miniatura|Sestercio romano co retrato do emperador Gordiano I (238 d. C.). A economía de Hispania experimentou un forte crecemento tras a conquista de Roma, de tal forma que, dun territorio prometedor aínda que ignoto, pasou a converterse nunha das máis valiosas adquisicións da República e o Imperio, por ser un puntal básico da economía romana.
A economía prerromana Antes da entrada de Roma en Iberia, practicamente a totalidade da península tiña unha economía rural de subsistencia, con escaso tráfico comercial, fóra dos núcleos urbanos, situados sobre todo na costa mediterránea como Tarraco, que comerciaban con Grecia e cos fenicios.
A estratexia económica da conquista romana Antigamente circularan polo Mediterráneo lendas fenicias sobre as infinitas riquezas de Tartessos e sobre as expedicións comerciais coa costa hispana, que regresaban cargadas de prata. Indubidablemente, estas historias contribuían ao interese das potencias mediterráneas pola Península Ibérica.
Trala súa derrota na primeira guerra púnica, Cartago perdeu importantes mercados cos que comerciar e viuse obrigada a pagar tributos a Roma como compensación pola guerra. Co fin de paliar esta situación, os cartaxineses decidiron expandirse pola costa de Iberia, que entón estaba fora da área de influencia romana. Cartago, interesada sobre todo en obter beneficios comerciais inmediatos, explotou as minas de prata de Carthago Nova e do litoral andaluz, estraendo importantes cantidades deste metal co que financiaría en gran parte a segunda guerra púnica e a campaña italiana de Haníbal.
Por este motivo entre outros, un dos primeiros obxectivos estratéxicos de Roma ao invadir a península foi arrebatar a Cartago as minas de Carthago Nova. En parte debido á perda destes recursos, e en gran parte debido ao illamento en que quedara, Haníbal tivo que renunciar á guerra en Italia en 206 a. C.
Tras a expulsión de Cartago, parte dos pobos indíxenas de Hispania quedaron obrigados a pagar tributos a Roma a través dunha intricada rede de alianzas e vasalaxes. A pesar diso, ao longo dos séculos II e I a. C., Roma tivo aos territorios da Hispania aínda non conquistada como un lugar propicio para o saqueo e a rapina, rachando con frecuencia os tratados de paz que, como os acordados en tempos de Sempronio Graco, permitiran períodos prolongados de paz. O levantamento dos pobos celtiberos e lusitanos só serviu para aumentar os ingresos de Roma a través dos inmensos botíns de guerra obtidos en campañas como as de Catón o Vello.
Esta política de obtención de riquezas pola forza tivo a súa continuidade nas campañas de Pompeio e posteriormente de Xulio César, de quen contan as crónicas que acudiu non só a loitar contra Pompeio, senón a lucrarse da conquista para pagar aos seus acredores.
Mentres tanto, a costa mediterránea hispana, que fora conquistada durante a guerra contra Cartago e rapidamente romanizada, comezaba a súa expansión económica e comercial que pronto faría famosa a Hispania no mundo romano.
A economía da Hispania romanizada Ademais da explotación dos recursos minerais, Roma obtivo coa conquista de Hispania o acceso ás que probablemente fosen as mellores terras de labor de todo o territorio romanizado. Por tanto, facíase necesario pór aquelas terras en explotación canto antes. Durante toda a dominación romana, a economía produtiva hispana experimentou unha grande expansión, favorecida ademais por unhas infraestruturas viarias e unhas rutas comerciais que lle abrían os mercados do resto do imperio.
A circulación monetaria Un dos máis indubidables símbolos de civilización que as culturas foráneas achegaron a Hispania foi a cuñaxe de moeda co fin de facilitar as transaccións comerciais. Até entón, os pobos peninsulares baseaban a súa economía no troco de produtos, pero a principios do século III a. C., colonias gregas como Ampurias comezaron a cuñaxe de moedas, aínda que sen influencia máis aló dos seus límites territoriais.
Posteriormente, Cartago introduciría de forma máis xeneralizada o uso da moeda como forma de pago ás súas tropas, antes da invasión romana; pero serían finalmente os romanos os que imporían o uso da moeda en todo o territorio hispánico, e non só daquela moeda cuxo valor se baseaba no metal da mesma, senón doutras que, sendo de inferior valor que a súa aliaxe, estaban avaladas polo tesouro romano. Da abundancia de moedas achadas, sobre todo daquelas de valor máis pequeno, extráese a conclusión de que o uso monetario estivo amplamente estendido a nivel cotián. Durante o período expansivo de Roma en Hispania, moitos pobos da Península cuñaron as súas propias moedas co fin de facilitar o pagamento de tributos e o comercio coa área baixo dominio romano.
Durante todo o período republicano, era o senado romano o que controlaba por completo a emisión de moeda a través das magistraturas monetarias, aínda que posteriormente, co auxe dos ditadores, o seu control reduciuse ás moedas menores, pasando máis tarde moitas das cecas a control imperial.
Unha vez consolidado o poder romano en Hispania, foron moitas as cecas que cuñaron moeda, como Tarraco (a primeira das cecas romanas en Hispania), Itálica, Barcino, Caesaraugusta, Emerita Augusta etc. E ao longo e ancho do Imperio, máis de 400 cecas proporcionaron moeda á maior parte de Europa, o norte de África e Oriente Próximo.
Minería miniatura|Lingotes de chumbo procedentes das minas de Carthago Nova. Museo Nacional de Arqueoloxía Subacuática de Cartaxena. Sen dúbida, o primeiro interese de Roma en Hispania foi extraer proveito das súas lendarias riquezas minerais, ademais de arrebatarllas a Cartago. Tras o final da segunda guerra púnica, encomendouse a Publio Escipión «o Africano» a administración de Hispania, prestando unha especial atención á minería. Roma continuaría as prácticas de extracción que iniciaran os pobos iberos e que posteriormente os cartaxineses mellorarían importando as técnicas usadas no Exipto tolemaico.
