miniatura|Mapa de Europa sinalando a situación do Banato nos límites de Romanía, Serbia e Hungría. miniatura|A rexión do Banato, dividida entre Romanía (azul claro), Servia (amarelo claro) e Hungría (rosa). miniatura|A rexión do Banato en Romanía, ao oeste (en laranxa).
O Banato (Banat en romanés e alemán, Банат / Banat en serbio, Bánát ou Bánság en húngaro) é unha rexión histórica do sueste de Europa, actualmente dividida entre tres países:
Banato romanés, que pertence a Romanía (Timiș, Caraș-Severin, Arad e Mehedinți). Banato serbio, que pertence a Serbia (en Voivodina e no distrito de Belgrado). Banato húngaro, que pertence a Hungría (ao condado de Csongrád).
É unha parte da chaira de Panonia, limitada polos ríos Danubio ao sur, Tisza ao oeste, Mureş ao norte e os Cárpatos meridionais ao leste. A súa capital histórica é a cidade de Timișoara, no distrito de Timiş, en Romanía.
O termo Banato designaba en principio a unha provincia fronteiriza gobernada por un ban.
No Reino de Hungría había varios banatos: o Banato de Dalmacia, o Banato de Bosnia e o de Banato de Croacia. Pero o banato por antonomasia foi o Banato de Timişoara (ou Banato de Temesvar ) que, curiosamente, empezou a denominarse así tras o tratado de Passarowitz (1718), cando non estaba gobernada por ningún ban.
Historia
Antigüidade Os primeiro habitantes coñecidos do que hoxe chamamos Banato foron varias tribos neolíticas. Nos séculos IV - II a. C., varias tribos celtas emprazáronse na zona, especialmente os escordiscos e tauriscios da confederación dos volcos ( volcae ).
A rexión formou parte do Reino de Dacia, baixo Berebistas, no século I a. C. Este rei atacou os boios e aos tauriscios, exterminándoos, o que causou espanto aos romanos. Aos escordiscos non lles quedou mais remedio que recoñecerse submisos sexa a Berebistas, ou aos romanos. No 10 a. C. Octavio Augusto enviou unha expedición contra a Dacia, pero non tivo consecuencias. Nestes tempos os dacios enfrontáronse frecuentemente cos romanos sen resultados decisivos para ningunha das dúas partes, até que os dacios, baixo o rei Decébalo, derrotaron ao emperador Domiciano e o obrigaron a negociar a paz en condicións desfavorábeis, incluso coa obriga do pagamento dun tributo anual a Dacia.
O reino dacio era en verdade unha confederación de tribos de distintas procedencias. Dende oeste ao leste da Dacia vivían tribos celtas, dacias, xetas, xermánicas e escitas. Decébalo foi posibelmente de procedencia escordisca, e parente de Escorilo. Os romanos prepararon a vinganza, que levou a cabo Traxano. No ano 101 a primeira gran batalla cos dacios librouse preto de Thorda, nun lugar que aínda hoxe se denomina Prato de Trajano (Pratum Trajani). Decébalo puido renegociar as condicións da paz en 104, pero converteuse en tributario de Roma, e unha gornición romana foi establecida na súa capital, dirixida por Lonxino. Traxano tomou o título de "dácico".
Decébalo utilizou a paz para rearmarse. Atacou os iacixes, que eran aliados dos romanos, acolleu desertores romanos e, finalmente, arrestou a Lonxino e fixo saber que non o liberaría até a evacuación romana do país e a compensación polos gastos militares. Durante esta segunda guerra dacia (105), Traxano atravesou o Danubio polo lugar chamado Portas de Ferro, onde fixo construír a célebre ponte flotante (iniciada contra o 103), e dirixiuse contra a capital de Decébalo (que os dacios non puideron defender e incendiaron antes de fuxir ás montañas) e entrou nela o ano 106.
A dominación romana tivo un grande impacto. Os romanos estableceron fortificacións (castra) e construíron vías e numerosos edificios públicos. Tamén estableceron os establecementos de baños públicos de Ad Aquas Herculis, hoxe Băile Herculane. Algúns dos asentamentos importantes romanos no Banato foron Arcidava (hoxe Vărădia), Putea Centum (hoxe Surducu Mare), Berzobis (hoxe Berzovia), Tibiscum (hoxe Jupa), Agnaviae (hoxe Zăvoi), Ad Pannonios (hoxe Teregova), Pretorio (hoxe Mehadia) e Dierna (hoxe Orșova).
