempo, incluíndo a Guerra da Alianza (en inglés, War of the Alliance), onde Terra Nova únese contra un novo goberno ditatorial na Terra que tenta recuperar pola forza as súas antigas colonias. A Terra usa as súas propias máquinas de guerra avanzadas como tanques aerodeslizadores e exércitos de supersoldados GREL (siglas en inglés de Lexionarios Experimentais Xeneticamente Recombinados) de pel púrpura. Nesta guerra, tanto o norte como o sur cooperan para loitar contra a Colonial Expeditionary Force, que, durante a súa primeira derrota e retirada, abandona moito persoal (tanto humanos como GREL). Estes exsoldados finalmente aséntanse en Terra Nova e fundan a súa cidade propia cidade estado, Porto Arthur, nas ecuatoriais Badlands.
En 6132 EC (TN 1936, no calendario local), as Confederated Northern City-States (CNCS) e os Allied Southern Territories (AST) estanse recuperando e reconstruíndo da Guerra da Alianza. A pesar da inminente ameaza común que representa o posible regreso dos exércitos coloniais da Terra, as superpotencias polares teñen moito medo e animosidade a unha pola outra, unha analoxía da OTAN real e do Pacto de Varsovia, mentres as cidades estado independentes nas Badlands sinxelamente tentan sobrevivir ao fogo cruzado.
Os Heavy Gears As máquinas que dan nome ao escenario de xogo son os Heavy Gears. Máquinas de 3,7 a 6,1 m de alto con pesos entre 5 e 12 toneladas, que semellan robots humanoides. Levan un único piloto dentro do peito e a cabeza da unidade. Proporcionan unha flexibilidade ao campo de batalla do escenario de xogo de Heavy Gear que os fai máis útiles que moitas outras unidades, aínda que non dominan. Poden atravesar máis rápido o terreo máis difícil e mudar de dirección máis rápido que os tanques, o cal é importante nun escenario que resalta a mobilidade e non só a potencia de fogo.
Os Heavy Gears están propulsados por un só motor de pistóns de hidrocarburo chamado motor en V, a miúdo montado como mochila. Isto é diferente da maioría de ambientacións de ciencia ficción, que usan algunha forma de enerxía nuclear ou unha fonte de enerxía máis escura ou inventada. De forma confusa, este motor en V non é o mesmo deseño do moderno motor en V, senón un deseño funcional alternativo inventado por estudantes da Universidade de Colorado. O motor ten dous bloques de motores cilíndricos rotatorios con varias cámaras en cada bloque. Os bloques semellan un pouco os cilindros dun revólver a grande escala. Os dous cilindros rotatorios está colocados nun ángulo de 90 graos, e compartidas entre cada bloque rotativo hai varias varas ríxidas en forma de uve que fan de pistóns. A medida que os bloques dan voltas dentro de cámaras fixas, as aberturas nos laterais das partes xiratorias e as partes fixas do motor alíñanse e actúan como orificios de admisión e escape, e as conexións do contacto eléctrico accionan as buxías. A rotación dos bloques de cilindros aprovéitase para a xeración de enerxía eléctrica ou directamente para presión hidráulica.
O armamento dos Heavy Gear normalmente é máis lixeiro e menos potente que o dun tanque de guerra principal, xa que os Gears soen pesar só un quinto (ou menos) do que un tanque. Soen ter un canón automático levado como un rifle de asalto de man do tamaño dun Gear. Tamén soen ter un soporte para lanzamísiles de lanzamento múltiple montado no ombreiro, así como un pequeno lanzagranadas de fragmentación antipersoa para usar contra a infantaría. Porén, variantes de moitas máquinas, especialmente os modelos máis pesados, poden levar ou montar unha variedade ampla de armas, como morteiros pesados, bazukas, mísiles guiados, grandes lanzagranadas de man, grandes canóns ou artillaría, e mesmo armas avanzadas de enerxía dirixida.