Xa que a propiedade das minas era estatal, Roma creou as compañías «societates publicanorum», empresas públicas administradas por publicanos para a explotación mineira. Estes publicanos, xeralmente pertencentes á orde ecuestre, enriquecéronse con rapidez e en grande abundancia, pero durante a ditadura de Sila, este arrebatou as minas aos publicanos, póndoas en mans de particulares e obtendo con iso un gran beneficio económico e político. En tempos de Estrabón (séculos I a. C. – I d. C., durante a transición entre a República dos ditadores e o Imperio), outorgáronse pois concesións de explotación a particulares. Este sistema permitiu o rápido enriquecemento de certas familias que, procedentes de Italia, instaláronse en Hispania con este fin. Noutros casos, as minas podían pertencer a unha cidade (xeralmente a unha colonia). Os beneficios das minas hispanas foron inmensos e mantivéronse durante todo o período de dominio romano de sete séculos, o que convertía a Hispania nun puntal económico de Roma. As crónicas expresan con bastante fidelidade as cifras da produción mineira, que xa no século II a. C. eran de máis de nove millóns de denarios anuais, mentres os botíns de guerra do mesmo período nunca foron en total superiores a pouco máis da terceira parte desta cifra. esquerda|miniatura|Bocas de entrada nunha mina de cobre en Texeo (Principado de Asturias) explotada en época romana. Con relación aos minerais, Roma extraeu con maior interese prata, cobre e ferro. Haníbal dera unha gran vitalidade ás minas de prata de Carthago Nova. Nos arredores de Cartaxena e Mazarrón, Roma continuou extraendo prata, chumbo, e outros minerais en grandes cantidades. Segundo Estrabón nas minas de prata de Carthago Nova traballaban até 40 000 escravos, reportando ao pobo romano 25 000 dracmas diarios.
Tamén na Bética, na comarca de Ilipa (o mesmo lugar onde Escipión inflixira unha importante derrota aos cartaxineses, na marxe occidental do río Betis, onde aínda hoxe existen importantes xacementos mineiros como os de Almadén de la Plata ou Aznalcóllar, en Sevilla) e o mercurio de Almadén que dependía de Sisapo (Val de Alcudia, Cidade Real). Desta produción, ademais dos vestixios nos mesmos xacementos mineiros, dan mostra os numerosos pecios submarinos nos cales se acharon lingotes de prata, chumbo e pans de cobre cos selos dos fundidores hispanos. miniatura|Útiles e ferramentas mineiras procedentes das minas de Carthago Nova. Museo Arqueolóxico Municipal de Cartaxena. Outro importante mineral extraído en Hispania era o lapis specularis, un tipo de pedra de xeso especular traslúcido moi apreciado como mineral para a fabricación, a modo de cristal, de xanelas en Roma. A súa principal área de explotación eran as actuais provincias de Toledo e Cuenca, sendo o centro administrativo da súa produción mineira a cidade de Segóbriga, da cal era o principal recurso económico.
Máis alá de todo iso, o traballo na minería nos tempos da Hispania romana efectuábase nunhas condicións terribles. Millóns de escravos eran ocupados nas minas nun labor extremadamente perigoso, sen ningún tipo de seguridade e sen un horario que fose humanamente soportable. Para un escravo, o destino das minas constituía a peor das fortunas, e con case total seguridade, pasar o resto dos seus poucos días sen chegar a ver máis a luz do sol, carrexando mineral e pedras durante todo o día ou picando nas galerías, sempre baixo a ameaza dos derrubamentos.
Agricultura Axiña que se obtiveron as primeiras conquistas, as terras de cultivo foron repartidas entre as tropas licenciadas, sendo os terreos medidos e repartidos para a colonización do territorio. Tradicionalmente, o traballo do campo fora idealizado pola cultura romana como a culminación das aspiracións do cidadán. Os romanos impulsaron a lexislación sobre propiedade dos terreos, garantindo os lindes grazas ás técnicas de agrimensura e a «centuriación» dos campos. Esta política permitiría unha rápida colonización das terras. Posteriormente, avanzado o século II a. C., produciríase a crise do campesiñado en todo o territorio baixo dominio romano, provocada pola inxente cantidade de escravos que eran empregados en todos os sectores produtivos, e consecuente caída en picado da competitividade do pequeno campesiñado. A crise, a pesar dos fracasados intentos de reforma agraria dos tribunos Tiberio e Caio Sempronio Graco, favorecería o fortalecemento dos grandes latifundistas, posuidores de grandes extensións de terreo dedicados ao monocultivo e traballados por escravos. O pequeno campesiño en moitas ocasións veríase abocado a abandonar as súas terras e pasar a engrosar as filas dos cada vez máis numerosos exércitos romanos.
Na economía agrícola romana, unha leira boa dispuña de cinco partes, dedicadas respectivamente a oliveira, vide, trigo (pan), horto (froitas e verduras) e pastos para gañado. Reflicte isto a importancia de cada unha estas partes na alimentación da época. Desa partición quedou a expresión castelá «quinta de...» (oliveiras, laranxeiras etc.) que co tempo tomou o sentido de «leira de recreo».
O oliveiral e o comercio de aceite miniatura|Oliveiral na provincia de Granada. Dentro da produción agrícola hispana destacou xa desde o século II a. C. o cultivo da oliva, especialmente no litoral mediterráneo tarraconense e bético. Durante o período de dominio romano, a provincia Bética especializouse na produción de aceite de oliva dedicado á exportación cara a Roma e cara ao norte de Europa.