Cando en 273 Aureliano retirou o exército romano de Dacia, a zona, moi romanizada, quedou en mans de foederatii como os sármatas (iacixes, roxoláns, agaragantes limigani) e, máis tarde, dos hunos.
Alta Idade Media. Período búlgaro Os godos foron desprazados polos hunos, que instalaron o seu centro de decisión na chaira panónica, nunha zona que incluía a parte noroeste do Banato de hoxe. Tras a morte de Atila, o Imperio huno desintegrouse en poucos días, e os anteriormente sometidos xépidos formaron un novo Reino que durou 100 anos, cando foron derrotados polos ávaros.
Os ávaros xogaron un importante papel na rexión, sostendo guerras cos bizantinos. No curso das primeiras migracións medievais, os eslavos instaláronse no Banato no século VI e, no século IX, o territorio do Banato formaba parte do Imperio Búlgaro. Unha inscrición nun dos buques do tesouro de Sânnicolau Mare (que é presumibelmente de orixe ávara) rexistra os nomes de dous gobernantes locais, Butaul e Buyla, que levaban o título dos gobernantes eslavos: župan. A crónica histórica húngara Gesta Hungarorum fala dun duque chamado Glad, soberano do territorio do Banato, que era vasalo do tsar Simeón I de Bulgaria. O dominio dos ávaros sobre a zona durou até o século IX, coas campañas de Carlomagno.
Período húngaro (século X - século XVI) O Banato estivo baixo administración de Hungría desde o século X até 1552, cando os otománs tomaron a rexión de Timişoara. O duque banatense Glad sometérase aos maxiares tras ser derrotado polos comandantes Boita, Zuard e Cádusa. O estado maxiar, que pasou a denominarse Hungría non estaba aínda organizado daquela. A zona do río Temes, hoxe chamada Banato estaba acaudillada no comezo do século XI polo duque Ahtum, descendente de Glad, dende o case milenario castro Morisena. Ahtum recibiu o bautismo na cidade búlgara de Vidin xunto a toda a súa familia, incluído o seu curmán e sucesor Csanád, ou Chanadino. Ahtum trouxo entón monxes bizantinos a Morisena onde estes fundaran o mosteiro de San Xoán o Bautista. O bautismo de Ahtum porén foi só de forma xa que o duque seguía mantendo sete esposas e venerando os deuses ancestrais.
Ao mesmo tempo xorde o proceso da consolidación do novo Reino de Hungría con San Estevo I. Estevo levaba moito tempo loitando contra os duques rebeldes, como pode ser o pretendente pagán Koppány, ou o mesmo curmán da súa nai, Xilas II duque de Transilvania. A vida de San Xerardo cóntanos como o duque Ahtum confiando na multitude do seu exército e dos seus cabalos púxolle cara ao Rei cobrando unha peaxe polo paso dos barcos con sal. Ademais Ahtum desterrara ao seu curmán Chanadino, temendo a que este lle puidera quitar o trono. Chanadino, sendo ao mesmo tempo sobriño do Rei, acaudillou as tropas cristiás en contra do seu curmán na batalla de Tomnatic en 1028. Ahtum perdeu a vida e Chanadino sucedeuno no ducado. Conta a lenda que antes da batalla a Chanadino apareceulle San Xurxo baixo a forma dun león asegurándolle a vitoria. Como agradecemento, o duque Chanadino construíu o mosteiro de Oroszlámos (palabra húngara por «león») que se convertera na necrópole da familia ducal. Alí foron mudados os monxes bizantinos traídos polo seu curmán dende Vidin. Non se sabe exactamente canto tempo e como foron caudillos os duques descendentes deste, xa que a invasión dos mongois no século XIII supuxo unha grande perda de documentos. Certo é que no sur do Banato reinaban os duques do clan Osl, supostamente vasalos dos Chanadinos. Máis tarde, a partir do século XIII outros grandes terratenentes da rexión serán os membros do clan Bor-Kolan, antigos duques das rexións veciñas de Csongrád e Baranja. Como organizacións políticas fúndanse sete condados entre os séculos XI - XIII:
Chanad (coa sede na cidade de Chanad, antiga Morisena). no século XIV, a rexión de Temes (coa sede en Timisoara). Arad (coa sede en Arad). Covin (coa sede na fortaleza de Covin, antiga fortaleza de Glad). Caras (coa sede na fortaleza de Caras ou Horom). Torontal (coa sede en Becicherec). A Marca de Severino (coa sede na cidade de Severino).