Ilustracións e deseño Os libros de Heavy Gear chaman a atención por estar profusamente ilustrados. Cada libro contén planos das máquinas e vistas en corte moi detallados, xunto con bandeiras, insignias, mapas e outra información visual para axudar á inmersión dos xogadores. A maioría das ilustracións foron feitas polo ilustrador canadense Ghislain Barbe, que tamén foi responsábel das ilustracións de Jovian Chronicles, outro xogo de Dream Pod 9. A pesar de que deixou Dream Pod 9, Barbe produciu cubertas para a franquía de Heavy Gear até Heavy Gear Blitz! Locked & Loaded (2006).
Os temas principais de moitas ilustracións son os propios Heavy Gears, coas distintivas mochilas para o motor en V, unidades con cabezas de un só ollo e, polo menos, unha área pequena da máquina pintada cun esquema de pintura de fita de aviso alternando raias amarelas e negras.
Regras Todas as edicións de Heavy Gear usan algunha variación do sistema de xogo propio de Dream Pod 9, Silhouette. A primeira e a segunda edición do xogo conteñen tanto regras para xogar ao rol como para xogar ao wargame táctico. O Heavy Gear 'táctico' precisa de mapas con hexaedros e fichas de papel ou miniaturas.
A terceira edición de Heavy Gear RPG usa aparte o Silhouette CORE Rulebook (SilCORE), que se precisa para xogar. O libro Heavy Gear 3rd Edition contén útiles resumos de moitos dos produtos da 2ª edición, combinados con algunhas estatísticas detalladas tanto do SilCORE como do sistema D20 OGL.
Heavy Gear: Blitz! Locked & Loaded foi o último libro de regras que se publicou de Heavy Gear: Blitz!, sendo o primeiro publicado en 2006 de forma conxunta cunha nova liña de miniaturas. Non contén nada de material de rol e está deseñado exclusivamente como un xogo de guerra; contén un sistema de regras simplificado, un novo sistema innovador de construción de exércitos, listas de exércitos completas e información de fondo para cinco faccións, un sistema de campaña básico, unha guía de pintura e unha cronoloxía de acontecementos históricos no universo de Heavy Gear. As regras de Heavy Gear: Blitz! están pensadas para usar en modelos de terreo a escala 1:144, pero aínda é posíbel utilizar mapas con hexaedros e fichas de papel.
As regras de Heavy Gear: Blitz! estiveron nomeadas aos Origin Awards en 2007 na categoría de Mellor xogo de miniaturas ou expansión do ano.
En maio de 2009, Dream Pod 9 publicou Return to Cat's Eye, a primeira expansión para Heavy Gear: Blitz!, a cal proporcionaba información de fondo e listas de exército para tres novos exércitos.
Regras do Silhouette CORE RPG O Silhouette RPG, coñecido como SilCORE nas últimas edicións, é un sistema 'simulacionista' que define as personaxes en dez atributos base (axilidade, coñecemento, etc.), cinco atributos derivados (saúde, etc.) e unha variedade de habilidades. As tiradas de dados de habilidades son o cerne do sistema, mentres que os atributos base e derivados serven como modificadores da tirada.
A resolución de tarefas e as probas implican tirar un número de dados de seis caras, tomando o resultado máis alto, engadindo os modificadores por atributos e/ou situación, e entón comparalo a un número fixado como limiar. Se o resultado é máis alto que o limiar a proba é un éxito; se é máis baixa, a proba é un fracaso. A marxe polo cal a proba é superada (Margin of Success, MoS) ou fallada (Margin of Failure, MoF) axuda a determinar o resultado. As personaxes poden sufrir feridas que infrinxan penalizacións en troques de esgotar un número de puntos de saúde.
Algúns xogadores consideran o sistema como particularmente letal, especialmente para personaxes novatos. Unha variedade de regras opcionais está dispoñíbel no libro de regras do SilCORE para mitigar esta letalidade.
DP9 deixou de producir xogos de rol do seu catálogo entre 2006 e 2008, incluíndo Heavy Gear.