Esta última era a marca de defensa que tiña Hungría con Bulgaria. Co tempo converteríase na prioridade principal para a monarquía húngara, porque a fronteira sur do Banato era a máis importante liña defensiva contra a crecente expansión dos otománs.
Como organización eclesiástica, San Estevo I fundara a diocese de Chanad, na antiga cidade ducal, renomeada así en honor a Chanadino. Esta diocese era de rito latino e o seu primeiro bispo foi San Xerardo, un monxe bieito de Venecia. Baixo a tutela da dinastía ducal Chanadina, así como a dos reis húngaros, asentouse no Banato tamén o rito bizantino, e posteriormente ao ano 1054 a Igrexa ortodoxa.
Período otomán (1552 - 1716) No ano 1354 iniciouse a conquista turca da Europa balcánica e, en tan só unha centuria, a práctica totalidade da península pasou a mans dos invasores asiáticos. Unha coalición de pobos balcánicos, liderada polo príncipe serbio Lázaro Hrebeljanović, foi esmagada en Kosovo Polje (1389)Geoffrey Parker, The Reader's Companion to Military History, Houghton Mifflin Books The Battle of Kosovo: Early Reports of Victory and Defeat, by Thomas A. Emmert Consultada o 16/12/201.. miniatura|200px|esquerda|Murad II.
A finais do século XIV Bulgaria, Tracia, Macedonia e o norte de Grecia foran xa ocupadas, e Serbia e Bosnia pagaban tributo ao Sultán. O sucesor de Lázaro, Estevo (1389 - 1427), proclamouse déspota e, aliado de Hungría, estableceu a súa capital en Belgrado (1412). Este esforzo efémero contra a presión otomá foi continuado por Xurxo Branković (1427 - 1456), que trasladou a Semendria a capital da zona serbia por el controlada, e propuxo a unión de Bosnia, Serbia e Hungría contra os turcos. Pero as súas peticións non acharon eco, e os esforzos de Hungría para galvanizar os cristiáns balcánicos e promover unha cruzada europea contra o islam foron anulados polo desastre de Varna (1444), que abriu definitivamente aos otománs a posesión dos Balcáns ao derrotar as tropas de Murad II ás de Ladislau III de Polonia e a Janós Hunnyadi de Hungría.Harris, Jonathan (2010): The End of Byzantium. New Haven and London: Yale University Press. ISBN 978 0 30011786 8 Serbia converteuse nun paxalato otomán (1459), mentres que o último déspota se retiraba a Bosnia que, catro anos despois (1463), tamén pasou a mans turcas, a pesar de que o seu voivoda se proclamara vasalo do Sultán. Herzegovina caeu en 1482 e, nese mesmo ano, outro paxalato uniu esta rexión con Bosnia. Croacia foi aniquilada na batalla de Krbasko Polje (1493), o que orixinou un desprazamento de croatas a Eslovenia e Hungría, onde tamén se refuxiaran numerosos serbios.Imber, Colin (2002): The Ottoman Empire. London: Palgrave/Macmillan. ISBN 0 333 613872
miniatura|220px|Imperio Otomán coas conquistas entre 1481 e 1683.
Aínda houbo unha terceira vaga de conquistas turcas, no século XVI. Tras a caída do reduto de Belgrado (1521), formouse un estado "tapón" para protexer a fronteira húngara que, porén, non puido conter as emigracións de serbios a dito país. Finalmente, chega o desastre húngaro de Mohács (1526), que comportou a perda de Eslavonia (parte oriental de Croacia) e a maior parte da propia Hungría. Despois da derrota de Mohács, os croatas preferiron pasar a seren súbditos da casa de Habsburgo de Austria.Andrew Archibald Paton, Researches on the Danube and the Adriatic; or Contributions to the modern history of Hungary and Translvania, Dalmatia and Croatia, Servia and Bulgaria, páx. 226 Consultada o 16/12/2011.